+ 34 981 508 142

20 de maio, Día Mundial das Abellas

A Unión Europea apoia a celebración do Día Mundial das Abellas o 20 de maio a petición de Eslovenia, que transmitirá agora a proposta ás Nacións Unidas.

A Asociación de Apicultores Eslovenos e o goberno Esloveno fixeron esta proposta no Parlamento Europeo o pasado mes de abril. No último Consello de Agricultura da Unión Europea, celebrado en Bruselas o 11 de maio, unha maioría de países decidiu apoiar a iniciativa, entre os cales estaba España, tal como acordou nunha reunión previa cos Conselleiros de Agricultura das distintas comunidades autónomas.  O seguinte paso será presentalo ante as Nacións Unidas, para que sexa instaurado oficialmente a nivel mundial.

 

Este apoio institucional xa se está trasladando á sociedade, a través de asociacións e entidades relacionadas coa apicultura, que queren visibilizar con esta celebración a importancia da abella no medio ambiente, na produción de alimentos e na economía. A CODACC enviou unha nota de prensa ós medios, apoiando o 20 de maio – Día Mundial da Abella, co obxectivo de reivindicar o papel fundamental que desempeñan as abellas na conservación da biodiversidade e denunciando os graves problemas polos que atravesa a apicultura na Cornisa Cantábrica. Ver nota de prensa. Tamén a Asociación Malagueña de Apicultores e o Museo de la Miel de Málaga, celebrarán o 20 de maio unha xornada de portas abertas, na que ademais da oferta habitual del Museo de la Miel, se proxectarán vídeos sobre a apicultura de Málaga e poderán degustarse os diferentes tipos de mel. 

Dende AGA apoiamos tamén esta celebración e que por todo o mundo viaxe a mensaxe da importancia que teñen as abellas e da súa necesaria protección. O noso apoio será visitando ó país impulsor desta iniciativa, xa que este ano AGA organiza unha viaxe a Eslovenia, onde coñeceremos en primeira persoa a apicultura que tivo como referencia ó histórico apicultor Anton Jansa, do que se collerá o seu aniversario de nacemento, o 20 de maio, para a celebración do Día Mundial da Abella.


Voltar