+ 34 981 508 142

A MARCHA STOP VELUTINA CUMPLIU COS SEUS OBXECTIVOS

31 de outubro de 2017

O obxectivo principal desta marcha era o de chamar a atención da sociedade e gobernos sobre a problemática da Vespa velutina co lema: " Vespa velutina, especie invasora, un problema de tod@s".



A Asociación Galega de Apicultura (AGA) e a Confederación en defensa da abella na Cornisa Cantábrica (CODACC) en colaboración coas organizacións asociadas (ADAPAS, FAPI, FAAC, APIAL e BAMEPE), organizaron do 19 ao 23 de outubro a Marcha Stop Velutina, unha marcha reivindicativa que percorreu en autobús a Cornisa Cantábrica atravesando as comunidades máis afectadas polo tártago asiático.

Durante a marcha fixéronse actos informativos coa poboación, colectivos locais, administracións e unha gran concentración apícola en Torrelavega, coincidindo coa IX Feira Nacional Apícola, onde nos recibiron as autoridades convidadas, entre as cales estivo o Presidente de Cantabria Miguel Angel Revilla.

A viaxe incluíu tamén visitas apícolas e turísticas, para coñecer os lugares polos que pasou e compartir experiencias e coñecementos sobre apicultura e a loita contra a velutina.

Saída: Santiago de Compostela

O xoves 19 de outubro despois da concentración Stop Velutina diante da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela partiu a Marcha camiño de Luarca en Asturias.

Na concentración reivindicouse a necesidade dun plan de choque urxente para frear a invasión da Vespa velutina que está poñendo en perigo o medio ambiente e a supervivencia das abellas e moitos outros insectos. Antes de partir entregaron ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, un escrito no que se insta á Xunta a que estableza un plan de loita ordenado, centrado no trampeo preventivo, que permita reducir o número de Vespa velutina cara ao próximo ano, así como accións a longo prazo, relativas á necesaria investigación.

 

1ª parada: Luarca 

En Luarca realizouse un acto informativo Stop Velutina na Praza do Concello, no que se implicaron as autoridades locais e amosaron o seu interese nesta loita. Pola tarde visitouse o Parque da Vida e deuse a charla: "A loita contra a Vespa velutina desde AGA", coa participación de Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, que aportou una perspectiva interesante como integrante da Plataforma Stop Velutina.

 

 

2ª parada: Xixón

No Xardín Botánico de Xixón realizouse unha xornada na que participaron preto dun centenar de persoas para tratar o grave problema medioambiental que supón esta praga que afecta de maneira directa a diferentes sectores. Representantes de AGA, ADAPAS, FAPI e outros colectivos participaron nunha mesa redonda na que se compartiron as diferentes experiencias sobre como se está enfocando a loita en Galicia e Asturias. Tamén durante a mañá presentouse a Plataforma Stop Velutina, unha iniciativa que partiu de Galicia pero que xa se constituíu tamén en Asturias, para facer presión ante as administracións, e a trampa eléctrica, un sistema de protección dos colmeares que probou a asociación galega durante este verán con resultados satisfactorios. Ó día seguinte deste acto xa se comezaron a ver resultados desta acción coa resposta da administración asturiana para poñer en marcha as reivindicacións presentadas.

Ao finalizar o encontro, os asistentes concentráronse na entrada do Xardín Botánico, co lema "Vespa velutina, especie invasora, un problema de todos e todas" e mensaxes sobre a importancia das abellas.


 

 

3ª parada: Torrelavega

A Marcha Stop Velutina chegou a Torrelavega e foi recibida na IX Feira Nacional Apícola de Cantabria, onde se concentraron apicultores e apicultoras de toda a península, unidos na loita contra a avispa asiática. O Presidente de Cantabria Miguel Anxo Revilla, que acudiu á inauguración da feira, escoitou atentamente a información que lle transmitiron os participantes da marcha, explicándolle a grave situación que está vivindo o sector apícola e o seu afectación ao medio ambiente e presentáronlle as reivindicacións do sector sobre como enfrontarse a este problema. Ante esta información, o presidente expresou "que estamos ante unha situación preocupante, que está aumentando a súa gravidade co paso do tempo e que un problema desta magnitude non pode ser abordado só desde iniciativas particulares e inventos caseiros, debe ser xestionado dende as administracións superiores". Polo tanto, sinalou que lle fará chegar estas reivindicacións á Ministra de Agricultura e Medio Ambiente Isabel García Tejerina e comprometeuse a visibilizar o problema nas súas próximas aparicións televisivas.

A Marcha Stop Velutina deu comezo á sesión de relatorios coa presentación da marcha e os seus obxectivos, coa intervención de parte das asociacións que están colaborando para levar a cabo a iniciativa. Os representantes da Marcha insistiron na importancia da unión de forzas e intercambio de información que se está conseguindo con esta iniciativa.
Ademais, a Asociación Galega de Apicultura presentou a trampa eléctrica, un sistema de protección dos colmenares que están divulgando na ruta da Marcha pois consideran que é de gran utilidade para diminuír os ataques á abellas.

As Plataformas Stop Velutina de Galicia, Asturias e Cantabria, presentaron tamén as súas peticións durante as charlas, que son fundamentalmente presionar á administración para que cumpra coa súa obrigación na xestión deste problema.


 

 

4ª parada: Vitoria

O domingo, a Marcha Stop Velutina realizou en Vitoria unha concentración en diferentes puntos emblemáticos da cidade co lema "Vespa velutina, un problema de todos e todas".

Para terminar, tivo lugar un encontro no Museo Artium no que se presentaron as diferentes experiencias e ferramentas para a loita contra a Vespa velutina por parte da Asociación Galega de Apicultura e o Departamento de Medio Ambiente da Diputación Foral de Álava.

Laura García, asesora xurídica de AGA, presentou as reivindicacións da asociación galega para facer fronte a esta problemática. Insistiu na importancia do trampeo preventivo primaveral para reducir o número de velutinas durante o verán e a investigación, como fonte de información sólida para coñecer mellor a este especie exótica e para a obtención de novas ferramentas eficaces que permitan reducir os danos que causa a avispa asiática e frear a súa expansión. Para iso é fundamental contar con financiamento por parte dos organismos públicos e denunciou a falta en Galicia dunha partida presupuestaria única. García insistiu na importancia da colaboración entre as diferentes asociacións e as administracións, que precisamente se consigue grazas a iniciativas como a Marcha Stop Velutina. 

Para explicar como está a situación en Álava, Joseba Carreiras presentou datos sobre o avance do tártago asiático e os resultados de varios estudos sobre a súa evolución. Destacou a súa rápida expansión, ante o cal a Diputación decidiu realizar un trampeo controlado durante o 2016 para estudar a súa eficacia, do que obtiveron resultados significativos e alentadores. 

 

 

5ª parada: Bilbao

Tivo lugar un encontro coa asociación BAMEPE e técnicos da Diputación en Bilbao, que expuxeron os plans de actuación que se están levando a cabo en Bizkaia.

 

 

Regreso a Galicia

Ó regreso da marcha a Galicia o autobús Stop Velutina continuou percorrendo as estradas de Galicia levando consigo a súa mensaxe. A marcha rematou pero a acción Stop Velutina continuará xa que a loita contra a velutina non pode parar. Niso seguirá tanto a Asociación Galega de Apicultura como as demais asociacións e colectivos que se uniron na Marcha Stop Velutina e do que seguiremos informando.

Organizaron:

Asociación Galega de Apicultura (AGA) e Confederación en Defensa da Abeja na Cornisa Cantábrica (CODACC)

Colaboraron:

Federación de Asociacións de Apicultores de Cantabria (FAAC)
Asociación en Defensa da Abella no Principado de Asturias (ADAPAS) 
Asociación Apicultores de Bilbao (BAMEPE) 
Asociación Apicultores de Álava (APIAL) 
Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) 
Parque da Vida de Luarca 
Xardín Botánico de Xixón 
Apicultura Ibérica 
Casa das Abellas 
Erica Mel S.C.G. 
Xorsa 
Apiyago
Santamix Ibérica - Vetopharma
Ayuntamiento de Valdés
Diputación Foral de Álava

Damos as grazas a todas as persoas que participaron e contribuiron con iso ao éxito desta marcha. En especial ós 40 homes e mulleres que viaxaron no autobús Stop Velutina, fixeron unha grande labor en favor das abellas.

Próximamente publicaremos un artigo máis detallado con todo  o acontecido durante a Marcha Stop Velutina.

Ver fotos da marcha


Voltar