+ 34 981 508 142

Colectivos de diferentes sectores e varias comunidades autónomas únense na loita contra a Vespa velutina

5 de xuño de 2017

A Plataforma Stop Velutina presentou as súas reivindicacións durante a 32ª Mostra Galega de Apicultura, celebrada en Arzúa o pásado 3 de xuño, e anunciou que xa son máis de trinta as organizacións de diferentes sectores, apícola, agrario, ambiental, concellos e universidades, as que se sumaron á iniciativa. Pola súa banda, AGA presentou a Marcha Stop Velutina pola Cornixa Cantábrica na que se unirán asociacións das diferentes comunidades autónomas afectadas pola praga da velutina para chamar a atención da sociedade e governos sobre a problemática medioambiental que xenera esta especie exótica invasora.

  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A loita contra a Vespa velutina gaña forzas coa unión de colectivos de diferentes sectores e comunidades autónomas afectadas. Durante a xornada celebrada hoxe en Arzúa pola Asociación Galega de Apicultura, a Plataforma Stop Velutina, que ven de entregar na Consellería de Medio Ambiente e Medio Rural as súas peticións á administración sobre a loita contra a Vespa velutina, anunciou que pasan xa das trinta organizacións integrantes, entre sectores diversos como o apícola, agrario, ambiental, ecoloxista, concellos e universidades. As reivindicacións da plataforma non son outras que a administración competente nesta problemática asuma a súa responsabilidade e poña en práctica as medidas para controlala e erradicala. Por outro lado, coa finalidade de chamar a atención da sociedade e governos, AGA presentou a iniciativa de realizar a Marcha Stop Velutina, unha marcha reinvindicativa que percorrerá en tren a Cornixa Cantábrica atravesando as comunidades máis afectadas polo tártago asiático. Será no mes de outubro e nela convidarase a participar tanto ós  socios e socias de AGA como dos demais colectivos da Plataforma e da CODACC, Confederación pola Defensa da Abella na Cornisa Cantábrica. Durante a marcha, faranse actos informativos coa poboación e colectivos locais e unha gran concentración final en Torrelavega, coincidindo coa Feira Nacional Apícola de Torrelavega.

Mentres se poñen en marcha investigacións para desenvolver mellores métodos de control e se informa á sociedade da gravidade deste problema, é necesario buscar solucións prácticas e inmediatas para evitar os graves danos que causa a velutina nas colmeas. De cara a próxima chegada do verán, cando é maior o número de velutinas, compre reducir o ataque nas colmeas e para iso o Grupo de Innovación de AGA explicou nesta xornada as primeiras conclusións dun estudo no que levan traballando varios meses. Trátase dun sistema denominado arpa eléctrica, que elimina os tártagos que se achegan ás colmeas mediante unha descarga eléctrica cando os insectos atravesan un sistema de fíos metálicos. O grupo desenvolveu un sistema de alimentación autónoma do aparato, que se pode fabricar de xeito caseiro. Para que os apicultores e apicultoras poidan poñelo en práctica, ofreceron un obradoiro no que explicaron como construir este aparato.

 

 

Sobre a importancia das abellas e a necesidade de prohibir os pesticidas causantes dunha gran parte da mortandade das abellas a nivel mundial falou Luis Ferreirim, responsable de Greenpeace da campaña "Salvemos ás Abellas". Con esta campaña a organización ecoloxista leva tempo divulgando na sociedade a importancia dos polinizadores, xa que deles depende a polinización do 90% das plantas con flores, o cal supón a produción da terceira parte de alimentación humana e se o traducimos ó valor económico a nivel mundial supón 265.000 millóns € ó ano. Pero os polinizadores están en perigo, varios informes desvelan que o 40 % dos insectos están a un paso de desaparecer do planeta, coas gravísimas consecuencias que iso tería. Según estudios de Greenpeace, explicou Ferreirim, un dos principais causantes desta situación é o modelo agrícola industrial, basado no uso de químicos. Pero este problema ten unha solución directa, a prohibición dos pesticidas. Greenpeace, basándose sempre en información científica, reivindica a prohibición total dos calificados como máis tóxicos, pero habería que continuar co resto, ata que se reduza polo menos ata o 30 % do seu uso. Para conseguilo, esta organización está levando a cabo a campaña "Salvemos ás abellas", coa que leva xuntado máis de 400.000 sinaturas, e está presionando os governos para que finalmente apoien esta prohibición, que xa aconsellou a Comisión Europea dende o ano 2013.

 

 

Por outro lado, AGA asistiu recentemente á reunión de Bee Life, a Coordinadora Apícola Europea da que forma parte AGA e Laura García, asesora xurídica desta asociación que asistiu ó encontro, explicou cal é a postura de Bee Life ante a nova PAC e os neonicotinoides. Bee Life ante a consulta da Comisión Europea sobre a PAC e a súa relación coa polinización, respondeu que é absolutamente necesario protexer a polinización para mellorar a produción e seguridade alimentaria. Para isto é preciso reducir a toxicidade dos seres vivos, realizar un monitoreo dos polinizadores, analizar o contido de pesticidas na auga e no pole e considerar as abellas como un factor de produción de apoio á agricultura. En canto ós pesticidas, a postura de Bee Life, integrada na Coalición Salva ás Abellas, é presionar para conseguir a prohibición total dos pesticidas, fixándose no informe elaborado pola EFSA no 2013. Hai demasiadas excepcións nas prohibicións parciais que ata agora se levan aplicado e non son suficientes para garantir a saúde das abellas e da biodiversidade.

Os asistentes á xornada tamén puideron facer consultas ó apiterapeuta José Castro, que ofreceron información sobre os beneficios deste tratamentos que utilizan os produtos das abellas para solucionar moitos problemas de saúde. E na feira de material apícola, amosáronse as últimas innovacións apícolas, como a colmea termosolar, que presentou Celso Cadahía e Leona Rehakova e tamén José Mª Bello explicou en que consiste o método Astiz, un novo sistema de protección fronte a velutina.

 

Máis fotos da xornada no facebook de AGA.


Voltar