+ 34 981 508 142

A Consellería de Medio Rural anuncia un novo reparto de trampas para a Velutina

A Consellería de Medio Rural acaba de informarnos que fará un novo reparto de trampas e atraíntes para a Vespa Velutina para utilizar no outono, que van destinadas ás explotacións que non recibiran o produto na primavera, naqueles concellos onde foi detectada a presenza da avespa ao longo do 2015.

O prazo para recoller as trampas rematará o 15 de outubro.

A continuación adxuntamos o texto da carta que será enviada ós apicultores e apicultoras que poderán recoller este material.

 

Estimado/a apicultor/a:

Como ben coñece, durante os anos 2014 e 2015 produciuse en Galicia una importante difusión da especie invasora Vespa velutina, especie que pode afectar á nosa produción apícola, ao atacar ás abellas. Para minimizar os efectos desta vespa, a Xunta de Galicia desenvolveu un Plan de vixilancia e control que incluía a colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto, e a localización de niños para a súa eliminación.

A través deste plan, localizáronse ao longo de 2014 máis de 900 niños da vespa, sendo eliminados no ano 2015 xa máis de 1.500 niños, o que supón unha importante axuda no control deste insecto. Así mesmo, na primavera de 2015 realizouse o reparto de 1.300 trampas entre os apicultores, destinadas á captura de exemplares de raíñas fundadoras nos meses de febreiro a maio. O balance de capturas de raíñas ao final dese período estímase en 3.000 exemplares, o que significou outros tantos niños menos nesta tempada.

A Consellería do Medio Rural e do Mar decidiu intensificar o plan de control coa colocación de trampas para a captura de raíñas no outono, momento no que se sitúan fora do niño as futuras raíñas que foron fecundadas polos zánganos, e que hibernarán e darán lugar a un novo ciclo de actividade da vespa no ano seguinte. O obxectivo é o mesmo que a captura de raíñas de primavera, xa que cada raíña fundadora capturada podería significar un niño menos no entorno. As experiencias na loita fronte á Vespa velutina sinalan que a colocación de trampas no entorno dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural e do Mar distribuirá aos apicultores das zonas afectadas ata a data actual pola Vespa velutina trampas comerciais e líquido atraente, co obxecto de que as coloquen nas proximidades das súas colmeas, recollendo o maior número posible de raíñas. O número de trampas a colocar por cada apicultor dependerá do número de colmeas que posúan. Naqueles asentamentos apícolas para os que a Consellería do Medio Rural e do Mar xa entregou trampas en primavera, os apicultores poden utilizalas mediante o uso de atraentes caseiros.

Dado que as súas colmeas se localizan nun concello onde se detectou a presenza da Vespa velutina, infórmolle que se o desexa, pode acudir á Oficina Agraria Comarcal de ____________, co seu DNI e Caderno de Explotación Apícola, onde os Servizos Veterinarios Oficiais lle entregarán o número de trampas e botes de líquido atraente que lle correspondan, dándolle as indicacións necesarias para a súa colocación. No caso de que a recollida a realice outra persoa que non sexa o titular das colmeas, esta deberá achegar unha autorización asinada por vostede. O prazo para recoller as trampas rematará o 15 de outubro.

A directora xeral de Produción Agropecuaria. Patricia Ulloa Alonso


Voltar