+ 34 981 508 142

A Vespa Velutina no Congreso dos Deputados

O tema de actualidade no sector apícola da Vespa Velutina chegou ó Congreso dos Deputados.

A comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Natural aprobou unha proposición para instar ó Executivo a implantación dun plan nacional de medidas para combatir a invasión na Península Ibérica desta especie, o que supón unha grave ameaza para as abellas, principal fonte de alimento deste insecto.

A proposta indica a importancia de elaborar unha estratexia de ámbito nacional en colaboración coas diferentes comunidades autónomas e as asociacións do sector apícola, así como accións de cooperación con outros países afectados.

Nas medidas que o texto presenta, inclúense o seguimento e detección da especie e métodos de captura selectiva para evitar a súa expansión. Neste sentido hai diferentes propostas, dende as que priorizan a necesidade de potenciar líñas de investigación para a creación e produción dunha feromona selectiva fronte a esta especie foránea, ata as que se inclinan mais por copiar medidas que xa están dando resultados positivos en Francia ou no País Vasco. Tamén se mencionou a importancia de establecer medidas de apoio para a abella melífera e a apicultura. Mais para executar este programa, de momento, non foi adxudicada ningunha dotación económica.

En Galicia, Consellería de Medio Rural e do Mar, acordou realizar o deseño dun programa para a vixilancia e control da néspera asiática, no que participarán distintos departamentos da administración: Consellerías de Medio Rural e do Mar, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Vicepresidencia, a través da Axencia Galega de Emerxencias e da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil. Estes tres departamentos se encargarían de divulgar, coordinar e dar un soporte loxístico e na medida do posible material ao programa.

Na posta en marcha deste programa, a Consellería xa comunicou ás asociacións apícolas galegas, entre elas AGA, que precisa contar co asesoramento e apoio técnico dos apicultores para que o programa chegue a bo termo. Nestes intres o equipo técnico de AGA está xa en comunicación coa Consellería para a elaboración do programa e prestará todos os recursos dos que dispón para a súa realización.

Noticias relacionadas:

La Voz de Galicia, 15 outubro 2013: "La avispa asiática se extiende ya por casi toda la costa de Galicia"

La Voz de Galicia, 17 outubro 2013: "El Congreso insta al gobierno a combatir la avispa asiática"

 


Voltar