+ 34 981 508 142

Apiturismo: Viaxe a Eslovenia

Este ano AGA organiza unha viaxe a Eslovenia, do 20 ao 26 de setembro, para vivir unha experiencia en apiturismo. 

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha ocasión única para descubrir este pequeno e fermoso recuncho verde de Europa: Eslovenia, coñecida tamén como o "País das abellas". A apicultura forma parte del tecido cultural esloveno, sendo esta unha das actividades rurais máis antigas e tradicionais. Eslovenia posee e ofrece ós seus visitantes un extenso patrimonio que é implementado coas modernas técnicas dos apicultores de hoxe. 

 

Apiroutes: Asociación Apicultores Eslovenia e Aritours

O proxecto de apiturismo en Eslovenia, chamado Apiroutes, naceu da colaboración entre a Asociación de Apicultores Eslovenos e a axencia de viaxes Aritours, especializada en turismo alternativo. 

Na campaña de promoción que está desenvolvendo Aritours por toda Europa, Apiroutes chegou a Galicia a través do VII Congreso Apícola Hispánico, o pasado mes de outubro en Santiago de Compostela. Alí nos deron a coñecer esta interesante iniciativa e a partir de aí comezamos a organización dunha viaxe para coñecer de primeira man este proxecto e incluso comezar a valorar as posibilidades de levar a cabo algo similar en Galicia.

 

 

A viaxe de AGA

A viaxe terá 7 días de duración, do 20 ao 26 de setembro, e será unha combinación de apicultura e turismo, con visitas a apicultores, degustacións de produtos, museos, centros de divulgación e os lugares máis fermosos do país, dende as montañas dos Alpes, zona orixinaria da abella carniola, pasando pola capital Liubliana, centro cultural e comercial de Eslovenia, ata a rexión dos viñedos, famosa pola elaboración de bebidas tradicionais con mel.

Para movernos polo país contaremos cun autobús privado e unha guía que nos acompañará durante todo o percorrido. O aloxamento será en hoteis coa máxima comodidade, nun dos cales poderase disfrutar dun balneario.

Programa da viaxe: Descargar programa completo (prezo actualizado a data 15/05/15 por variación no nº de participantes)

 

A apicultura eslovena

A apicultura forma parte do tecido cultural esloveno, sendo ésta unha das actividades rurais máis antigas e tradicionais. Eslovenia posee e ofrece ós seus visitantes un extenso patrimonio que é implementado coas modernas técnicas dos apicultores de hoxe. 

Xa no século VIII hai constancia de que os eslovenos estaban considerados como expertos apicultores e foi incluso nomeada como unha nación de apicultores. As abellas representan a laboriosidade e a sabiduría, co que se sinte identificado o pobo esloveno, coñecido por ser xente moi traballadora. 

A colmea tradicional, chamada colmea de carniola, é famosa polas pinturas coas que se decoran os seus frontais dende o século XVIII. Son auténticas obras de arte que representan tanto esceas relixiosas así como a propia historia e cultura popular de Eslovenia.

 

 

Apiturismo en Galicia 

Para AGA, coñecer de primeira man o apiturismo en Eslovenia será moi útil para poñer en marcha proxectos similares en Galicia. Co apiturismo levamos a cabo unha tarefa de divulgación sobre as abellas e a apicultura, de cara á sociedade en xeral e ós consumidores de produtos apícolas.

Para os socios e socias, pode ser unha forma de darse a coñecer, unha fonte de ingresos extra e un incremento das súas ventas. O turismo é unha importante actividade económica no noso país e que vai en aumento, tanto a nivel de turismo nacional como internacional. E cada vez hai mais interese na práctica dun turismo diferente, mais activo e participativo, no que iría incluido o apiturismo. 

 

Inscricións

Poñerse en contacto con AGA por email a aga@queixoemel.org ou por tel. 981 589 534. As persoas inscritas recibirán información detallada da viaxe e sobre como formalizar a reserva.

O prazo para inscribirse remata o 31 de maio (data modificada a 15/05/15).

 

Máis información

Apiroutes: www.apiroutes.com

Eslovenia: www.slovenia.info


Voltar