+ 34 981 508 142

Coidados das abellas durante o outono

Por Xesús Asorey, secretario-técnico de AGA.

Deixar reservas de mel na colmea, desparasitar e colocar trampas contra a vespa velutina, os principais traballos.

O mel xa está recollido das colmeas. Foi un ano moi irregular: houbo boa colleita de mel de queiroga en primavera e melato de carballo no verán. Pola contra, foi moi frouxa a colleita de eucalipto, silva e castiñeiro. Polo tanto, hai unha abundancia de meles escuros e escaseza de meles claros. En xeral podemos calcular un 20% menos de colleita de mel en Galicia que o ano pasado.

Este é o intre de preparar as colmeas para pasar o inverno. Como primeiro paso, hai que asegurarse de que que queda na colmea mel dabondo para que as abellas pasen o inverno; en concreto, máis de 15 quilos por colmea, o que ven a ser uns 5 panais langstroth.

Tamén é o intre de desparasitar as colmeas contra a varroa, con produtos químicos ou con ácidos orgánicos compatibles coa produción ecolóxica. As colmeas que enxamearon poderían sobrevivir sen tratamentos contra a varroa.

En canto ao control da vespa velutina, o outono é a época na que nacen moitas nais e machos nesta familia. Polo tanto, é conveniente colocar trampas para capturar raíñas, co que haberá menos exemplares que hibernarán e que non poderán facer niños o ano que ven.

Recordemos o ciclo biolóxico da vespa velutina:

Inverno: As raiñas hibernan, individualmente ou en grupos pequenos, en cavidades protexidas ( codias de árbores, penas, paredes…)

Primavera: Actívanse con bo tempo (marzo-xuño), e constrúen niños primarios. Cada raiña funda un niño.

Verán: De xuño a outubro. Niños secundarios. Ata 12-15.000 individuos por colónia.

Outono: de outubro a decembro, as raíñas abandonan o niño e buscan cavidades protexidas para hibernar. O niño baléirase e morre.

Programa de control contra a vespa vespa asiática:

Primavera: Colocación intensiva de trampas para capturar fundadoras (raíñas)
Verán: Destruír os niños avistados (seguridade cidadá)
Outono: Captura de raíñas.

Danos que está causando a vespa velutina:

Reduce a biodiversidade dos ecosistemas
Prexuízos económicos nos sectores apícola e frutícola
Seguridade cidadá
Perigo para os traballos forestais

 


Voltar