+ 34 981 508 142

Asamblea de BeeLife en París

Os pasados días 12 e 13 de abril tivo lugar a Asamblea de Bee Life en París. Nela tivemos oportunidade de falar de varios asuntos relativos á incorporación de novos membros, o cambio da súa sede, ou o cambio de logo de Bee Life. Aprobáronse tamén as contas do ano anterior e fíxose o relatorio de actividades de 2016.

Entre as actividades para o ano 2017 destacan a consulta da Comisión Europea sobre a nova PAC (Política Agraria Común), a utilización dos pesticidas, cambio climático etc.

En canto a nova PAC as cuestións principais xiran en torno as medidas agroambientais que vai conter; fomentar o cultivo de plantas melíferas, xestión de riscos, fertilizantes e medidas específicas para o sector da apicultura.

Dende Bee Life promóvese a realización dunha agricultura compatible cos polinizadores, para o cal é necesario restrinxir o uso dos praguicidas neonicotinoides (imidacloprid/clotianidina/tiametoxan) entre outras medidas. Reivindícase a restricción total no uso destes tres praguicidas, sen deixar a porta aberta ao seu uso nos invernadoiros.

A Comisión Europea xa se amosou favorable á prohibición e agora é o turno dos Estados membros, que decidirán sobre esta proposta e comunicarán a súa postura á Comisión previsiblemente no mes de maio. Bee Life, Pan-Europe e máis GreenPeace tiveron a iniciativa de enviar unha carta aberta á Ministra Tejerina (á que AGA se adheriu) instándoa a que España se posture a favor da prohibición total no uso dos neonicotinoides e pedindo tamén a plena aplicación do protocolo da EFSA (Axencia Europea de Seguridade Alimentaria) sobre avaliación de riscos dos produtos fitosanitarios nas abellas.

Esta carta foi contestada pola Ministra no mes de Abril, e sinala que polo momento só se intercambiaron puntos de vista sobre a prohibición total, e que aínda é cedo para poder establecer unha postura definitiva sobre a cuestión, que vai depender en moito da proposta final que se presente a voto e da información científico-técnica obtida ata ese momento.

Esperamos que España se postule a favor da prohibición total no uso dos neonicotinoides e seguiremos coa presión necesaria para isto.


Voltar