+ 34 981 508 142

ASEMBLEA DE BEE LIFE 2018

24 de abril de 2018

Por Xosé Torres, presidente de AGA

O 6 e 7 de marzo do 2018 tivo lugar en París a asemblea xeral de Bee Life, a coordinadora europea dos apicultores —composta por 25 membros da UE— defensora das abellas fronte ao impacto que sofren polos pesticidas e organismos xeneticamente modificados, apoiando o sector apícola mediante actuacións científicas e propostas ante os lexisladores europeos, así como a toma de posicións para unha agricultura que permita a súa supervivencia, pensando na protección dos polinizadores por causa dos riscos ambientais. Nela estiveron presentes representantes das apiculturas francesa, belga, italiana, romanesa, sueca e galega, pois AGA forma parte desta coordinadora.

Como novidade técnica, mediante un obradoiro, presentouse o proxecto financiado pola Unión Europea IoBee (Internet of Bees), así mesmo participado por diversas empresas, no que participa a Coordinadora Europea de Apicultura Bee Life e que ten como obxectivo mellorar a saúde das abellas mediante un automatismo de vixilancia das colonias e de emisión de alarmas. 

Nunha primeira parte abordáronse cuestións internas da coordinadora, tales como a interrelación interna e a comunicación entre os seus membros, o dar a coñecer e facer visibles as actividades de cada organización para os demais, a cobertura e axuda nas necesidades internas das asociacións e a presentación de novos membros, así como a contabilidade do ano 2017.

 

Actividades de Beelife

No ano pasado, as actividades de Bee Life centráronse esencialmente na presentación da coordinadora en diversos estados (Alemaña, Suecia e España —Torrelavega—); no seguimento da política europea a respecto dos pesticidas e a súa autorización cunha directiva de uso duradeira; na contribución a varias consultas públicas; na realización de solicitudes de implementación dos novos métodos de avaliación de risco dos pesticidas para os polinizadores; na presentación de demandas de prohibición total dos neonicotinoides; na loita contra as derogacións das suspensións deles; nas recomendacións no traballo de preparación do Proxecto Pilot Europeo, que consiste en analizar a contaminación no pole —en esencia, polo glifosato— en diferentes países europeos, onde o proxecto técnico resulta diferente do político.

 

Produtos fitosanitarios

No tocante ás autorizacións dos produtos fitosanitarios, Bee Life presentou alternativas ás propostas das probas de toxicidade, sinalando que as autorizacións condicionadas deben demostrar que non hai problemas de mortaldade en condicións reais para as abellas e que se debe seguir a exposición durante anos con vixilancia adecuada; non, por suposto, por parte da farmacovixilancia. Tamén se advirte do perigo da mestura de moléculas deses produtos para a súa avaliación de risco, sen visibilización para as abellas. Na redacción dos test e na análise do seu cruzamento debe participar a plataforma defensora das abellas, de todas as abellas, dos polinizadores. E eses tests de campo teñen que ser feitos en voo, no exterior, e deben durar uns corenta e cinco días, que é o tempo de vida no verán.

 

Prohibición dos neonicotinoides

No eido da xustiza, actualmente estase a seguir o caso do informe dos neonicotinoides.

Diante da EFSA-AESA (Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria) tamén se realizaron actividades, sobre todo para que se aplique a metodoloxía da avaliación de riscos xa aprobada. Unha das solicitudes consta da inclusión da toxicidade en varias etapas de vida das abellas, dende a larva ata o adulto carrexador. E nos impactos dos neconicotinoides algúns países  —entre eles España— non fixeron caso á Comisión Europea, que non realiza ningún tipo de control, pois deron autorizacións que permiten utilizar estes produtos nocivos no millo, a colza ou o xirasol. Polo que se formula recorrer ao ombudsman —valedor— europeo, porque a Comisión é responsable e debe pagar o danos aos abelleiros. Así mesmo, tamén se fixo referencia aos neonicotinoides na auga ou «a natureza afogada nos pesticidas», seguindo un rapport (informe) de Philippe Vermandere e a información da revista italiana L'apis.

 

Problemas ambientais que afectan as abellas

Unha das cuestións que se suscitou xirou sobre se Bee Life vai ser quen de cubrir todos os problemas ambientais que afectan as abellas, dende o tártago asiático á Aethina tumida ou ao cambio climático. E sinalouse que resulta incrible o tempo que lle fai falla á Unión Europea para reaccionar ante eles. Dada a falta de recursos, a coordinadora si pode tomar unha postura ao respecto e  demandar unha mellor e máis grande coordinación das investigacións para atopar prontas solucións. Porque en palabras do presidente Francesco Panella: erradicar non pode impedir estudar o problema.

 

Selección de variedades melíferas

Outro tema que se abordou é o referente á selección vexetal de variedades melíferas, as bee friendly plants, onde hai pouco que facer a priori, por ser do ámbito privado. Con todo, os viveiros de  sementeiras presentan interese para nós e convén propoñérllelo ás empresas para a certificación das sementes, xa que tamén se precisan apicultores para a súa produción. E neste eido coméntanse experimentos que se están a dar en Italia, Francia e Romanía para ver a capacidade melífera das plantas. De aquí deriva que a proposición política razoable para Europa é que «hai que cultivar flores que sexan flores». Como este é un problema de elección política, a solución correspóndelle á UE.

 

A concorrencia de especies

Abordouse a problemática suscitada por algúns estudos sobre a concorrencia de especies, abellas solitarias, e os efectos das colmeas de abellas, abellas sociais conducidas, que é un problema que se está a suscitar asemade en toda Europa, sen ter en conta, os efectos dos pesticidas, a perda da variedade botánica no medio natural e a non-intención de repoñer esa riqueza floral nel. E de primeiras hai que ver cales son os estudos, realizados fundamentalmente en parques naturais, e que din, como que as abellas Apis mellifera non son as máis polinizadoras (!) —deles, 4 din que non hai o fenómeno de competiticón, 2 non o aclaran e 2 afirman que si hai competición—, así como quen os paga, igual algunha industria interesada en promocionar estudos sobre as abellas solitarias e simultaneamente matar as abellas sociais conducidas. Coma en todos os lados, hai investigadores de toda índole, e tamén os hai serios e independentes, e sábese que fan falla, como mínimo, cinco anos de estudo para termos información abonda para establecer esa competición. Está clara a sutileza e a tendenciosidade dos promulgadores deles: cuestionarnos e diminuír a importancia dos abelleiros na polinización e debilitar a forza e o asociacionismo apícola europeo. A este respecto non esquezamos que se debe poñer en marcha unha política de floración, de diversidade floral, e que se non hai recursos sempre vai haber competición, sexa cal sexa a abella, a súa especie ou o seu ecotipo. Polo tanto, non nos enfoquemos mal o debate: o debate está noutro lado.

 

A contaminación xenética entre a Apis mellifera

Derivado do parágrafo anterior tamén se tratou o tema da contaminación xenética entre os ecotipos de Apis mellifera no ámbito europeo. Sublíñase que non se lle poden poñer límites aos seres vivos, xa que as nosas abellas e acompañantes —varroa incluída— poden desprazarse sobre 100 quilómetros por ano. Por suposto que hai que conservar as razas, mais o problema reside onde se poñen os límites e como facermos as conservacións sobre o terreo. Logo, hoxe en día resulta unha aberración dicir que fai falla unha raza pura nun determinado lugar. Dado que en estudos levados a cabo se determinou que non hai pureza tampouco nos ecotipos locais, nin razas puras, posto que as secuencias de ADN non existen para as abellas, recoméndase evitar o transporte a longas distancias do material xenético. Sen ningunha dúbida, os ecotipos locais son mellores; agora ben, o clima, o medio e os monocultivos extensivos cambiaron as razas locais. A cría das abellas é ben distinta da doutros animais e manter a biodiversidade coas abellas é outro concepto distinto. E neste tema non pode haber ningunha lea.

 

A protección dos polinizadores

No tocante ao documento dos polinizadores, cabe sinalar que a protección dos polinizadores non é un custo, senón un investimento, porque é un factor primordial para a produtividade agrícola, pois resulta proporcional. Hai que denunciar que a destrución da biodiversidade vexetal está a ser sistémica. E para Bee Life, tamén para nosoutros, é un tema tan importante coma o dos pesticidas. Xa que logo, as prioridades neste ámbito diríxense cara a mudar a política agrícola, por medio das técnicas agronómicas, para que as plantas sexan melíferas.

 

Conferencias realizadas por Europa

Houbo tamén un relatorio da participación en conferencias e reunións en cidades como Valencia, Boloña e Atenas; a ponencia sobre o regulamento BIO e a regulación da produción do mel; o modelo agrícola e o posicionamento sobre a eficiencia da política agraria común, PAC, post 2020; as cidades amigas das abellas, tendo en conta que a billa está nas (grandes) cidades, non no campo; a creación dun sitio web de boas prácticas ambientais, etc.

E a todo isto haille que dar visibilidade no ámbito europeo. E, nalgúns casos, no canto de relacionar esta problemática coa saúde das abellas, haino que relacionar coa saúde da política. Nosoutros non debemos atopar a solución aos problemas, nós achegamos datos, para obter logo o froito do noso traballo.

 

Iobee, novo sistema de vixilancia da saúde das abellas

Como novidade técnica, mediante un obradoiro, presentouse o proxecto financiado pola Unión Europea IoBee (Internet of Bees), así mesmo participado por diversas empresas, no que participa a Coordinadora Europea de Apicultura Bee Life e que ten como obxectivo mellorar a saúde das abellas mediante un automatismo de vixilancia das colonias e de emisión de alarmas. Consiste na instalación dunha biqueira especial na colmea con sensores que poden medir a actividade xeral do enxame na colmea (contar a entrada e saída de abellas —a mortaldade no campo—, a forza do carrexo, o tamaño delas, a temperatura interna, as perturbacións, a testaxe de epidemioloxías —varroa— e outros parámetros referenciais externos que se deben ter en conta (efectos de fumigacións...). E permite transmitir todos eses datos a unha Rede europea para a xestión integral das colmeas, cruzalos con datos públicos (meteoroloxía, clima, ocupación do chan…), así como facilitarllos ao propio abelleiro, quen poderá á súa vez anotar observacións. Serve, xa que logo, para que os apicultores poidan monitorear as súas colmeas mediante a Internet das cousas (IoT), obter información útil e puntual sobre elas, e asemade intervir e tomar as medidas necesarias sobre o ambiente apícola e natural, co obxecto de aforrar custos e tempo, á parte de poder informar as administracións responsables. Á fin de contas, vén sendo unha ferramenta para protexer a poboación das abellas e, por ende, a polinización, á parte de poder informar e actuar ante as administracións responsables e competentes.

A proba deste prototipo, nada invasivo para as colmeas, vai comezar nesta vindeira primavera en diversos puntos da xeografía europea, entre os que se vai contar con Galicia como territorio de proba. E haberá un coordinador estatal que estruture o proxecto en España. Pola súa banda, o sistema funcionará conectado a unha batería e panel solar. Dende AGA facilitaremos máis información ao respecto.

 

O futuro de Beelife

En conclusión, o futuro próximo de Bee Life vaise centrar na información e axuda estratéxica aos membros asociadas e mais en tres puntos básicos: os pesticidas, a biodiversidade e a sustentabilidade da PAC (polinización: máis produción). De aí a necesidade da nosa representación no ámbito europeo.


Voltar