+ 34 981 508 142

DÍA DO APICULTOR - STOP VELUTINA 2016

Día 20 de febreiro de 2016 en Arzúa

 

Presentación

Ante o avance extraordinario da Vespa velutina  e ante a falta dunha actuación decidida de certos poderes públicos que terían o deber de poñerse ao frente da loita polo control desta especie invasora, sen avances certos nas investigacións e sen unha coordinación necesaria, AGA tomou a decisión de enfrentarnos directamente a predación da avespa asiática, Vespa velutina, escomenzando con medios propios e contando con tódolos asociados e asociadas.

AGA vai organizar a loita coa axuda doutros colectivos locais, concellos, cidadáns e con calquera outra entidade que queira colaborar. Escomenzaremos a traballar esta primavera co programa de investigación Stop Velutina, elaborado dentro da asociación en colaboración coas universidades, técnicos do sector e apicultores/as.

AGA porá 50.000 € de fondos propios  para escomenzar xa neste mes de marzo.

 O programa Stop Velutina consta de:

1.- Unha captura masiva de raíñas fundadoras, de marzo a xuño, como método preventivo para diminuir a proliferación de niños no verán e outono, para o que poremos en funcionamento 5.000 trampas cos seus atraíntes.

2.- Un programa de investigación aplicada, que nos permitirá diagnosticar os mellores métodos de captura e control da Vespa velutina co menor impacto posible sobre outros polinizadores.

Convidamos aos asociados a que asistan o DIA DO APICULTOR en Arzúa para informarse de que vai o programa e poidan participar. Pretendemos que poidan colaborar uns 500 apicultores, socios e socias de AGA, das zonas máis afectadas, organizados en 11 delegacións comarcais, DAGAS, que se comprometerán a realizar os traballos de campo propostos no programa de control e cuxos datos serán tratados na Universidade de Vigo como entidade colaboradora, para ter conclusións da súa eficacia. Para isto estarán a venda, o día 20 de febreiro en Arzúa, as trampas e atraíntes, dos cales os socios pagarán o 25% do custe e AGA porá o 75%.

O programa e os seus contidos iranse actualizando e completando a través da web de AGA.

Coordinará este programa a nivel científico a Doutora Sandra Rojas Nossa, bióloga que traballa co Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, apicultora e socia de AGA.

Cronoloxía de actuacións Stop Velutina:

O día 20 de febreiro, no DIA DO APICULTOR en Arzúa, será presentado o programa e procederase á distribución das trampas cos seus atraíntes.

O día 3 de marzo, realizarase unha XORNADA NO PARLAMENTO EUROPEO, convocados polo grupo parlamentario GUE/NGL, coa colaboración da Deputada Lidia Senra, asociada nosa, na que participará CODACC e AGA.

O día 4 de xuño, na 31ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA en Arzúa, sesión de seguimento do programa e primeiros resultados.

Os días 1 e 2 de setembro, Xornadas Internacionais sobre a Vespa velutina, organizada polo doutor veterinario Xesús Feás, da Facultade de Ciencias de Lugo, socio de AGA, coa colaboración dos cursos de verán da Universidade de Santiago.

 

Día do Apicultor – Xornada Stop Velutina

Pola mañá, no local da Asociación de Veciños de Santa María, AGA vai presentar o programa de investigación Stop Velutina, que porá en marcha a partir do mes de marzo, para o cal se precisa a colaboración de todos os asociados. A continuación sucederanse as palestras de laboratorios e apicultores/as que teñan algún método ou experiencia sobre o control da Vespa velutina. As persoas que queiran participar nestas palestras que o comuniquen a AGA antes do 10 de febreiro.

Pola tarde, continuarán as palestras sobre a velutina e despois os laboratorios presentes farán unha presentación dos produtos para o tratamento da varroa, con fin de aclarar dúbidas e informar sobre os desparasitantes máis axeitados para utilizar nesta campaña.

Durante todo o día poderanse adquirir  materiais tanto dos que entran no Plan apícola coma outros que teremos á venda como sempre na nave de Erica Mel. Tamén estarán as empresas Apícola Carballal, Angel Romero e Macmel. Haberá servizo de reciclado de cera. O persoal de AGA atenderá no Centro de Divulgación do Queixo e do Mel sobre asuntos da asociación e o subministro de trampas e atraíntes para o programa da Vespa velutina. 

Programa:

Ás 10 horas apertura de instalacións

Ás 11 horas.  Sesión sobre Vespa velutina, presentación do programa de loita de AGA contra a vespa velutina, presentación de métodos de control por distintos laboratorios, métodos  presentados por apicultores  con experiencia neste campo.

Ás 13 horas. Asemblea Xeral de AGA

Ás 16 horas. Continuación da sesión sobre a Vespa velutina e sesión sobre os tratamentos da varroa.

Este ano, dado que temos sesión de mañá e tarde, non se pecharán as instalacións. Será xornada continuada dende as 10 da mañá ata as 6 da tarde.

Ás 18 horas. Clausura da xornada

 

Convocatoria de Asemblea Xeral  de AGA

Ás 13 horas o 20 de febreiro de 2016 no local da Asociación de Veciños de Santa María:

- Lectura e aprobación da acta anterior, se procede
- Relatorio de actividades realizadas e economía do ano 2015
- Presentación de candidaturas e programa de actividades para o 2016
- Elección de nova Xunta Directiva
- Rogos e preguntas

Nota: As candidaturas que se queiran presentar a directiva de AGA deberán adxuntar programa de actividades e presuposto e serán admitidas no domicilio social de AGA (Costa de San Marcos,7 15890 Santiago de Compostela) ata o 10 de febreiro do 2016, conforme ao artigo 23 dos estatutos de AGA (pódense consultar na nosa web).

 

Descargar circular Día do Apicultor - Stop Velutina

 

MÁIS INFORMACIÓN

AGA –Asociación Galega de Apicultura
Feira Nova s/n Santa María – Arzúa
Tel. 981 508 142 / 630 069 637
Email: info@apiculturagalega.es
Web: www.apiculturagalega.es
Facebook de AGA


Voltar