+ 34 981 508 142

COMUNICADO DE AGA SOBRE A VESPA VELUTINA

4 de agosto de 2017

ÚLTIMAS NOVIDADES E PETICIÓNS. A PROTECCIÓN DOS APIARIOS CUN SISTEMA ELÉCTRICO E A MARCHA STOP VELUTINA POLA CORNISA CANTÁBRICA

A Asociación Galega de Apicultura pretende informar dalgúns dos traballos relacionados coa Vespa velutina e sigue demandando máis implicación por parte das administracións. Presenta tamén o seu estudo sobre unha "Trampa eléctrica", un sistema de protección do apiario que pretende frear os efectos da velutina sobre as colmeas. Na mesma liña reivindicativa fai pública a "Marcha STOP Velutina" unha movilización que ten como obxectivo a concienciación da sociedade e que pretende ser unha chamada de atención ás autoridades e gobernos implicados.

SOBRE A ACTUACIÓN DA ADMINISTRACIÓN

A Asociación Galega de Apicultura fíxose eco da problemática da Vespa velutina prácticamente dende a súa entrada no país o ano 2012, baixo demanda dos seus socios e socias que como non podía ser doutro xeito demandaban solucións a este problema e a intervención necesaria das Administracións. Unha longa lista de actividades e proxectos desenvolvéronse pola nosa parte durante o ano 2016, incluídas varias peticións e solicitudes á Xunta e tamén ó Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, como entidades competentes na xestión das especies exóticas invasoras.

AGA é membro fundador da Plataforma Stop Velutina -Galicia, constituída para informar ás administracións da situación tan dramática que vive o sector e tamén trasladar as peticións que xurden neste sentido. En Maio rexistramos o noso "Documento de mínimos" dirixido tanto a Consellería de Medio Rural como á Consellería de Medio Ambiente, por entender, como así reflexamos no documento, que ambas administracións son competentes na xestión do problema. Reivindicacións e peticións que mantemos e que en liñas xerais pasaban por:

A importancia da loita preventiva: AGA trasladou e insistiu na importancia de facer un trampeo primaveral, masivo e sobre todo coordinado para deter o avance da Velutina capturando raíñas fundadoras. Un niño evitado na primavera son 18.000 exemplares de Velutinas evitadas no verán. As Aministracións debían fomentar este trampeo coordinado e para isto AGA puxo a disposición da Xunta material gráfico que explicaba como e por que trampear, solicitando os soportes de difusión cos que ésta conta e que permitirián unha difusión amplia. A compra e posterior distribución de trampas por parte da Consellería de Medio Rural non é suficiente.

Xa na reunión mantida entre AGA e a Consellería de Medio Ambiente (concretamente coa Directora Xeral de Patrimonio Natural e a Biodiversidade o 31 de marzo deste ano) a Xunta respostou que xa tiñan preparado este tipo de material e aseguraban que a difusión corría da súa conta. Non obstante AGA non ten coñecemento de que se fixera nada por divulgar a necesidade do trampeo primaveral, nin co noso material nin con aquel que aseguraron ter eles.

Na mesma reunión AGA solicitou información sobre os Convenios de colaboración entre as administracións e as universidades para desenvolver liñas de investigación sobre a Velutina. Sabíamos da existencia de dous convenios entre a Deputación da Coruña e a USC e máis a UdC xa que AGA participa neles pero queríamos saber se a Xunta tiña pensado financiar algún outro e ver tamén se a investigación se estaba facendo de xeito coordinado.

A mesma Directora Xeral respostou que efectivamente existían novos Convenios entre a Xunta e as universidades e desta vez os estudos serían de alcance xeral, recollerían datos de toda Galicia e non só de determinados territorios.

Según asegurou a Directora Xeral, só faltaba o asino dos rectores para que estes convenios comezaran a funcionar. Aínda que instamos á Xunta a que comunicaran algo sobre estos Convenios en varias ocasións, a última en Maio, non tivemos resposta pola súa parte, o que nos fai pensar que o asunto está parado.

A Asociación Galega de Apicultura leva moito tempo reivindicando a necesidade de que exista un organismo único que xestione a problemática da Velutina, a existencia de tres Consellerías ocupándose do tema non parece o mellor xeito de coordinar a xestión da Velutina.

Existe unha Comisión de Seguimento sobre a velutina na que participan tres Consellerías e máis a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). AGA trasladou a intención de estar presentes na mesma pois as asociacións apícolas poden aportar moita información e coñecementos de campo sobre a velutina e sobre as propias abellas e lembrando tamén que os documentos aprobados polo Ministerio sobre a xestión da problemática da Velutina falan da necesidade de contar co sector asociativo apícola para que presten asesoramento. AGA cursou esta solicitude o 15 de setembro do ano 2016. Non entendemos cal é o motivo da Xunta para considerar que as asociacións apícolas de Galicia non debemos estar nas reunións da Comisión de Seguimento sobre a Velutina. Os apicultores e apicultoras abandeiran dende o principio a loita contra a especie e non son os únicos afectados. A Xunta mantense allea a estes traballos. Non é de extrañar que falar de Velutina sexa sinónimo de descoordinación.

A apicultura é unha grande afectada pola velutina pero a desaparición da pequena e mediana apicultura como oficio, como todos entenderán, non é un dano exclusivo para os apicultores.

A apicultura é a principal afectada pero moito máis a biodiversidade do noso país.


 


En canto ás axudas para reposición das baixas, AGA reiterou a necesidade de convocar subvencións que permitiran a reposición das baixas con enxames autóctonos como se viña facendo noutras convocatorias do Plan Apícola, ou ben, convocar unha orde específica de financiamento dada a urxencia e necesidade das mesmas. O Subdirector Xeral de Ganderia, Agricultura e Industrias Alimentarias asegurou nunha conferencia pública sobre a Velutina organizada pola Delegación de AGA con motivo da Feira ExpOurense, que as axudas para paliar as perdas que sufre o sector sufragaríanse a través da Orde de axudas para o fomento de razas autóctonas galegas. O primeiro é sinalar que as abellas non están consideradas unha raza autóctona galega. Non fai falta decir moito máis. Acerca de se van convocar ou non outro tipo de axudas, no que AGA seguiu e seguirá insistindo, a inactividade da administración neste sentido fainos pensar que serán os apicultores e apicultoras quenes soporten todo o dano que a Velutina fai sobre as abellas e sobre o sector do mel en Galicia.
 

A xestión das especies exóticas invasoras é unha competencia medio ambiental.

A lexislación europea sobre Especies Exóticas Invasoras (EEI) regula as mesmas como un problema medio ambiental directamente relacionado coa perda de biodiversidade. (Estratexia da UE sobre a Biodiversidade ata 2020. Aprobado 3 Maio 2012 pola Comisión Europea).

Co obxectivo de deter a perda de biodiversidade a Comisión propúxose unha serie de metas e ferramentas entre as que destacaba a obriga de que os Estados membros aprobaran instrumentos lexislativos que serviran para xestionar a loita contra as EEI, e así chegaron o RD 630/2013 de 2 de agosto que regula o Catálogo español de especies invasoras e o xa coñecido "Estratexias de Xestión, Control e posible Erradicación do Tártago Asiático" aprobado pola Comisión Estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade en 2014 e pola Conferencia Sectorial de medio ambiente en 2015.

Os citados documentos conteñen as medidas a levar a cabo polos suxeitos encargados: O Grupo de Traballo sobre especies exóticas invasoras (GTEEI) creado polo Comité de Fauna e Flora Silvestre e cuio cometido é informar e asesorar ao mesmo sobre a xestión desta especie invasora e sobre a aplicación da Estratexia, o Subgrupo de traballo do tártago asiático, con tarefas de seguimento na aplicación da Estratexia e para a mellora e actualización da mesma.

Éstes son os organismos que baixo a coordinación do MAPAMA deben ocuparse da Vespa velutina e do resto de EEI. As Comunidades Autónomas teñen un papel importante na xestión da problemática así como na remisión de datos á Administración Xeral do Estado. Galicia remitiu varios escritos neste sentido.

Como vemos a competencia é compartida e a perspectiva de toda a lexislación é claramente medio ambiental, o problema non ten unha dimensión agropecuaria únicamente, este é un sector claramente afectado pero non é unha consecuencia única senón unha manifestación máis da perda de biodiversidade; desaparición de polinizadores depredados pola Vespa velutina incluídas as abellas, e con isto a grande afectación do sector da apicultura. Este fundamento esixe que as Administracións con competencia medio ambiental, tanto Estatal como Autonómicas, asuman as competencias que lles corresponden.


Todas estas cuestións foron trasladas en varias ocasións á Consellería de Medio Rural e á Consellería de Medio Ambiente instándoas a que asumiran as competencias que lle corresponden, ao MAPAMA como órgano tamén competente na coordinación da Estratexia de loita contra a Velutina, e máis aos Grupos políticos do Parlamento Galego para o seu rexistro na Comisión de Agicultura e posterior traslado á Xunta de Galicia en forma de preguntas.

O trámite previsible na Comisión non chegará ata Setembro.


 

SOBRE A TRAMPA ELÉCTRICA PARA A PROTECCIÓN DOS APIARIOS

Unha das liñas de traballo de AGA relacionada coa Vespa velutina foi a constitución dun grupo de traballo que estudiaría o sistema dunha "Trampa eléctrica", que despezara o seu sistema de funcionamento a analizara a súa eficacia real. O grupo de traballo de AGA culmina o seu estudo coa elaboración dunha "Guía para a construción caseira dunha trampa eléctrica" que ofrece instruccións para a montaxe deste sistema e que acompaña referencias web para a fabricación, tamén caseira, dun sistema de alimentación basado en placas solares (sistema de alimentación fabricado por Miguel Ángel Meizoso Maroño, autor do sitio web donde explica cómo construir o alimentador a calquera interesado pois é de licencia libre.

Pretendemos ofrecer un sistema eficaz de protección dos apiarios e basado nun "Faino ti mesm@" que abarate costes e sexa accesible a todos. As probas feitas ata o momento permiten ser optimistas pois parece que esta trampa ademáis de protexer o ratio entre as colmeas, ten efecto disuasorio sobre as Velutinas.

 

A MARCHA STOP VELUTINA, FERROL-BILBAO DO 19 Ó 23 DE OUTUBRO

Coa finalidade de chamar a atención da sociedade e gobernos sobre a problemática da Vespa velutina, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) en colaboración coa Confederación en defensa da abella na Cornisa Cantábrica (CODACC), organizarán do 19 ao 23 de outubro a Marcha Stop Velutina, unha marcha reinvindicativa que percorrerá en tren a Cornisa Cantábrica atravesando as comunidades máis afectadas polo tártago asiático. Durante a marcha faranse actos informativos para dar a coñecer o problema entre a poboación e difundir o uso da "trampa eléctrica" entre os apicultores, en vista dos bos resultados que está dando no estudio que está facendo AGA deste sistema de protección das colmeas fronte a Vespa velutina. A viaxe incluirá tamén visitas apícolas e turísticas, para coñecer os lugares polos que pasaremos e compartir experiencias e coñecementos sobre apicultura.

Partiremos de Ferrol o día 19 e a primeira visita será en Luarca onde coñeceremos o Parque da Vida da man de Luis Laria, presidente do CEPESMA e experto en Vespa velutina. Continuaremos por Xixón no Xardín Botánico, onde teremos un encontro con apicultores e apicultoras da Asociación en Defensa da Abella no Principado de Asturias (ADAPAS). O día 21 asistiremos á IX Feira Apícola de Torrelavega, organizada pola Federación de Asociacións de Apicultores de Cantabria (FAAC), onde terá lugar unha gran concentración abelleira e nos recibirán as autoridades convidadas á feira, entre as cales intentaremos que estea o presidente de Cantabria Miguel Angel Revilla. Para rematar chegaremos a Bilbao onde nos acollerán os compañeiros e compañeiras de BAMEPE, Asociación de Apicultores de Bizkaia, que nos contarán como está organizada a loita contra esta praga no País Vasco.

A participación pode ser de varias formas, sumándose a esta marcha e facendo a viaxe con AGA, participando nas concentracións que faremos en cada un dos lugares polos que pasaremos ou realizando achegas económicas ou en especies. A inscrición está aberta a calquera persoa interesada. Dende AGA pedimos a colaboración tanto de asociacións apícolas como doutros sectores afectados por esta praga. Para inscricións e máis información, contactar con AGA por email a info@apiculturagalega.es ou por teléfono ao 981 508 142.

CONTACTO PARA A PRENSA:

Laura García Sáez - Asesora Xurídica de AGA
Tel. 640 230 155
Email: servizoxuridico@apiculturagalega.es
 


Voltar