+ 34 981 508 142

DEBATE NA COMISIÓN DE AGRICULTURA DO PARLAMENTO GALEGO SOBRE O TÁRTAGO ASIÁTICO

12 de marzo de 2018

O pasado 23 de febreiro debateuse esta proposición non de lei en comisión de En Marea, que foi rexeitada. A proposición ía dirixida na mesma liña da presentada no mes de decembro tamén pola Plataforma Stop Velutina.

Expoñemos para seu coñecemento público o resultado e mais o texto da iniciativa, que coincide maioritariamente co posicionamento do sector apícola.

Rexeitamento da iniciativa

Proposición non de lei en comisión do G.P. de En Marea, por iniciativa de Paula Quinteiro Araújo e David Rodríguez Estévez, sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a posta en marcha no ano 2018 dun plan de choque para o control da poboación da avespa velutina, a posta en funcionamento, de xeito efectivo, da comisión de seguimento e a apertura de liñas de investigación ao respecto, así como a apertura dunha liña de axudas específica para paliar as perdas sufridas polos apicultores (BOPG nº 222, do 04.12.2017).

Sométese a votación e resulta rexeitada por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.

(Información publicada no BOPG nº 268, fascículo 1, do 28.02.2018).

INICIATIVA:

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentario de En Marea, a iniciativa da súa deputada Paula Quinteiro Araujo e do seu deputado Davide Rodríguez Estévez, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7.ª, sobre a Vespa velutina.

Exposición de motivos

Como xa trasladamos noutras iniciativas presentadas, a Vespa velutina nigrithorax, coñecida tamén como “tartago asiático”, é unha especie invasora que leva instalada en Galicia dende o ano 2012 e que está a provocar numerosos efectos prexudiciais.

Representa unha clara ameaza cara á biodiversidade, xa que despraza as especies autóctonas e provoca grandes danos. A situación vai empeorando a medida que pasa o tempo e temos que buscar medidas con carácter urxente, xa que, a situación actual non admite maior demora. Precisamos de todos os medios e recursos para frear o avance da Vespa asiática.

A prevención debe ser unha das prioridades nesta loita e ademais é fundamental que todos os organismos estean coordinados e teñan un único espazo para pór en marcha as medidas precisas.

Enmarcada no ámbito da prevención, debemos impulsar máis decididamente a investigación. Temos que coñecer mellor a especie, o seu ciclo biolóxico, alimentación, comportamento e expansión para ter ferramentas máis útiles para crear mecanismos de control, especialmente de loita biolóxica. É preciso ademais desenvolver estudos sobre o seu impacto nas colonias de abellas e no sector apícola, sobre todo novos métodos de contención e realizar unha avaliación da incidencia real da velutina nos sectores agrícolas e forestais.

En todas as épocas do ano debemos prestar especial atención á divulgación social e a formación de todas as persoas que participan no proceso de control da Vespa, para o que resulta fundamental contar co conxunto da sociedade, posto que aínda existe moita desinformación, por exemplo, na distinción da especie Vespa velutina doutro tipo de véspidos ibéricos, autóctonos.

Resulta imprescindible polo tanto incrementar a formación do persoal das asociacións de apicultores, das persoas das administracións competentes na xestion da problemática, dos axentes de medio rural, axentes forestais e de medio ambiente. Pensamos que é fundamental a coordinación entre os distintos actores implicados na loita contra esta especie e a procura de financiamento público para desenvolver novos estudos e investigacións sobre a Vespa velutina e o seu impacto.

Así mesmo, ten que potenciarse o emprego e a extensión de trampas, que teñen demostrado a súa eficacia, polo que é necesario pór en marcha un plan de trampeo primaveral masivo para a captura de raíñas fundadoras, evitando así con cada captura a aparición dun niño secundario no verán, que pode conter entre 15.000 e 18.000 insectos de Vespa velutina.

O trampeo ha de ser masivo para ser eficaz. Por isto hai que estendelo a zonas periurbanas e núcleos de poboación. E unha ferramenta preventiva que conta co respaldo de investigadores/as españoles e europeos como medida de control de poboacional, para reducir nun curto prazo o número de Vespa velutina. As administracións públicas, tanto a Xunta coma os concellos deben implicarse decididamente nestas tarefas de control empregando o seu persoal dispoñible co obxecto de controlar eficazmente esta especie invasora.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Parlamentario de En Marea presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

1) Pór en marcha un plan de choque para o control poboacional da Vespa velutina, para o cal, xa no ano 2018, a Xunta de Galicia realizará as seguintes accións:

a) Efectuar un trampeo masivo e coordinado en primavera, comezando en febreiro e distribuíndo alomenos 50.000 trampas por todos os núcleos de poboación do país, tanto áreas periurbanas como aldeas e vilas, empregando persoal da Xunta como axentes forestais e medioambientais e en coordinación cos concellos.

b) Efectuar un rexistro da colocación das trampas para telas identificadas e facer sondaxes e valoracións posteriores sobre a súa colocación.

c) Facer unha campaña dirixida ao conxunto da sociedade acerca do trampeo, prestando especial atención aos centros educativos, que poden colaborar na labor de prevención.

d) Aprobar unha partida orzamentaria específica para poder financiar esta campaña.

2) Pór en marcha de maneira efectiva a comisión de seguimento e incorporar a esta a representantes do tecido asociativo apícola.

3) Abrir e potenciar liñas de investigación sobre o control da Vespa velutina, atendendo a non duplicar as xa abertas por outras administracións.

4) Pór en marcha un programa de formación específico para o persoal implicado no control e na erradicación da praga.

5) Mellorar a coordinación de todos os axentes implicados na loita contra a Vespa velutina tanto en Galicia, a través da Comisión de Seguimento, como no conxunto do Estado español.

6) Abrir unha liña de axudas específica para axudar ós apicultores e ás apicultoras a paliar as perdas sufridas, tanto as derivadas da perda física de animais e colleita correlativa de mel, como os gastos derivados da xestión da praga.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2017.

Asdo.: Paula Quinteiro Araujo

Davide Rodríguez Estévez

Deputados do G.P. de En Marea

Luís Villares Naveira

Voceiro do G.P. de En Marea


Voltar