+ 34 981 508 142

A campaña "Libres de Glifosato" de FumigacionsNON implica ó Parlamento Galego

6 de xuño de 2016

A Plataforma Fumigacións NON, da que forma parte AGA, retomou esta primavera a campaña Libres de Glifosato, que ten como obxectivo que as administracións públicas deixen de utilizar este herbicida en espazos públicos dos que son competentes, sustituindoo polo rozado mecánico ou outras alternativas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Este ano, a campaña retomouse co obxectivo de implicar a todas as administracións dende os grupos políticos que forman o Parlamento de Galicia, para por un lado abrir un debate parlamentario e chegar a un acordo para deixar de utilizar glifosato en traballos levados a cabo polas diversas administracións públicas galegas  e por outro lado que se impliquen na consecución do anterior punto facendo chegar aos concellos e ás deputacións nas que gobernan a moción para declararse oficialmente en pleno libres de glifosato. Neste sentido, unha representación da Plataforma mantivo reunións recementemente cos diferentes grupos políticos para trasladarlles estas propostas, que valoramos positivamente xa que conseguimos o compromiso dos diversos partidos de trasladar a aqueles concellos e deputacións nos que governan a proposta de non utilizar glifosato e de levar a debate o seu uso no propio parlamento.

Diferentes estudos demostran que o glifosato, compoñente dos herbicidas de uso máis estendido como o Roundup de Monsanto e outras marcas comerciais, ten efectos moi tóxicos sobre a saúde e o medio ambiente. Trátase dun herbicida non selectivo que se filtra no solo, é moi soluble na auga contaminando a terra e os acuíferos (polo tanto regos e pozos) e afectando ademais ao ciclo natural dos ecosistemas. Existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades. Recentemente a Organización Mundial da Saúde incluíu como probables carcinóxenos a unha serie de pesticidas organofosfatados, entre eles o glifosato.

O ano pasado iniciouse esta campaña, na que se difundiu un modelo de moción que calquera persoa pode presentar no seu concello solicitando que deixe de utilizar o glifosato e declarándose así "Libre de Glifosato". Numerosos concellos de toda Galicia e do resto de España aceptaron esta moción, entre os que están Ames, Ponteareas, Santiago de Compostela, Arzúa ou Marín. Este ano continúan presentándose as mocións e recentemente os concellos de Gondomar ou Miño.

Para facer máis presión nas administración por parte da poboación, iniciouse unha acción de envío masivo de correos electrónicos contra o uso destes herbicidas, dirixido á Xunta de Galicia e Deputacións. A mensaxe pódese descargar na web da plataforma Fumigacións NON, xunto cos enderezos onde hai que enviala.

Por outra banda, dende fai uns meses a renovación da autorización do glifosato en Europa está a debate no Parlamento Europeo. O 30 de xuño caduca a actual licencia do herbicida e os países membros teñen que decidir se renovala ou non. Á vista das evidencias que demostran os seus efectos tóxicos na saúde e no medio ambiente, a decisión veuse pospoñendo por non acadar unha maioría cualificada nas votacións. Neste momento, a escaso marxe de tempo para a súa caducidade, a decisión está xa nas mans do Comité de Apelación como último recurso ó non ter tomado ningunha decisión polas vías convencionais. España está entre os países que deron o voto a favor da autorización, polo que Greenpeace comezou unha campaña intensa presionando ó Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para que governo español vote en contra. Presentouse unha carta que 130 entidades apoiaron reclamando a prohibición do glifosato e iniciouse unha recollida de sinaturas que xa van con 300.000 en total entre diferentes entidades.

Estamos perto de conseguir que se elimine este veneno que ameaza a nosa saúde e a do medio ambiente. E podémolo facer se seguimos presionando a todos os niveis: concellos, Deputacións, Xunta, Ministerio e Parlamento Europeo, a través de varias accións. Aquí deixamos os enlaces de cada unha delas:

Moción nos concellos – Campaña Libres de Glifosato de Fumigacións NON.

Envío masivo contra o uso do Glifosato dirixido á Xunta e Deputacións.

Recollida de sinaturas por parte de Greenpeace para que España vote en contra da autorización do Glifosato en Europa

Máis información nas webs de:

Fumigacións NON

Greenpeace

 

 


Voltar