+ 34 981 508 142

ARRANCA A ESCOLA GALEGA DE APICULTURA CUN CURSO BÁSICO E UN SUPERIOR DE APICULTURA COMERCIAL

16 de marzo de 2018

A Escola Galega de Apicultura, proxecto formativo no que participan a Asociación Galega de Apicultura, o Concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, comeza a súa andadura esta primavera cun Curso Básico de Apicultura, o 7 e 8 de abril, e un Curso Superior de Apicultura Comercial, de 6 días de duración repartidos entre os meses de abril e maio. O 20 de maio rematará o curso coincidindo co Día Mundial das Abellas, evento que a Escola Galega de Apicultura celebrará tamén en Allariz con diferentes actividades divulgativas que realizarán os participantes do curso.

Escola Galega de Apicultura

A Escola Galega de Apicultura (EGA) nace para dar saída ás necesidades formativas e de actualización de coñecementos dos abelleiros e abelleiras do noso país. O proxecto é froito dun convenio de colaboración entre a Asociación Galega de Apicultura, o Concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, que cederá as súas instalacións no lugar de Paciños en Allariz para o desenvolvemento das actividades.

Curso Básico de Apicultura

Esta primavera arranca a actividade da Escola co Curso Básico de Apicultura os días 7 e 8 de abril, formación teórico-práctica dirixida a persoas que queiran iniciarse no interesante mundo das abellas ou que xa teñan colmeas pero necesiten actualizar coñecementos.

Curso Superior de Apicultura Comercial

A segunda das actividades programadas será o Curso Superior de Apicultura Comercial, os días 21 e 22 de abril, 5, 6, 19 e 20 de maio. Este curso vai dirixido principalmente a apicultores e apicultoras con experiencia que queiran incrementar os ingresos por esta actividade e ten como obxectivo a creación de grupos para a produción e comercialización, de xeito organizado, de produtos das abellas que teñen demanda no mercado e contan cun valor comercial engadido. Será un curso moi completo, de 36 horas de duración, coa participación de vinte e seis relatores con recoñecida experiencia no sector, que falarán sobre mel ecolóxico, pole, Mel de Galicia, meles crema e outros temas como lexislación, axudas, trazabilidade e boas prácticas apícolas. O curso inclúe unha serie de actividades prácticas como a participación no Día Mundial da Abella, que terá lugar o 20 de maio e a EGA celebrará na vila de Allariz, con actividades para todos os públicos dirixidas a sensibilizar sobre a importancia das abellas así como dos beneficios dos seus produtos.

Feira do mel e concurso de meles monoflorais

Para o outono está prevista a organización dunha feira do mel e un concurso de meles monoflorais, no que tamén participarán os asistentes ó curso superior, e que ten como fin a promoción e valorización dos meles galegos.

Programa, prezo e inscricións

O programa completo dos cursos está publicado na sección de cursos da web: Cursos AGA

O curso básico é de balde para socios e socias de AGA e custa 50 € para o resto. O Curso Superior de Apicultura Comercial ten un custe de 20 € para socios e socias e 80 € para o resto.

Para facer a inscrición enviar a ficha cuberta (descargar ficha de inscrición) xunto co xustificante de pagamento e enviar a AGA.


Voltar