+ 34 981 508 142

AS ASOCIACIÓNS APÍCOLAS COINCIDEN : O TRAMPEO É A MELLOR FERRAMENTA CONTRA A VESPA VELUTINA

19 de febreiro de 2018

Representantes das asociacións apícolas da Cornixa Cantábrica e Francia coinciden en que o mellor sistema na actualidade para loitar contra o tártago asiático é o trampeo de raíñas, realizado de xeito xeralizado e coordinado. No Día do Apicultor, celebrado hoxe en Arzúa, destacaron que  é preciso ampliar esta tarefa a outros ámbitos distintos do apícola, pois para que sexa eficaz é preciso que se realice en todo o territorio e non só nas proximidades dos apiarios.

 

Plataformas Stop Velutina

O tártago asiático ou Vespa velutina ameaza a supervivencia as abellas e outros polinizadores. O sector apícola non está disposto a que isto ocurra e farán todo o posible para vencer ó inimigo.  Unha das estratexias é a unión, como ben saben os apicultores e apicultoras que aprenden das súas abellas. Con ese obxectivo creáronse as Plataformas Stop Velutina na Cornixa Cantábrica, para facer forza ante as administracións e conseguir que cheguen as reivindicacións do sector ós poderes competentes. Así o transmitiron as Plataformas de Galicia, Asturias e Cantabria esta mañán durante o Día do Apicultor, incidindo en que unha das ferramentas que se está demostrando máis eficaz na actualidade é o trampeo de raíñas para evitar a formación de niños. Tamén a Unión Nacional de Apicultura Francesa publicou recentemente un documento, que se expuxo con detalle durante a sesión, no que explica que éste debe ser o principal método a implementar por parte das administracións para controlar a expansión deste insecto.

 

Posible subvención das trampas eléctricas

 

Para protexer os apiarios ante os ataques da velutina, os apicultores puideron coñecer as últimas novidades sobre o sistema da trampa eléctrica nunha completa exposición de diferentes fabricantes deste aparato. Dende a Asociación Galega de Apicultura, que apostan firmemente por este método, anunciaron que plantexarán á Consellería de Medio Ambiente a posibilidade de subvencionar a adquisición deste material, xa que o consideran moi necesario e teñen constancia por parte da Consellería que pode haber posibilidades dunha liña de axudas neste senso.

A información completa da xornada será publicada próximamente nesta web. 

 


Voltar