+ 34 981 508 142

A Vespa Velutina xa está en Galicia

VESPA VELUTINA, UN NOVO INIMIGO DAS ABELLAS

Xa chegou a Galicia a vespa velutina ou avespón asiático, que xa levaba 6 anos en Francia donde se amosou moi agresiva coas abellas ata o punto de matar  colmeas enteiras.

Esta nova avespa procedente de Asia, ten unha grande preferencia polas abellas como alimento das súas crías.

Constrúe uns grandes niños de papel ata 1 metro de diámetro, nas ramas ou ocos de árbores e noutros lugares pechados.

No inverno, só pervive a raiña e na primavera escomenza o desenvolvemento da colonia que acada o número máximo de individuos no outono con 1.200 a 1.800 individuos, nese intre é cando máis perigosa resulta para as colmeas.

Non vai ser posible exterminala, as nosas abellas terán que aprender a combatilas como xa acontece nas abellas asiáticas e namentras os abelleiros terán que usar trampas caza-avespas para diminuir as baixas por este inimigo.

AGA informará ampliamente sobre este asunto nas actividades que ten programadas para este outono en toda Galicia e tamén o fará no ano que ven. Entre outras cousas os abelleiros e abelleiras de Galicia deberán aprender a distinguilas da Vespa Crabro, menos perigosa, que se parece a esta pero que se diferencia claramente, polas súas cores.

A primeira actividade terá lugar co curso de apicultura que imos desenvolver co patrocinio da Deputación de Lugo, os días 25 e 26 de Outubro de 5 a 8 da tarde, na Finca de Castro Gayoso, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo).

En Aldea Nova no lugar de Sedes (Narón) o día 30 de outubro ás 7 da tarde, dentro das Xornadas Técnicas Apícolas de Ferrol, teremos a charla: "Observatorio apícola - Evolución da apicultura nos derradeiros anos" por Xesús Asorey.

E por último, en Ourense, o día 18 de novembro ás 12 da mañá, realizarase unha charla informativa sobre a Vespa Velutina e a constitución da delegación de AGA Ourense, na Fundación Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro).

 


Voltar