+ 34 981 508 142

A Xunta distribuirá aos apicultores das zonas máis afectadas pola vespa velutina trampas e líquido atraínte

O pasado luns 19 de xaneiro a Consellería de Medio Rural convocou ás asociacións apícolas de Galicia, entre as que estivo AGA e as delegacións de AGA Eume, Ferrolterra e Ortegal, para valorar o programa de vixilancia e control sobre avespa asiática levado a cabo no 2014 e planificar o do 2015. 

Entre as medidas novas para este ano está a distribución de trampas aos apicultores das zonas afectadas, especialmente na privamera e outono para atrapar o maior número de raíñas fundadoras.

Nota de prensa da Consellería de Medio Rural e do Mar enviada con motivo da reunión con AGA e outras asociacións apícolas:

A Xunta distribuirá aos apicultores das zonas máis afectadas pola vespa velutina trampas e líquido atraínte 

A directora xeral de Produción Agropecuaria e o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) reuníronse esta tarde cos membros das asociacións apícolas galegas para planificar os traballos a seguir no 2015 contra esta especie invasora

Manterase o operativo de trampeo de vixilancia e o trampeo selectivo, así como a retirada de niños detectados

Santiago, 19/01/2015

A Consellería do Medio Rural e do Mar distribuirá aos apicultores das zonas máis afectadas pola Vespa velutina trampas e líquido atraínte, co obxecto de que as coloquen nas proximidades das súas colmeas e recollan o maior número posible de raíñas desta especie invasora. Así se decidiu esta tarde na xuntanza que mantiveron a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfonso Villares, e membros da Asociación Galega de Apicultura, da Asociación Provincial Lucense de Apicultores e da Agrupación Apícola de Galicia.

Ao longo deste ano 2015, o departamento que dirixe Rosa Quintana continuará a desenvolver o Plan de vixilancia e control da Vespa velutina desenvolto ao longo do 2014. Manterase o operativo de trampeo de vixilancia e o trampeo selectivo, así como a retirada de niños detectados. Ademais, durante este ano, a Consellería colaborará cos apicultores para realizar trampeo en primavera para a captura precoz de raíñas. Inicialmente distribuiranse trampas a todos os apicultores dos concellos onde foron detectados máis de cinco niños, repartíndose as trampas sobrantes a apicultores dos restantes concellos onde se comprobou a presenza de máis de 2 niños.

Neste senso, a colocación de trampas para a captura de raíñas pode ser importante na loita fronte a esta especie invasora, xa que cada raíña "fundadora" capturada significará que haberá un niño menos no entorno. As novas raíñas nadas no outono de 2014 comezan a construír o seu niño a finais de febreiro e inicio de marzo, para a continuación realizar a primeira posta de ovos. A finais de maio e primeiros días de xuño nacen as primeiras vespas obreiras, ocupándose estas dende este momento de realizar todos os labores necesarios para o desenvolvemento da colonia. Por iso, é preciso aproveitar o período no que as raíñas se mostren activas no exterior para proceder á súa captura, é dicir, durante os meses de febreiro, marzo e abril.

Ver nota de prensa na web da Consellería do Medio Rural e do Mar


Voltar