+ 34 981 508 142

24 ORGANIZACIÓNS SÚMANSE Á PLATAFORMA STOP VESPA VELUTINA

19 de maio de 2017

A Plataforma Stop Vespa velutina ten como obxectivo presionar á administración na asunción de competencias sobre esta problemática medioambiental que afecta a toda a sociedade. A presentación da plataforma ós medios de comunicación terá lugar o 20 de maio ás 12:30 h. no IES Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, aproveitando a celebración do día Mundial das Abellas para reivindicar a necesaria protección das abellas como gardiás do medio ambiente.

O obxectivo da Plataforma Stop Vespa velutina é esixir a asunción de competencias sobre a problemática do tártago asiático por parte da Consellería de Medio Ambiente no ámbito de Galicia, e máis do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente no ámbito Estatal,  nas seguintes cuestións: impulsar a investigación, a importancia da loita preventiva, a necesidade dun organismo único e a labor de divulgación social. Estas peticións foron recollidas nun documento de mínimos e entregadas na Consellería de Medio Ambiente e no Ministerio de Agricultura esta semana.

A plataforma nace á iniciativa da Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego Galego e está integrada actualmente por 24 organizacións de diferentes sectores, apícola, ecoloxista, sindical e universitario.  Dende esta plataforma consideramos que a problemática da Vespa velutina non é competencia exclusiva da Consellería de Medio Rural, como ata agora se leva atribuindo por vía administrativa, se non que tamén e especialmente de Medio Ambiente. A lexislación existente sobre as Especies Exóticas Invasoras (EEI) regula as mesmas considerándoas un problema medio ambiental polos desequilibrios que provocan nos ecosistemas autóctonos. Nestes documentos refléxanse os importantes danos causados por estas especies invasoras en Europa (12,5 millones de euros/ano, ademais dos importantes danos medioambientais) e regúlanse tamén as obrigas das Administracións con competencia medio ambiental na xestión da problemática. A invasión da Vespa velutina é un problema de toda a sociedade, aínda que o sector apícola sexa o perxudicado máis directo, e como tal queremos enfocar esta loita.

A presentación da plataforma terá lugar o 20 de maio ás 12:30 h. no IES Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, aproveitando a celebración do Día Mundial das Abellas. Este día inaugurarase a exposición didáctica "Dalle vida ó teu xardín" sobre o mundo das abellas e a súa relación coas plantas, organizada por AGA e na que participarán os alumnos e alumnas do instituto. As persoas que se acheguen poderán facer un percorrido guiado pola exposición, que inclúe a visita ás centenarias alacenas que ten o edificio, e unha degustación de meles. A exposición estará aberta ó público ata o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

Documento de mínimos da Plataforma Stop Vespa velutina.

 

 


Voltar