+ 34 981 508 142

A investigación Stop Velutina de AGA permitirá coñecer o mellor sistema para capturar a avespa asiática

13 de xuño de 2016

Na Mostra Galega de Apicultura celebrada en Arzúa o pasado 4 de xuño presentáronse os primeiros resultados do programa Stop Velutina, no que se están probando diferentes métodos de captura de raíñas de avespa asiática para evitar a formación de niños no verán. Á xornada acudiron centos de apicultores e apicultoras de diferentes lugares de Galicia para informarse dos avances da investigación e tamén para coñecer as últimas novidades en produtos apícolas, como o apiturismo, un dos últimos proxectos que está preparando a Asociación Galega de Apicultura e que poñerá en marcha no vindeiro ano.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A loita contra a Vespa velutina en Galicia

O tema central da trixésimo primeira edición da Mostra Galega de Apicultura foi a situación actual da Vespa velutina nigrithorax en Galicia e propostas de actuación para combatila. Interviron Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo e coordinadora do programa Stop Velutina de AGA, Lolo Andrade, experto sobre a Vespa velutina, Xesús Feás, investigador da USC e coordinador das Xornadas Internacionais sobre a Vespa velutina e representantes das delegacións comarcais de AGA.

Sandra Rojas, fixo un adianto do estudo de trampeo e atraíntes que se está facendo masivamente en Galicia por medio das 11 delegacións de AGA. Este traballo vai permitir ter un diagnóstico  de cal é o mellor sistema para capturar fundadoras de Vespa velutina, ao mesmo tempo que agardamos os resultados de avistamento de niños durante o verán e outono para ver a eficacia do programa preventivo de AGA, que ten por lema" fundadora que capturemos niño que evitamos". Lolo Andrade, experto que está colaborando en programas de loita contra a avespa asiática en varios concellos, fixo referencia á importancia de que a sociedade en xeral procedera  a eliminación de niños primarios e así evitar os niños secundarios. Este sistema parece un complemento interesante ao punto anterior e axudaría a diminuir o número de niños secundarios. Para isto propuxo divulgar os procedementos máis apropiados para esta labor, sobre todo en colaboración cos concellos. Xesús Feás presentou as Xornadas Internacionais sobre Vespa velutina  que se van celebrar en Lugo os días 1 e 2 de setembro con especialistas do máis alto nivel sobre esta especie invasora. Nestas xornadas colaboran a Universidade de Santiago conxuntamente coa Deputación de Lugo e AGA. Xa está aberto o prazo de inscrición, a través da web de AGA pódese acceder ó programa e ó formulario de inscrición.

 A continuación tomaron a palabra as distintas delegacións de AGA para aportar a súa experiencia dentro do programa de investigación de AGA e dar unha visión xeral das distintas  observacións obtidas nos traballos de campo, que son moi importantes para seguir planificando futuras accións  e cada vez ser máis eficaces. Para rematar tomou a palabra Mariano Chico Millán, instructor canino, que propuxo adestrar cans para localizar niños de avespa asiática, o cal xa se está facendo con éxito nalgúns lugares. O vindeiro ano xa poderemos ter algún can con estas capacidades.

Todas as medidas que van aparecendo son complementarias e todas son válidas, o cal unido á grande labor que están facendo as DAGAS, permítenos ser optimistas de cara a atopar solucións efectivas. Dende AGA estamos satisfeitos, xa que o programa permiteunos  implicar a apicultores e apicultoras de toda Galicia e ter unha boa cobertura mediatica, que nos axudou a dar a coñecer a problemática socialmente. Dadas as condicións climáticas que fixeron que o inverno se prolongara máis do habitual, recoméndase seguir co programa de trampeo durante o mes de xuño e logo cesar esta actividade até o outono. Agora nos centraremos en programar o traballo do verán : localización de niños, avisos ao 012 e experimentación con cebos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sistema antirroubo Centinela

A tarde comezou cunha presentación do sistema antirroubo Centinela, a cargo de Encarna Garrido da empresa Biopyc, que nos explicou o funcionamento desta ferramenta. Consiste nun sistema de geolocalización que vai perfectamente camuflado no interior dun dos cadros e permite coñecer mediante unha aplicación no móvil calquera movemento da colmea e o seguimento no caso de que se desplace.

 

As posibilidades do apiturismo

A viaxe a Eslovenia realizada o ano pasado por socios e socias de AGA foi o seguinte tema exposto para introducir o novo proxecto de AGA sobre apiturismo en Galicia. Eslovenia é o referente en apiturismo a nivel mundial e nos serviu de exemplo para comezar a traballar no noso proxecto. Paula Souto, técnica de AGA, presentou o plan do proxecto que consistirá en crear unha oferta de apiturismo por toda Galicia, que incluirá paquetes elaborados a medida para cada tipo de visitante e no que participarán centros de divulgación apícola e apicultores e apicultoras a nivel individual. Na elaboración do proxecto contaremos coa experiencia de Lisette Zewuster, socia de AGA experta neste ámbito, que nos explicou durante a sesión as ventaxas e oportunidades do apiturismo, con referencias a diferentes lugares do mundo onde se está desenvolvendo con éxito e enfatizou a importancia da súa divulgación, traballo que xa está realizando para dar a coñecer Galicia como destino apiturístico. Para rematar interviu Marcos Ferro, coordinador do proxecto Erasmus + de AGA que a asociación pretende levar a cabo no 2017. Os obxectivos desta iniciativa son permitir a movilidade e a realización de experiencias sobre apicultura, en concreto no ámbito do apiturismo, entre xóvenes apicultores e apicultoras de Galicia con outros procedentes doutros países de Europa, para compartir coñecementos e xerar novos proxectos apícolas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Amplia variedade de produtos apícolas no concurso "A Pinga"

E finalmente presentáronse os produtos do concurso A Pinga, un concurso de produtos orixinais e innovadores elaborados a partir da rica variedade de produtos que nos ofrecen as abellas. Participaron unha amplia gama de produtos, crema de cera de abella para limpeza de madeira e coiro, vinagre de mel ou gominolas e caramelos de mel son algúns exemplos. O produto gañador do premio « A Pinga » decidido por unanimidade do xurado foi « Merchandising apícola » presentado por Mª Carmen Puga González de Lalín, que consistía nun orixinal e colorido conxunto de pezas con temática apícola elaboradas artesanalmente a partir de diferentes materiais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ver fotos dos produtos do concurso "A Pinga"


Voltar