+ 34 981 508 142

A IMPORTANCIA DAS ABELLAS E A NECESIDADE DE PROTEXELAS FRONTE A VESPA VELUTINA NO DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS

24 de maio de 2017

A Asociación Galega de Apicultura festexou o pasado 20 de maio o Día Mundial das Abellas con varios eventos que se desenvolveron de forma simultánea en diferentes lugares de Galicia. Centos de persoas participaron nesta celebración, que incluía unha variada oferta de actividades: exposicións, charlas, formación e actividades para nenos e nenas.

Durante o Día Mundial das Abellas moitas persoas de diferentes lugares de Galicia puideron achegarse ó mundo das abellas a coñecer como son estes pequenos e importantes insectos e aprender a protexelos, en particular fronte o ataque da Vespa velutina. O obxectivo deste día era sensibilizar sobre a súa importancia na saúde do medio ambiente e polo tanto das persoas e implicar á sociedade na protección que merecen as abellas polos moitos beneficios que nos aportan.

En Santiago de Compostela, presentouse a Plataforma Stop Vespa velutina, creada para presionar á administración na asunción de competencias na problemática do tártago asiático, e inaugurouse a exposición titulada "Dalle vida ao teu xardín" no IES Rosalía de Castro, na que os visitantes puideron contemplar ás abellas traballando no interior dunha colmea e saborear o seu máis doce produto, o mel. Este día deron comezo un programa de actividades didácticas sobre o mundo das abellas no IES Rosalía de Castro, coas que os alumnos e alumnas irán completando a exposición ata o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. AGA realizará un acto de peche da exposición no que terá protagonismo a apicultura urbana que está presente na cidade compostelá.

Catro concellos da comarca de Ferrolterra organizaron coa delegación de AGA nesta zona varias charlas divulgativas e un concurso de trampeo da Vespa velutina no que participaron 1.220 alumnos e alumnas dos centros de ensino, que aprenderon a combatir ó tártago asiático e axudar así a coidar das abellas. En Allariz a espectacular Casa das Abellas instalada no Festival Internacional de Xardíns acolleu ós visitantes que degustaron os meles galegos e aprenderon a facer as trampas caseiras contra a velutina. En Nigrán, o Día das Abellas compartiu día coas Xornadas e Feira Apícola do Val Miñor, cunha gran asistencia de público que disfrutou das moitas actividades sobre apicultura e abellas organizadas pola DAGA Rías Baixas para tódolos públicos. O Xardín Botánico de Culleredo acolleu tamén ós abelleiros e abelleiras da delegación de AGA na Coruña, que ofreceron degustación dos seus meles e amosaron o apiario urbano instalado no interior do xardín. A Casa do Mel de As Pontes abriu as súas portas para ensinar ós visitantes que alí acudiron todos os segredos das abellas e dos seus valiosos produtos. E no CEIP Francisco López Estrada do Barqueiro, coa colaboración da DAGA Ortegal, contribuiron a esta celebración pintando un gran mural no colexio sobre o Día Mundial das Abellas.

A continuación algunhas imaxes da xornada. Máis fotos no facebook de AGA.


Voltar