+ 34 981 508 142

Actualidade apícola na xornada de Trasalba

Ata alí se achegaron unhas 80 persoas, socios e socias de AGA e outras persoas interesadas, así como os membros da delegación de AGA Ourense, para celebrar a asamblea da delegación, e o grupo de API-Emprendedor@s, convocado para finalizar o curso APIE e recibir os diplomas de participación.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Vespa Velutina

 

Antes de comezar a proxección do vídeo "A avespa asiática, unha ameaza ambiental", Xesús Asorey realizou unha descrición sobre a situación actual da Vespa Velutina en Galicia. Esta avespa, según Asorey, xa forma parte do noso ecosistema e haberá que aprender a convivir con ela.

Polo tanto, vese necesario saber distinguir a avespa asiática da autóctona, a Vespa Crabro, especie habitual no sur de Galicia e que polas súas grandes dimensións pódese confundir coa avespa asiática.  A Crabro é unha avespa coa que as nosas abellas aprenderon a convivir e polo tanto non representa un elevado risco para as colmeas. Aínda que, como tamén se alimenta de abellas, en anos en que haxa unhas boas condicións para a súa reproducción pode chegar a haber un gran número de avespas que ataquen as colmeas. 

                                        Vespa Crabro

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                                     Vespa Velutina

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Debido ás boas condicións climáticas, este ano houbo proliferación de avespas en toda Galicia. Na provincia de Ourense localizouse a avespa asiática nalgúns puntos aillados, pero o que predominou foi a Vespa Crabro, o cal creou tamén moita confusión xunto coa chegada da Vespa Velutina. Na costa de Lugo e A Coruña foi onde mais presencia de Velutina houbo, ademais de atopar tamén a Vespa Crabro, feito nada habitual. Como cada ano poden variar as condicións, o que ocurriu este ano non ten por que ocurrir tamén para o ano próximo, así como a colleita de mel varía, tamén a presencia de avespas pode variar dun ano para outro.

Como dato significativo do que aconteceu este ano en Galicia, o teléfono de emerxencias do 112, que no ano 2013 recibira 400 avisos, no 2014 chegou a ter preto de 2.000 chamadas por casos de avespas.

De cada niño de avespa asiática poden sair 200 raíñas novas, pero só sobreviven un 10% das mesmas. Esta cantidade de supervivencia depende fundamentalmente das condicións climáticas, as mais favorables para os son elevada humidade e temperatura suave. Dende AGA, a alternativa que se considera mais convinte agora mesmo é atrapar as raíñas na saída do outono e no comezo da primavera, para evitar que formen niños. Para iso, pódense colocar trampas, mesmo as caseiras feitas con botellas de plástico e como líquido atraínte calquera tipo de alcohol, mezclado con algo doce e se pode ser algunas velutinas mortas. Tamén hai á venda trampas preparadas en laboratorios, pero de momento as caseiras están tendo bos resultados. Cada trampa pode durar ata 15 días, aínda que depende do nº de avespas capturadas.

Gonzalo Calvo, o veterinario de AGA, tamén presentou unhas imaxes dos dous tipos de avespas, a Velutina e a Crabro, para aprender a distinguilas mellor. Dou algunas indicacións para saber identificar unha Vespa Velutina: Patas amarelas, tórax negro e fina raia amarela no centro do tórax.

A continuación proxectouse o vídeo "A avespa asiática, unha ameaza ambiental"  producido polo Concello de San Sadurniño o cal AGA recomenda ver, xa que aporta moitos datos interesantes e de utilidade para coñecer como é este insecto e saber como controlalo. Ver vídeo.

 

Decreto de Produción Primaria

O 30 de setembro do 2014 saíu publicado no DOG o Decreto 125/2014 titulado "Venda directa dos produtos primarios dende as explotacións á persoa consumidora final" co obxecto de regular e apoiar a produción primaria. Gonzalo Calvo, explicou en que consiste este decreto e como afectará ás explotacións apícolas.

A venda directa en feiras e mercados foi o sistema de comercialización dos produtos dende hai séculos. Cos cambios na sociedade actual, os sistemas de distribución da produción foron cambiando e deixaron ós produtores primarios no final da cadea, ignorados e afogados no medio de intermediarios e grandes empresas.  Este decreto ten o obxectivo de valorizar ó produtor e recuperar á relación directa entre a persoa produtora e consumidora, o cal resultará nun maior equilibrio na repartición do rendemento económico e fomentará tamén a produción agraria, ademais de facer chegar ás persoas consumidoras produtos de gran calidade obtidos de xeito tradicional e con variedades vexetais e animais autóctonas.

O Decreto regula os produtos primarios, entendendo como produto primario aquel procedente da terra e da gandería con destino á alimentación humana, non incluindo a caza, nin carne animal, non sometidos a ningún tipo de elaboración. Estes produtos poderanse comercializar a través da venda directa, é decir, a realizada polo produtor/a directamente á persoa consumidora final, que pode ser na propia explotación ou en mercados, e a establecementos polo miúdo. A venda na explotación ou no mercado pode facela o propio produtor/a, un familiar ou un empregado/a e a zona de comercialización dos produtos será sempre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso da apicultura entran os seguintes produtos e cantidades máximas a envasar e distribiur por produtor e ano:

Mel / 3.000 Kg
Pole / 450 Kg
Própole / 30 Kg
Xela Real / 10 Kg

Os pasos a seguir para acollerse á venda directa de produción primaria son:

1. Inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) na oficina agraria comarcal.

2. Inscrición na sección de explotacions acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI) na oficina agraria comarcal.

3. Cumprimento dun autocontrol e boas prácticas. O produtor/a é responsable da inocuidade e seguridade do produto. No caso da apicultura, pódese utilizar  a guía de boas prácticas publicada por AGA.

4. Realizar un etiquetado do produto seguindo a normativa vixente. Para produtos apícolas ten que figurar a seguinte información:

Nº REAGA

Nome e enderezo do titular da explotación

Tipo de mel

Peso neto

Data de consumo preferente (2 anos dende que se envasa o produto)

Lote

Logo do punto verde

Non poderán figurar indicacións xeográficas referidas a Galicia sobre a procedencia do mel xa que isto só o poden utilizar as envasadoras rexistradas na IXP Mel de Galicia.

5. Inscrición nunha empresa de reciclado de envases para poder incluir o logo do punto verde na etiqueta.

6. Levar un rexistro de trazabilidade do produto no que figure como mínimo: produto vendido, cantidade, data de venda e lugar.

Os socios e socias de AGA que leven a etiqueta de Mel das Miñas Colmeas, teñen tamén que inscribirse na sección de venda directa na oficina agraria, cumplir a guía de boas prácticas e levar un rexistro de vendas do produto.

Para mais información consultar o artigo de "Comercializar mel sen rexistro sanitario" e "Guía de boas prácticas" desta web. Para información do logo do punto verde consultar en www.ecovidrio.es ou www.ecoembes.es

 

Plan Apícola 2015

Para ir adiantando información para solicitar as axudas do Plan Apícola no ano 2015, o veterinario de AGA indicou os pasos a seguir:

1. Actualizar o libro de explotación apícola na oficina agraria antes do 01 de marzo.

2. Fotocopiar as follas nº 1, 4, 5 e 9.

3. Enviar as fotocopias á sede de AGA en Arzúa.

4. Facer un seguro para as colmeas, como mínimo de responsabilidade civil. A póliza que se contrata a través de AGA é suficiente.

5. No mes de xuño avisarase por correo apícola sobre como e cando solicitar o tratamento.

6. Nos meses de xullo e agosto o veterinario fará a rolda de recetas e entrega do produto.

7. Antes de mediados de agosto hai que ter pagado e recollido o produto e feita a receta.

 

Despois de realizar a asamblea da delegación de Ourense e entrega de diplomas ós participantes do grupo APIE finalizouse o acto coa proxección do primeiro dos cinco capítulos da serie "Apicultura na casa", que tamén se pode visualizar dende a web de AGA.

 


Voltar