+ 34 981 508 142

Comeza o programa Stop Velutina de AGA no Día do Apicultor

29 de febreiro de 2016

O pasado 20 de febreiro no Día do Apicultor comezou o programa Stop Velutina de AGA, co reparto de 3.000 trampas e a previsión de capturar 30.000 raíñas da avespa asiática durante esta primavera.

AGA levará a cabo este programa con 52.000 € de fondos propios e coa Universidade de Vigo coordinando a parte científica. Os obxectivos principais son frear o avance da praga coa colocación de 3.000 trampas e investigar a eficiencia dos diferentes sistemas de trampeo e protección das colmeas para despois utilizar no marco dun programa de control integral da praga.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O programa Stop Velutina foi presentado durante a mañán pola doutora en Bioloxía e socia de AGA Sandra Rojas, a coordinadora do programa. Ela foi a encargada de explicar ós asistentes  en que consistirá o programa que levará a cabo AGA dende o mes de marzo ata o outono.

1. Trampeo masivo e monitoreo

Na primavera desenvolverase a primeira fase do programa coa colocación de trampas e atraíntes para a captura masiva de raíñas fundadoras, do que AGA cubrirá o 75 % do coste. Para participar no programa os socios e socias de AGA poden recoller as trampas a través das delegacións ou na sede de AGA en Arzúa e deberán comprometerse a enviar a AGA os datos do reconto de raíñas capturadas durante a campaña, coa finalidade de obter datos para a investigación. Máis información sobre como participar en Programa Stop Velutina.

2. Investigación aplicada

No verán e outono terá lugar a segunda parte do programa, cunha investigación que coordinará a Universidade de Vigo xunto coas 11 Delegacións de AGA que se atopan baixo a ameaza da V. Velutina. e terá o obxectivo de atopar o método de trampeo e sistema de protección das colmeas máis eficaces e selectivos.

Consistirá nunha investigación aplicada para comparar a efectividade e a selectividade de diferentes tipos de trampas e atraíntes. Usaranse 9 tratamentos (ou combinacións trampa-atraínte) en diferentes sitios e se recollerán as mostras dos organismos que se atopan nas trampas dende marzo ata maio. Estas mostras serán analizadas no laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.

3. Divulgación

Dada a gran relevancia de que haxa un proceso de retroalimentación de experiencias e coñecementos en torno a esta problemática e as súas posibles solucións no noso proxecto incluiremos unha serie de actividades divulgativas dirixidas a diferentes públicos. 

O día 4 de xuño celebrarase en Arzúa a Mostra Galega de Apicultura na que xa se poderán presentar os primeiros resultados.

O día 3 de marzo AGA asistirá a unha xornada no Parlamento Europeo xunto con outras asociacións do norte de España, para expoñer a problemática que representa a Vespa Velutina e outros perigos para o futuro da apicultura en Europa.

Os días 1 e 2 de setembro terán lugar unhas Xornadas Internacionais sobre a Vespa Velutina en Lugo, nas que participarán expertos internacionais e se darán a coñecer os resultados acadados ata o momento.

 

Presentación de métodos de trampeo e protección de colmeas

A continuación presentáronse diferentes métodos de trampeo por parte de laboratorios especializados e outros modelos elaborados por apicultores de AGA que están experimentado a través das DAGAs e que se estudiarán durante o programa de investigación.

Apishield, fondo-trampa

A empresa Hifarmax de Portugal presentou o seu modelo Apishield, unha trampa formada por un fondo de colmea no que se adapta unha peza a modo de caixón para atrapar ás avespas que intentan entrar na colmea polo lateral atraídas polo propio olor da colmea e o das avespas retidas no seu interior e despois non poden saír. As ventaxas deste tipo de trampa son que non se necesita un atraínte específico, funciona tamén como fondo sanitario para eliminar a varroa e pode atrapar tamén outros insectos perxudiciais para a colmea como a polilla da cera. Aconséllase utilizar un fondo cada 5 colmeas se hai moita presión de velutinas e se non un cada 10 é suficiente. Según os estudios realizados a presenza da V. Velutina en colmeares con este fondo-trampa redúcese ata un 40%.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Outros modelos de fondo-trampa

Basándose no mesmo sistema que o Apishied, Salvador Martínez da DAGA Rías Baixas presentou outro fondos-trampa feito por un socio da delegación de forma artesanal. Paco Graña da DAGA Bergantiños preparou un fondo-trampa sinxelo e económico, utilizando un fondo sanitario de plástico e acoplándolle unha caixa de plástico por debaixo, cuns buratos nos laterais onde se colocan uns embudos feitos coa boca de botellas de plástico.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Artiluxio para protección da colmea

Paco Graña, da DAGA Bergantiños e Xeús Asorey presentaron un sistema artesanal de protección, baseado nun que se está a utilizar en Francia. Trátase dunha protección que reduce a presencia das avespas. Colócase na piqueira afastando entre 35 e 40 centímetros ás avespas da liña de vo da colmea, o punto crítico no que as Velutinas atrapan a máis abellas. É convinte utilizalo no verán para que as abellas poidan seguir traballando sen o estrés provocado polas avespas na entrada da colmea.

En canto ao deseño, trátase dun caixón rectangular de 40×19 e cun listón de 3×2 que vai atornillado á colmea. Recúbrese na parte frontal cunha malla metálica, preferentemente de cor escura, de 13 milímetros que permite o paso das abellas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Trampas e atraíntes de Vetopharma

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Representando ó laboratorio francés Vetopharma falou Juan Manuel García, que explicou o tipo de trampas e atraintes que comercializan e que están á disposición dos socios e socias de AGA a través do programa Stop Velutina.

Este tipo de trampeo debe facerse preferentemente na primavera e no outono, para capturar as raíñas fundadoras. O sistema idóneo sería que funcionara de forma selectiva para evitar atrapar a outras especies de insectos e niso está traballando este laboratorio. Os resultados da investigación deron cunha feromona específica para a V. Velutina pero atoparon o problema de que esta feromona vai variando según o ciclo de vida das avespas, polo que de momento non se sacou ó mercado e continúan na fase de estudio.

O atraínte é totalmente natural, non atrae as abellas e non fermenta. A trampa de cor amarelo e cunha entrada que tapa a luz do día para que non saian as avespas unha vez que entraron, demostraron uns bos resultados.

A eficacia deste sistema está avalado por varios estudios realizados pola propia empresa como por outros organismos. O Instituto Tecnolóxico de Ciencias de Francia demostrou cun estudio feito con varias trampas comerciais e caseiras, que Vetopharma dou o mellor resultado, atrapando 9 avespas por día. En tódolos estudios os resultados deron como inevitable que as trampas recolleran outros insectos.

Plan de actuación no Morrazo

José Mª Bello, o delegado da recén creada DAGA Morrazo, relatou como comezaron coa loita contra a Velutina no Morrazo e conseguiron finalmente implicar ós concellos da comarca a través dun plan de actuación coordinado entre concello e apicultores. Neste plan inclúese por un lado a realización dun trampeo masivo na comarca, con trampas adquiridas polos concellos, a dotación de material para a eliminación de niños, o estudo dun tipo de sistema para eliminar niños a base de azufre ou gasolina. Por outro lado, organizarán actividades de divulgación a través de charlas educativas nos centros de ensino e a través das comunidades de montes cederanse terreos para a colocación de colmeas nas partes máis altas e disminuir así o ataque da avespa asiática, que se localiza máis nas zonas máis próximas á costa.

 

 

 

 

 

Proxecto Honey Booney

O proxecto Hooney Booney presentado por María Verde de Zaragoza, é un innovador proxecto lanzado a través da plataforma de crowdfunding  Goteo.org. O proxecto consiste en imitar o mecanismo natural de defensa da abella asiática fronte a avespa asiática, que rodea á avespa producindo calor en grupo numeroso para acadar alta temperatura que consigue matar a avespa. O sistema consiste en desenvolver e implementar un hardware e un software que poría en funcionamento un dispositivo de raios láser ubicado no frontal da colmea. Este dispositivo localizaría ás avespas e eliminaríaas co raio láser e podería realizarse ó insecto voando diante da colmea ou directamente ó niño.

O proxecto, que conta coa colaboración da Asociación Española de Apicultores, levarase a cabo se consigue o apoio económico suficente a través de goteo.org. É un proxecto sostible, con materiais de baixo coste e a información utilizada sería totalmente de código aberto.

Máis información: https://goteo.org/project/hooney-booney

 

Sesión sobre a varroa

Pola tarde, o tema xirou sobre a saúde das abellas e o uso de tratamentos para a varroa. Os laboratorios Vetopharma, Hifarmax e Byopic presentaron os seus produtos e resolveron dúbidas sobre algunhas problemáticas asociadas co seu uso.

Thymovar e Hibee de Hifarmax

Azucena Marqués, do laboratorio portugués Hifarmax, falounos de sanidade e nutrición apícola coa presentación do Thymovar, produto para a varroa apto para explotacións en ecolóxico, e o Hibee, un completo alimento para as abellas. Tal como explicou Azucena Marqués, o Thymovar está elaborado con 15g de timol, nunha base de celulosa, que garantiza unha liberación máis constante do timol. O factor máis importante para aplicación deste produto é a temperatura, que ten que oscilar entre os 15 e 35 grados. Entre 15 a 25 grados pódese aplicar 1 dose completa (dúas aplicación dunha tira dividida ó medio) e de 25 a 35 grados aplicaríase ½ dose. As posibles reaccións da colmea son a propolización do produto, o cal non perxudica a efectividade do mesmo, ou a repelencia nas abellas nos primeros 2 días, especialmente cando as temperaturas sexan altas e non se deixara espazo suficiente por encima do produto (5 cm) para que as abellas circulen. Para asegurarse un correcto funcionamento hai que coidar tamén o almacenado do produto e protexelo do calor excesivo. E para concluir coa súa intervención, a representante de Hifarmax engadiu que para reforzar a saúde das abellas é aconsellable o uso de alimentos completos como o Hibee, que contén altas concentracións proteicas, en especial aminoácidos esenciais, así como unha composición en lípidos, vitaminas e minerais. Está fabricado só a partir de produtos de orixe vexetal.

Maqs de Vetopharma

Do laboratorio Vetopharma, Juan Manuel García presentou o seu último produto Maqs, que está preparado a base de ácido fórmico e tamén se pode utilizar en ecolóxico. É un produto que actúa rápidamente nas colmeas e actúa na fase reproductiva da varroa, pero tamén ten a limitación da temperatura, pois non se debe aplicar a partir dos 30 grados e sempre nas doses indicadas polo laboratorio. Outra ventaxa deste tratamento é que non é necesario retirar as tiras pois son feitas a base de produtos naturais que acaban aproveitando as abellas.

Checkmite de Biopyc

O tratamento do Checkmite, que fabrica o laboratorio Biopyc, foi presentado por Encarna Garrido, a responsable da empresa en Galicia. Este produto está xerando dúbidas no sector debido á detección de residuos non aptos para o consumo no mel en partidas de mel exportadas a Alemania. Encarna Garrido explicou que seguramente os residuos no mel chegaron por acumulación destes na cera e que prácticamente tódolos tratamentos acaban deixando residuos, polo que é inevitable que se acaben acumulando se non se renova axeitadamente a cera da cámara de cría. A isto engadiu que outro problema pode ser tamén a incorrecta utilización dos produtos, polo cal aconsellou que hai que axustarse sempre ás cantidades e tempos indicados polos laboratorios cando se utilizan tratamentos sanitarios.

Servizo de limpeza de cera de Biopyc

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Para rematar a sesión, a mesma empresa Biopyc dou a coñecer un innovador servizo de limpeza da cera, que reduciría o problema dos residuos, tanto de tratamentos sanitarios como agroquímicos ou outras sustancias tóxicas. Esta limpeza contribuiría a mellorar a saúde das colmeas e elevar a calidade do mel. É un servizo ofrecido pola empresa Bayer en Alemania, de momento a única empresa autorizada, e Byopic facilitaría a xestión dende Galicia. A cantidade mínima a enviar sería de 500 Kg, do cal o apicultor recibiría a cera limpa en bloque ou opcionalmente xa laminada, nun prazo de 3 semanas. A cera é analizada antes e despois do proceso pola Universidade de Stuttgart, que certificaría a calidade do servizo. O sistema de limpeza básase no fundido da cera engadindo carbono activado, cun filtrado posterior a alta presión para separar a cera líquida do carbono. Existe unha merma na cera por contrato dun 10 % e o prezo sería de 1,50 € / Kg de cera entregado e 1,20 € máis se se quere laminado, máis o coste do transporte.

 

Asemblea de AGA

A celebración da asamblea de AGA transcurriu correctamente e déronse a coñecer as contas do 2015 que foron aprobadas así como as actividades e orzamento para o 2016. Estas son as actividades propostas:

1.-Asesoramento. Diario de 10 a 14 e de 16 a 18 h

2.-Información. 6 correos. Páxina web. Correos electrónicos. Facebook.

3.-Formación.

Cursos: Cursos de iniciación e especialización.

Xornadas Día do apicultor. 31ª Mostra Galega de Apicultura. Día da abella (20 de maio en Allariz)

Programa Stop Velutina: Durante toda a primavera. Viaxe ao parlamento Europeo (22 socios de AGA, ata 60 Cornisa Cantabrica)

4.-Servizos: Xestión do PLAN APICOLA 2016. Seguros

5.-Asociacionismo: participación en Bee Life (pesticidas), CODACC (v. Velutina), AFCA (Congresos), IXP-Mel de Galicia (control de calidade e promoción) e Fumigacións Non (Glifosato).

6.- Apiturismo: Posta en funcionamento do apiturismo en Galicia.

7.- Convenios co 112.

8.- Outros: Reunións cos Concellos e Consellería, V. Velutina, suba do prezo do mel, residuos Chekmite e edición dunha publicación CURSO DE APICULTURA.

9.- DAGAS: Formáronse 2 novas e posiblemente outra no Barbanza, total 11 DAGAS.

Nesta convocatoria fíxose renovación da directiva de AGA, na que Xesús Asorey deixou o cargo de tesoureiro, aínda que seguirá na asociación levando outras funcións.

Esta é a nova directiva:

Presidente: Manuel Gutiérrez Saavedra

Vicepresidenta: Mª Carmen Puga González

Secretario: Xosé Torres Romar

Tesoureira: Paula Souto Fandiño

Vogais: Dulce Mª Barro Fernández e Serafina Pérez Movilla

 

Feira de material e outras actividades

Durante a xornada, os socios e socias puideron mercar materiais de Erica Mel e Macmel, trocar cera a Carballal ou a Angel Romero, achegarse os postos informativos dos laboratorios Vetopharma e Hifarmax para aclarar dúbidas ou coñecer os últimos produtos da empresa Anel de Grecia. 

                                                                 Nave de Erica Mel

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                                       

                                       

                                     

 

                                         Helder Rodrigues da empresa Anel

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                                        

                                                    

 

 

 

                                                    Empresa Macmel

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                                            

 

 

 

 

Nesta edición tamén nos acompañou un equipo de voluntarios e voluntarias de Greenpeace, que estiveron recollendo firmas para o proxecto Salvar as Abellas e ofreceron un obradoiro de elaboración de candeas para nenos e nenas. 

                                           Equipo de Greenpeace

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                        Obradoiro de candeas con cera de abella

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Voltar