+ 34 981 508 142

A FORMACIÓN, UN VALOR DA NOSA ASOCIACION

27 de xullo de 2017

Un dos fins principais da nosa asociación é a formación dos socios e socias, que se dirixe tanto os máis pequenos, con cursos que teñen como obxectivo iniciarse no mundo abelleiro ou actualizar coñecementos, como ós grandes, cuio interese é acadar unha profesión e especializarse para obter mellores resultados da actividade. Por iso ofrecemos tódolos anos un programa de formación que intentamos sexa o máis repartido xeográficamente posible, para facilitar a participación da xente, e cunha variada oferta de contidos, para satisfacer a demanda formativa e de coñecementos dos apicultores e apicultoras de Galicia.

 

Valoración do programa desenvolto no 2017

No mes de xullo rematamos o progama de formación 2017, no que repetimos o modelo de cursos básicos de apicultura que levamos impartindo nos últimos anos, cursos teórico-prácticos de fin de semana. Notamos este ano que baixou algo a participación respecto a anos anteriores, quizais porque ampliamos o número de cursos ou por repetir varios anos no mesmo lugar. De tódolos xeitos o resultado foi satisfactorio, pois impartíronse 17 cursos en diferentes lugares das catro provincias cun total de 270 participantes, moitos dos cales acabaron facéndose socios e socias, co beneficio que iso supón para a nosa asociación. O éxito que teñen os cursos de especialización en reprodución e cría de raíñas obríganos a incluilos cada ano no programa de formación de AGA. Como sempre, David e José, técnicos de Apilarouco, e Marcos e Jara Varela de Abella Meiga, ofreceron uns cursos de elevada calidade que encheron o cupo de asistentes previsto. Tamén as delegacións comarcais ofreceron cursos de variado contido que tiveron boa acollida entre os seus integrantes. E este ano como novidade na oferta formativa incorporamos as xornadas sobre reprodución do apiario, que consideramos serían de moita utilidade para os nosos asociados e asociadas e así se demostrou despois coa elevada asistencia na maioría deles. Foron 6 xornadas nas que participaron máis dun cento de socios e socias e que tiveron unha altísima demanda nalgúns casos. En total, no programa 2017 foron 25 os cursos impartidos cunha participación de 430 persoas.

Programa de formación do 2018

De cara ó ano que ven, pensamos preparar durante este inverno un equipo de formadores e formadoras para continuar coa nosa tarefa de ofrecer un servizo útil para os nosos socios e socias e coa motivación de aumentar a calidade nos contidos e a variedade na temática dos cursos. Repetiremos seguramente a fórmula das xornadas de reprodución e nos cursos de especialización incluiremos unha formación exclusiva para profesionais, mentres que nos cursos de iniciación plantexaremos unha redución no número, centralizándoos en dous ou tres por provincia e aumentando a duración dos mesmos. Como tódolos anos, o programa de formación terá lugar principalmente na primavera e enviaremos información nos correos apícolas e na web.

Asesoramento continuado para os nosos socios e socias

Non queremos agardar ata o ano que ven para seguir ofrecendo asesoramento e información  así que iremos incorporando unha formación apícola continua ó longo de todo o ano a través da nosa web, na que iremos publicando artigos de divulgación técnica con máis periodicidade. Animamos tamén ós socios e socias a utilizar o noso servizo de asesoramento a diario, tanto dende a nosa sede central en Arzúa como directamente cos nosos técnicos  nos seguintes teléfonos e emails:

Información xeral e técnica: Tel. 981 508 142 e 630 069 637 – Email: info@apiculturagalega.es

Veterinario: Gonzalo Calvo – Tel. 630 838 312 – Email: veterinario@apiculturagalega.es

Servizo xurídico e subvencións: Laura García – Tel. 640 230 155 – Email: servizoxuridico@apiculturagalega.es


Voltar