+ 34 981 508 142

COLLEITA DO MEL 2017 E ENTREGA NA COOPERATIVA

12 de setembro 2017

A colleita deste ano 2017 en xeral é froxa, pero hai unha excepción que é a alta produción de mel de eucalipto como xa facía anos que non había. Pola contra, a provincia de Ourense foi a máis castigada, xeadas tardías na primavera e sequía no verán propiciaron unha colleita moi raquítica.

Erica Mel pídelle aos cooperativistas que entreguen a colleita en Arzúa canto antes, para o cal lembramos que hai que solicitar as etiquetas e volante de circulación a Mel de Galicia e chamar á cooperativa para indicar a data da entrega. Tamén anima aos socios e socias de AGA a asociarse a Erica Mel S.C.G., xa que está aberto o prazo para os abelleiros e abelleiras para unirse á maior cooperativa de mel en Galicia. Poden entrar facendo o seu aporte de capital social en mel, que este ano está establecido en 130 quilos.

Dada a situación do mercado debemos aproveitar para subir os prezos. Se a anterior referencia era que non houbera no mercado mel a menos de 8 euros, agora a meta sería que non houbera mel a menos de 9 € o quilo. Tamén a cooperativa está estudiando subir o prezo ó que se paga o mel ós socios e socias produtores nun 10 %, quedando a 4,40 € / Kg.

Os socios e socias de Erica e AGA que estean vendendo o seu mel envasado e queiran ofrecer algún produto a maiores para incrementar os ingresos, como mel e xalea ou mel e própole que envasa a cooperativa e teñen moi boa aceptación, agora tamén en envase antigoteo, que se poñan en contacto coas nosas oficinas en Arzúa.


Voltar