+ 34 981 508 142

A MARCHA STOP VELUTINA CONTINÚA DIFUNDINDO A SÚA MENSAXE DA MAN DE MIGUEL ANGEL REVILLA

10 de novembro de 2017

No pasado mes de outubro tivo lugar a Marcha Stop Velutina organizada por AGA e a CODACC para sensibilizar sobre o grave problema medioambiental que supón a invasión do tártago asiático. Os medios de comunicación realizaron unha boa cobertura durante os días que durou a Marcha Stop Velutina, tal como recollemos neste documento: Enlaces Medios Marcha. Esta presencia nos medios continuará a facerse dende AGA pero tamén da man doutras persoas e organizacións concienciadas co problema, como é o caso do Presidente de Cantabria Miguel Angel Revilla. Despois da Marcha, na que tivemos ocasión de transmitirlle en persoa as nosas reivindicacións, recibimos a súa confirmación de apoio nesta loita e o compromiso para levar este asunto á televisión, en concreto ó programa de La Sexta Noche. Aínda que non nos confirmaron o día exacto, podería ser este sábado 11 de novembro.

Para que todas as persoas interesadas teñan a información compartimos este enlace: Carpeta Marcha Stop Velutina no que se poden descargar todos os materiais e imaxes relacionados coa marcha.

Continúa a divulgación

A marcha rematou pero a acción de divulgación e sensibilización continúa a través de diferentes vías. Aínda que xa leva uns anos con nós, todavía queda moito por facer para frear o avance desta especie invasora e toda a sociedade debe implicarse nesta loita. Dende a asociación seguirase realizando divulgación para que este problema continúe estando presente na sociedade.  Entre as accións que se desenvolverán estará a utilización de materiais informativos "Stop Velutina" en tódolos actos e eventos nos que participe a asociación e que distribuirá tamén entre os asociaciados e asociadas para que fagan o mesmo nas súas zonas. Tamén se está preparando unha campaña informativa nas redes sociais e nos medios de comunicación, para que chegue ó maior número de persoas posible.

Protocolo de actuación 2018

De cara ó 2018 estamos elaborando un protocolo de actuación centrado no trampeo preventivo e a optimización de medidas de protección dos colmeares, que daremos a coñecer no Día do Apicultor en Arzúa no mes de febreiro. Este día daremos información detallada sobre a trampa eléctrica, un método de protección das colmeas ante os ataques da velutina que estivemos probando este ano con bos resultados, pero precisa de melloras para aumentar a súa eficacia. Varios socios de AGA están traballando neste tema, do que divulgaremos amplamente para poñer en práctica na próxima campaña apícola.


Voltar