+ 34 981 508 142

AGA CELEBRA A PROHIBICIÓN DOS NEONICOTINOIDES NA UE

27 de abril de 2018

Os Estados membros da UE aprobaron hoxe ampliar a prohibición sobre os pesticidas neonicotinoides a todos os usos ao aire libre. A Comisión Europea pediu unha votación logo de ditaminar que tres neonicotinoides (clotianidina, imidaclopride e thiametoxam) "xa non poden considerarse seguros debido aos riscos identificados para as abellas".  A Asociación Galega de Apicultura-AGA celebra este paso para mellorar a protección das abellas.

Con 16 votos a favor, os Estados membros aprobaron a ampliación da prohibición cunha maioría cualificada do 76 %. A evidencia científica xogou un papel importante na votación de hoxe. A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou a súa revisión científica en febreiro, sen deixar ningunha dúbida de que os neonicotinoides son perigosos para as abellas.

A Asociación Galega de Apicultura levaba 24 anos nesta loita, primeiro fóra e logo dentro da Coordinadora Apícola Europea Bee Life. Custou moitos cartos e medios humanos, pero pagou a pena; hoxe é un día que temos que celebrar. Quedou demostrado, despois de 1.500 traballos científicos que esa era a causa da desaparición masiva das nosas abellas, un 40 % por cada ano. O custo para os apicultores galegos ronda os 200 millóns de euros, pois supuxo a perda dun millón de colmeas neste período, ademais da valorización da polinización e mais doutros insectos polinizadores.

Esta é unha gran vitoria das organizacións apícolas, ecoloxistas e  ambientais así como tamén de todas as persoas que a título individual se implicaron nesta loita, coa presión dos poderes políticos ata conseguir este importante logro. Pero, sobre todo, é unha vitoria das abellas e da saúde do planeta.

Hai que celebrar que finalmente España votou a favor desta prohibición, xunto con Francia, Alemaña, Italia, o Reino Unido, os Países Baixos, Austria, Suecia, Grecia, Portugal, Irlanda, Eslovenia, Estonia, Chipre, Luxemburgo e Malta, que representan o 76,1 % da poboación da UE. Entre os opositores, Romanía, a República Checa, Hungría e Dinamarca. Os que se abstiveron: Polonia, Bélxica, Eslovaquia, Finlandia, Bulgaria, Croacia, Letonia e Lituania.

Pero isto non remata aquí, pois este é o momento de seguir reclamando a prohibición de todos os pesticidas que continúan contaminando o ambiente e que son perigosos tamén para as abellas e outros polinizadores. É xa a hora da prohibición total e dunha reflexión profunda sobre o modelo agrícola. Os gobernos deben prohibir todos os praguicidas daniños para as abellas e, finalmente, romper coa dependencia dos químicos na agricultura. As alternativas sustentables son posibles, só hai que querer facelo.

Con este doce éxito comeza un novo camiño, que esperamos remate nun contorno máis saudable para as abellas e o resto de polinizadores, garantindo así a conservación da biodiversidade.

 


Voltar