+ 34 981 508 142

Crónica da 32ª Mostra Galega de Apicultura

20 de xuño de 2017

Nesta edición da Mostra Galega de Apicultura, celebrada o pasado 3 de xuño en Arzúa, falouse sobre os temas que máis afectan a actividade apícola na actualidade: a Vespa velutina e os praguicidas. Para isto, convidamos a participar a Luis Ferreirim, responsable da campaña "Salvemos ás abellas" de Greenpeace, que nos explicou por que é necesaria a prohibición dos neonicotinoides e Laura García de AGA que expuxo a postura de Beelife sobre os pesticidas en Europa así como as propostas que realizou esta organización en relación á PAC, Política Agraria Común. Sobre a loita contra o tártago asiático, a Plataforma Stop Velutina presentou as súas reivindicacións, AGA anunciou a Marcha Stop Velutina pola Cornixa Cantábrica e o Grupo de Innovación de AGA ofreceu un obradoiro sobre a utilización da trampa eléctrica para protexer as colmeas fronte a velutina.

Ademais das charlas, das que a continuación expoñemos un resume, os asistentes puideron adquirir produtos apícolas na feira de material, na que contamos con diferentes casas comerciais: Lyson, Macmel, Apícola Carballal, Angel Romero, Anel, Jesús Vizcaya e Erica Mel. Tamén os máis pequenos puideron disfrutar de varias actividades no espazo infantil e moitos socios e socias participaron no xantar abelleiro celebrado na pulpeira de Santa María.

 

Unión na loita contra a velutina

A loita contra a Vespa velutina gaña forzas coa unión de colectivos de diferentes sectores afectados pola praga. Diego Sánchez do Sindicato Labrego Galego e Laura García de AGA, representantes neste acto da Plataforma Stop Velutina, explicaron que acaban de entregar na Consellería de Medio Ambiente e Medio Rural e no Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, as peticións da plataforma sobre a loita contra a Vespa velutina e anunciaron que pasan xa das trinta organizacións integrantes, entre sectores diversos como o apícola, agrario, ecoloxista, concellos e universidades. As reivindicacións da plataforma non son outras que a administración competente nesta problemática asuma a súa responsabilidade e poña en práctica as medidas para controlala e erradicala. A plataforma insiste en que as competencias deben recaer fundamentalmente na administración responsable sobre medio ambiente, á cal esixe que cumpla coas súas obrigas.

Tal como explicou Laura García, a Unión Europea publicou uns obxectivos de cara ó 2020, referente á biodiversidade, nos cales incluía a loita contra as especies exóticas invasoras. Para cumplir con este obxectivo, España elaborou un plan e estratexia para a loita e posible erradicación da Vespa velutina, o cal plantexa unhas obrigas que coinciden coas reivindacións da plataforma: potenciar a loita preventiva, promover a investigación, especialmente para conseguir un sistema de loita biolóxica e trampas selectivas, crear un organismo único na xestión desta problemática e informar á sociedade.

En relación á investigación hai xa convenios entre universidades e deputacións e sería importante incluir nas liñas de estudo as perdas económicas que supón para os diferentes sectores. AGA fixo aportacións neste sentido sobre posibles liñas a investigar que foron tidas en conta. A Xunta de Galicia tamén está asinando convenios coas universidades galegas para desenvolver estudos a nivel de toda Galicia, nos cales AGA tamén quere facer propostas, como así trasladou á Xunta, sobre a loita preventiva, que debe ser unha das materias prioritarias xa que está demostrado que é máis eficaz que a retirada de niños.

O trampeo, ademais de continuar a través do sector apícola como promoveu ata agora a Consellería de Medio Rural, é necesario extendelo a outros ámbitos a través de Medio Ambiente.

Debe publicarse un orzamento destinado exclisivamente á loita contra a velutina e constituir un organismo único que xestione esta problemática, no que se inclúan as asociacións apícolas, tal como AGA leva reclamando dende fai tempo.

Por último, a importancia da divulgación na sociedade é importante para que a xente poida diferenciar entre os diferentes tipos de avespas e saber cal é a Vespa velutina, que é coa que realmente temos que loitar. Está habendo moita confusión coa Vespa crabro que, ó contrario de eliminala, debemos protexer pois pode ser un elemento que axude a limitar o avance da velutina.

As próximas accións da plataforma son a búsqueda de máis apoios a través da FEGAMP e a través dos grupos políticos, cos que xa se están matendo reunións e o asunto xa chegou ó Congreso dos Deputados, onde se plantexaron unha serie de preguntas ó governo sobre a situación e as medidas que está implementado. A Plataforma Stop Velutina está tamén preparándose noutras comunidades autónomas a través da CODACC, Confederación de Asociacións en Defensa a Abella na Cornixa Cantábrica.

Para rematar, Diego Sánchez advertiu que a maioría das pragas ás que se están enfrentando os ecosistemas, non só a velutina, tamén a avespiña do castiñeiro, a praga da couza guatemalteca na pataca, etc. son causadas pola globalización e o transporte de mercancías. É preciso facer unha reflexión sobre o tipo de consumo que practicamos e os sistemas de produción, tanto locais como extranxeiros.

 

Marcha Stop Velutina pola Cornixa Cantábrica

Coa finalidade de chamar a atención da sociedade e governos, Paula Souto presentou a iniciativa de AGA de realizar a Marcha Stop Velutina, unha marcha reinvindicativa que percorrerá en tren a Cornixa Cantábrica atravesando as comunidades máis afectadas polo tártago asiático.

Será no mes de outubro e nela convidarase a participar tanto ós socios e socias de AGA como dos demais colectivos da Plataforma Stop Velutina e da CODACC, Confederación pola Defensa da Abella na Cornixa Cantábrica. Durante a marcha, faranse actos informativos coa poboación e colectivos locais e unha gran concentración final en Torrelavega, coincidindo coa Feira Nacional Apícola. A viaxe incluirá tamén visitas apícolas e turísticas, para coñecer os lugares polos que pasaremos e compartir experiencias e coñecementos sobre apicultura e a loita contra a velutina. O medio de transporte escollido é o tren, a través do FEVE, que une estas comunidades de igual xeito que están unidas agora pola loita contra a Vespa velutina. Ademais, o propio tren será unha parte interesante da viaxe, que nos permitirá contemplar paisaxes e aproveitar o tempo para charlas e debates sobre a problemática da Vespa velutina e moitos outros asuntos.

A viaxe terá lugar do 19 ó 23 de outubro e partirá de Ferrol, facendo paradas pola costa recollendo pasaxeiros e pasaxeiras. A primeira visita será en Luarca, onde coñeceremos ó Parque da Vida da man de Luis Laria, presidente do CEPESMA e experto en Vespa velutina. Continuaremos por Xixón no Xardín Botánico onde teremos un encontro con apicultores e apicultoras de ADAPAS. O día 21 asistiremos á Feira Nacional Apícola de Torrelavega onde faremos a gran concentración abelleira e por último chegaremos a Bilbao onde nos acollerán os compañeiros e compañeiras de BAMEPE, Asociación de Apicultores de Bizcaia.

O prezo estará entre 300 a 350 €, que inclúe aloxamento en media pensión, viaxe ida e volta e visitas apícolas, pero está todavía sen confirmar xa que dependerá do número de persoas e do tipo de tren que poidamos alugar. Para participar poñerse en contacto con AGA por email info@apiculturagalega.es ou teléfono 981 508 142 indicando o nome completo, NIF, teléfono e email.

 

A trampa para protección do colmear

Mentres se poñen en marcha investigacións para desenvolver mellores métodos de control e se informa á sociedade da gravidade deste problema, é necesario buscar solucións prácticas e inmediatas para evitar os graves danos que causa a velutina nas colmeas. De cara a próxima chegada do verán, cando é maior o número de velutinas, compre reducir o ataque nas colmeas e para iso o Grupo de Innovación de AGA explicou nesta xornada as primeiras conclusións dun estudo sobre un sistema denominado "trampa para protección do colmear", que elimina os tártagos que se achegan ás colmeas mediante unha descarga eléctrica cando entran en contacto cuns fíos metálicos.

Sandra Rojas, Dieter Boisits, Ramiro Freire, Rafa Díaz e Oscar Abad son os membros deste grupo que leva estudiando o funcionamento da trampa dende comezos de ano. Agora están rematando o estudo teórico coa elaboración dunhas conclusións, pero para ter información máis exacta e avalar a eficacia desta trampa, según explicaron, é necesario probar o sistema durante máis tempo e ver cales son os resultados.

Este modelo de trampa está xa sendo comercializada por unha empresa francesa pero ten un inconvinte: o sistema de alimentación. As trampas dependen da rede eléctrica para funcionar, o cal supón un problema para colmeares alonxados da rede de suministro. Para solucionalo, o grupo desenvolveu un sistema de alimentación autónoma utilizando placas solares, que se pode fabricar de xeito caseiro. Para que os apicultores e apicultoras poidan poñelo en práctica, ofreceron un obradoiro no que explicaron como construir este aparato, pero advertiron que se requiren uns coñecementos mínimos de electrónica. Un só aparato de alimentación podería facer funcionar 20 trampas, pero o aconsellable é que só se conecten de 3 a 5, xa que se falla deixarían todas as trampas de funcionar quedando o colmear completamente desprotexido. Este dispositivo non está sendo comercializado polo que as persoas interesadas teñen que facerse cos materiais para construilo. Para rematar, engadiron que este sistema non soluciona o problema, simplemente pon un parche como axuda ante a grave situación que están vivindo as abellas fronte a esta praga.

 

Salvemos ás abellas

Sobre a importancia das abellas e a necesidade de prohibir os pesticidas causantes dunha gran parte da mortandade das abellas a nivel mundial falou Luis Ferreirim, responsable de Greenpeace da campaña "Salvemos ás Abellas".

Comezou a súa ponencia explicando por que son importantes as abellas, tódolos tipos de abellas non só as melíferas, das que só en España hai 1.000 especies diferentes. O 90 % da polinización das flores depende dos insectos, unhas 300.000 especies de plantas. Un tercio da produción de alimentos obtense gracias á polinización dos insectos e polo tanto, tamén dos insectos depende a seguridade alimentaria humana e doutras especies. Da alimentación que provén de plantas con flores, a nivel mundial un 75 % é froito da polinización por insectos e en Europa aumenta ata o 84 %. Sen os insectos, a perda de produción podería baixar ata un 90 % e nalgúns produtos incluso o 100 %. Pero a polinización non só inflúe na cantidade, se non tamén na calidade dos froitos e, polo tanto, tamén no seu valor nutritivo e comercial. As cifras que indicou Ferreirim deixaron claro que o valor económico da polinización no sector agrícola é un factor relevante, alcanzando os 265.000 millóns € /ano golbalmente, 22.000 millóns € /ano en Europa e 2.400 millóns €/ano en España. E estas cifras incrementaríanse se engadimos o valor económico que supón a polinización realizada nos ecosistemas, pero non hai estudos neste sentido. Tamén no sector apícola o valor económico da labor realizada polas abellas é importante en España, que é o maior produtor de mel e pole en Europa, o país con maior número de colmeas, o primeiro en volumen de exportación e o máis profesionalizado.

Ferreirim trasladou ó público unha frase recollida dun apicultor: "As abellas son o termómetro da natureza", é decir, se non hai abellas é que algo está indo mal. Hai un declive brutal de moitas especies, tal como está sendo publicado e denunciado por moitas organizacións a nivel mundial. E o motivo é multifactorial: modelo agrario, cambio climático, especies exóticas invasoras... Según informes recabados por Greenpeace, un 16,5 % dos polinizadores vertebrados están en perigo de extinción e un 40 % dos invertebrados, aínda que poden ser máis pois non temos información de moitas especies. Sobre as abellas sí hai máis datos, pero seguen sendo escasos. COLOSS é unha das organizacións que está estudiando a mortandade das abellas en Europa e nun estudio realizado sobre 469.000 colmeas publicaron que a porcentaxe media de mortantandade europea é do 17,4 %.

As abellas están nun momento crítico porque estamos nun mundo cada vez máis inhóspito. Para analizar esta situación Greenpeace fixo unha extensa revisión científica e publicou varios informes, dos que se conclúe que un dos factores de máis peso nesta situación é o uso de praguicidas, que por certo é o único sobre o que se pode actuar directamente. Hai neste momento según Greenpeace 7 praguicidas que se deben prohibir inmediatamente pola súa elevada toxicidade: imidacloprid, clotianidina, tiametoxam, fipronil, clorpirifos, cipermetrin e deltametrin. Os tres primeiros xa contan cunha prohibición parcial, pero non é suficiente. España debería eliminar éstes e reducir o uso de praguicidas en xeral nun 30 %. Esta reivindicación está apoiada tamén no informe da EFSA, Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, realizado no 2013 e no que determinou un elevado risco dos pesticidas, recomendando a súa prohibición. A raiz desta información conseguiuse unha prohibición parcial dos tres pesticidas citados anteriormente, pero con varias excepcións, que provocan na realidade unha baixa reducción no seu uso. En España non hai datos ó respecto, pero en Holanda, onde sí se conseguiu máis información, esta prohibición supuxo un descenso de só o 15 %. No 2016 a Comisión Europea pediu máis información á industria para continuar coa prohibición, da cal se concluíu que efectivamente o uso destas sustancias é altamente perigoso.

Greenpeace recopilou información científica dende 2013 ata agora e o resultado foi que o risco no uso de praguicidas é moito maior do que se creía, pero a Unión Europea está aprazando constantemte esta decisión a pesar das evidencias. Cada ano hai mortandades masivas de abellas e nas mostras analizadas atópanse restos de pesticidas de diferentes tipos. No rexistro de todos eles indica que son perigosos para as abellas, polo tanto hai que eliminalos todos e traballar por unha agricultura sustentable. Por desgracia a realidade é que en España está ocurrindo o contrario, no 2014 foi o pais en Europa con maior venta de pesticidas, consumindo o 20 % do que se produce na Unión Europea. E chegamos ó 2017, ano decisivo para a prohibición total dos neonicotinoides xa que o debate está aberto na Unión Europea coa inminente votación sobre a súa prohibición.

Co obxectivo de presionar ó governo español para que apoie a prohibición total dos tres principais pesticidas, Greenpeace enviou unha carta ó Ministerio de Agricultura á que se adheriron moitas organizacións e entregou 400.000 sinaturas recollidas en España. A nivel europeo, acaba de crearse a Bee Coalition, unha coalición europea da que forma parte Greenpeace, Beelife e PAN Europe. Tamén no seno das Nacións Unidas se constituiu unha coalición para a protección dos polinizadores da que forma parte España con outros 12 países.

A mellor das solucións según Greenpeace é traballar nun modelo agroecolóxico diversificado, permitindo a biodiversidade. A agricultura industrial é un modelo basado no uso de químicos e lévanos ó precipicio. Pero hai afortunadamente datos positivos neste sentido, España está medrando en agricultura ecolóxica e conta na actualidade con 2 millóns de hectáreas de cultivo ecolóxico. Ferreirim finalizou coas propostas de Greenpeace para solucionar este grave problema medioambiental: a prohibición total dos pesticidas comezando polos sete máis perigosos, a protección das abellas como prioridade e o apoio a agricultura ecolóxica.

 

Apuntes sobre a PAC e a loita contra os pesticidas dende Bee Life

Bee Life, a Coordinadora Apícola Europea da que forma parte AGA, é unha organización sen animo de lucro que agrupa a profesionais da apicultura de distintas partes de Europa e que centra a súa labor na protección dos insectos polinizadores. A existencia e o traballo de Bee Life xustifícase co aumento da agricultura intensiva, o uso de praguicidas neonicotinoides, a contaminación, o cambio climático e a crecente aparición de especies exóticas invasoras.

A asesora xurídica de AGA, Laura García, asistiu a recén celebrada asemblea de Bee Life, no que se tratou a postura de Bee Life ante a nova PAC e os neonicotinoides. Laura García explicou que Bee Life ante a consulta da Comisión Europea sobre a PAC e a súa relación coa polinización, respondeu que é absolutamente necesario protexer a polinización para mellorar a produción e seguridade alimentaria. Para isto é preciso reducir a toxicidade dos seres vivos, realizar un monitoreo dos polinizadores, analizar o contido de pesticidas na auga e no pole e considerar as abellas como un factor de produción de apoio á agricultura. En canto ós pesticidas, a postura de Bee Life, integrada na Coalición Salvar ás Abellas, é presionar para conseguir a prohibición total dos pesticidas, fixándose no informe elaborado pola EFSA no 2013. A Comisión Europea é favorable á prohibición total, pero a competencia está nos Estados Membros. Hai demasiadas excepcións nas prohibicións parciais que ata agora se levan aplicado e non son suficientes para garantir a saúde das abellas e da biodiversidade. Ademais hai outros pesticidas que teñen que ser revisados. Prevese xa para despois do verán o debate e posterior votación dos Estados membros da UE de cara a decidir a renovación ou non das autorizacións para o uso parcial dos tres pesticidas neonicotinoides; imidacloprid, tiametoxan e clotianidina.

 

Os beneficios da apiterapia

O apiterapeuta José Castro ofreceu unha amena charla sobre os beneficios dos produtos das abellas para previr e aliviar moitos problemas de saúde.

Comezou polo própole, un produto con moitas aplicacións e fácil de obter. Para recollelo, colócase unha rexilla no teito da colmea durante toda a tempada apícola, retírase cando está chea e conxélase durante 24 horas, para despois extraer máis fácilmente. Castro aconsellou para a súa aplicación elaborar unha tintura ó 20%, para o cal déixase o propóleo en augardente durante 30-40 días, removendo tódolos días e finalmente cólase. Para conseguir un efecto preventivo, hai que tomar 1/2 gota de tintura por Kg de peso corporal tódolos días. En uso externo é bo para desinfectar feridas, queimaduras, psoriase, etc, e para uso interno axuda a mellorar o tracto intestinal e contribúe a reforzar o sistema inmune.

Tamén nos falou do pole, que calificou de superalimento. Aínda que o mellor pole que hai na colmea é o chamado pan de abella, o que preparan as abellas para a alimentación das cŕias, é complicado de extraer así que o máis práctico é recoller o pole a través das cestas que se colocan na piqueira das colmeas. O pole contén os 23 aminoácidos esenciais e ofrece un importante aporte de calcio e proteína. Recoméndase consumir a diario en xaxún e mellor fresco, conservado no conxelador e ir sacando unha cantidade aproximada para 2/3 días, que se debe gardar na nevera. Unha das propiedades máis recoñecidas é que axuda a evitar problemas coa próstata e tomándoo a principio da primavera pode previr as alerxias.

O mel é un dos produtos máis coñecidos das abellas no seu uso interno, contendo hidratos de carbono máis sanos que os do azúcar branco e outras sustancias nutritivas, pero ademais por vía externa ten un gran poder cicatrizante e desinfectante.

E rematou pola apitoxina, o veneno das abellas, que co seu efecto antiinflamatorio, vasodilatador e regulador do sistema inmunolóxico pode solucionar moitas patoloxías relacionadas con problemas músculo-esqueléticos, inflamacións e reuma, e especialmente da moi bos resultados nas dores de espalda, como lumbalxias ou cervicalxias. Castro advertiu que o uso da apiterapia está moi desvirtuado, coa creenza de que cura o que a medicina moderna non pode, e non é así. O que sí pode conseguir a apiterapia é aliviar síntomas dalgunhas enfermidades con difícil curación e ademais coa ventaxa de que non ten os efectos secundarios que teñen moitos medicamentos. O tipo de aplicación da apitoxina depende da doenza, se é local ou sistémica, pero comézase normalmente pola zona lumbar para estimular as glándulas suprarrenais, que xeneran cortisona, un analséxico natural. Nunca se debe aplicar nas zonas dos ganglios. O tratamento pode durar 3 días ou de por vida, dependendo do problema e pódense aplicar como máximo 14 picaduras por sesión, o corpo non pode asimilar máis cantidade. O apiterapeuta Castro ofreceu ademais unha información moi práctica e útil no caso dunha picadura a unha persoa alérxica á apitoxina. Como todos os produtos das abellas son termosensibles, é decir, as súas propiedades deterióranse coa temperatura, a apitoxina tamén. Polo tanto, aplicando calor nunha picadura, elimínase o efecto do veneno, por exemplo cunha brasa ou un cigarro encendido.

Por último, tivemos a oportunidade de coñecer como lle está axudando a apiterapia a un paciente de José Castro que padece esclerose múltiple. Adrián leva dende fai 6 meses co tratamento e aínda que o estado da enfermidade non cambiou, as molestias que tiña aliviáronse de xeito considerable, mellorando o seu estado de saúde e calidade de vida. Entre as mellorías están: redución da dor, melloría no descanso, redución da fatiga e aumento da capacidade de movementos co corpo. Para demostralo, Adirán fixo uns exercicios de estiramentos que, tal como asegurou, antes do tratamento resultábanlle imposibles. Pero o tratamento apiterapéutico que está seguindo non só se basa na apitoxina, tamén está consumindo pole o cal contribuiu a mellorar notablemente o tracto intestinal.

Para mais información contactar con José Castro:
Tel. 671287351
www.apiterapia.center
Email: info@apiterapia.center

 

Innovacións apícolas: a colmea termosolar e sistema Astiz de protección das colmeas ante a velutina

Na feira de material apícola, amosáronse as últimas innovacións apícolas .Celso Cadahía e Leona Rehakova presentaron a colmea termosolar, que utiliza o calor do sol para mellorar a saúde da colmea. Esta colmea está elaborada con materiais que recollen a enerxía solar para elevar a temperatura no interior da colmea de forma controlada, podendo regulala en función do que se necesite. Con este sistema pódese eliminar a varroa de forma natural, sen utilizar ningún produto químico, xa que o ácaro da varroa ten dificultades para reproducirse con temperaturas superiores a 35,5 ºC, a partir dos 38º C despréndese das abellas e ó chegar a 40 ºC morre. O tratamento hai que aplicalo dúas veces ó ano, na primavera, antes de colocar as alzas e ó final do verán, despois de sacar o mel. O funcionamento consiste en someter á colmea a unha temperatura de 40 a 47 º C durante dúas horas e repetir o proceso entre 7 e 14 días despois. A temperatura contrólase cuns termostatos e no momento de chegar á temperatura máxima, colócase o teito termosolar que vai a parar a subida de calor. Para facer esta labor, é necesaria a presencia física dunha persoa durante o proceso. Este tipo de tratamento convén aplicalo en colmeas fortes e con boas condicións climatolóxicas, un día claro e soleado. Aseguraron Rehakova e Cadahía que con este tipo de colmea auméntase tamén a produción do mel, pois as abellas non teñen que gastar enerxía e polo tanto consumir mel para manter a temperatura da colmea.

José Mª Bello da DAGA Morrazo explicou en que consiste o método Astiz, un novo sistema de protección fronte a velutina. Este método, ideado por Ernesto Astiz, consiste en colocar un sistema de redes en fronte das colmeas, de tal forma que as velutinas, cando cazan unha abella e intentan marchar, quedan atrapadas nas redes. Recentemente Ernesto Astiz visitou o Morrazo e ofreceu unha formación sobre este sistema, do que se pode ver este vídeo: https://vimeo.com/215515640 e en Youtube hai varios víeos sobre como preparar este método de protección das colmeas.


 


Voltar