+ 34 981 508 142

AS PLATAFORMAS STOP VELUTINA DA CORNIXA CANTÁBRICA: GALICIA, ASTURIAS E CANTABRIA

22 de decembro 2017

Tres entidades formadas por distintas asociacións apícolas e organizacións afectadas pola chegada do tártago asiático que pretenden xuntar forzas para conseguir a implicación das administracións

 

As Plataformas

No mes de Abril deste ano 2017 asistimos á creación da Plataforma Stop Velutina -Galicia, unha iniciativa que pretendía axuntar forzas de todos os sectores afectados pola Vespa velutina cuios obxectivos son o intercambio de información sobre o problema e o traslado das demandas destes sectores ás Administracións competentes.

No día de hoxe a Plataforma galega conta con máis de 50 entidades adheridas, entre asociacións apícolas e ecoloxistas, sindicatos agrarios, figuras de calidade como a IXP Mel de Galicia, concellos, universidades, comunidades de montes...  e que pretende seguir sumando apoios.

Do mesmo xeito, e debido a relación de traballo e comunicación constante que existe entre as asociacións destas tres comunidades --que incluso contan cunha coordinadora apícola cantábrica como é a CODACC (Confederación en defensa de la abeja de la Cornisa Cantábrica) a idea da Plataforma foi tamén asumida e levada a cabo en Asturias e Cantabria con moi bos resultados.

Nas comunidades veciñas, e a través das mencionadas Plataformas, conseguíronse grandes avances relativos á representación dos sectores afectados nos organismos de xestión da Administración e tamén no ámbito orzamentario. E é que en Asturias e Cantabria as Plataformas Stop Velutina conseguiron que o sector forme parte, como membro de pleno dereito, dos Comités asesores sobre a Vespa velutina (o equivalente á Comisión de Seguimento de Galicia) constituídos como un espazo de intercambio de información e traslado de propostas. Un exemplo claro é a realización conxunta dos Protocolos de xestión da especie nestas Comunidades. 

Demandas unitarias

As demandas das Plataformas aparecen plasmadas no "Documento de mínimos", que contén as principais peticións dos sectores afectados e as demandas dirixidas ás administracións. Tras a elaboración do texto por parte da Plataforma de Galicia, este foi posto a disposición das outras Comunidades e consensuado con elas a fin de acudir ó Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), o que sucedeu o pasado mes de Maio.

O documento de mínimos unitario da Cornixa Cantábrica centra as súas reivindicacións na realización dun plan de loita ordenado e con financiamento por parte das administracións autonómicas resumido en cinco puntos clave:  1) a realización dun trampeo primaveral masivo asumido e financiado polas administracións, e non ceñido á colocación das trampas nos apiarios por parte das apicultoras, 2) o asino de convenios de colaboración coas universidades para investigar sobre a esta especie invasora e atopar ferramentas de control biolóxico, 3) o establecemento dun organismo único de xestión que conte coa representación dos afectados, 4) a creación dunha liña de axudas que permita facer fronte aos gastos e perdas soportados polos apicultores e apicultoras,  5) unha campaña informativa e divulgación á cidadanía acerca desta especie da que tan pouco coñecemos.

Do mesmo xeito, reclaman labores de coordinación por parte do Ministerio e o financiamento de certas medidas por parte da Administración xeral do Estado.

Percorrido institucional

Ata o da agora, as Plataformas realizaron un intenso percorrido institucional, comezando pola presentación e rexistro do seu Documento de mínimos ante o Ministerio de medio ambiente o pasado mes de maio, onde reclamaban a efectiva posta en marcha das medidas de xestión desta preocupante invasión solicitando a inmediata actuación do Ministerio. Do mesmo xeito, dirixíronse tamén os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados en Madrid para conseguir a súa sensibilización e que estes trasladaran tamén as súas inquedanzas ó MAPAMA.

O pasado mes de novembro, e debido á constante presión das organizacións da Cornixa, soubemos que o MAPAMA ten prevista a modificación da "Estrategia de gestión sobre a avispa asiática" para o próximo 2018. Neste senso, a Plataforma de Galicia reuniuse co grupo parlamentario de Podemos para consensuar unha serie de preguntas dirixidas ó MAPAMA que pretenden saber, tras as últimas informacións recibidas, en qué termos vai ser modificada esta Estrategia e se vai a contar con cartos que financien as novas medidas.

A unidade de actuación

A pesar da lentitude desta loita institucional, a gravidade do problema e a pasividade das administracións á hora de organizar un plan de loita coordinado fan necesaria a creación deste tipo de estruturas, que co traballo constante das súas organizacións e persoal, van conseguindo pequenos logros co obxectivo último de asegurar a supervivencia das abellas e do resto de polinizadores. 


Voltar