+ 34 981 508 142

Desaparición das abellas

INFORME EFSA: O IMPACTO DE PRAGUICIDAS NAS ABELLAS

NOA SIMON, Coeur, Coordinación Europea de Apicultura

A Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou a súa opinión científica sobre como debe ser avaliado o risco dos pesticidas sobre as abellas. Esta minuciosa análise científica admite, finalmente, o que moitos reclamaron dende hai anos: que os pesticidas sistémicos, acusados de matar ás abellas e a vida silvestre a grande escala, non foron nunca avaliados de forma axeitada e, polo tanto, podería dicirse que non foron autorizados legalmente.

Despois da publicación dunha serie de análise, de intercambios de cartas e das críticas públicas dos apicultores, así como de organizacións que traballan na transparencia gobernamental, a Comisión Europea encargou á EFSA revisar os métodos de avaliación do risco destes praguicidas para as abellas, antes de que os produtos sexan postos no mercado.

Durante moitos anos, a metodoloxía de avaliación foi definida polos propios fabricantes de pesticidas; arranxáronllas para introducir a súa propia xente nos grupos de expertos que definen os métodos de ensaios e probas. De feito, a industria dos praguicidas controlaba todo o proceso, definindo as súas propias normas de autorización e concedendo as licenzas dos seus propios produtos para a posta no mercado. Agora, a EFSA analizou esta metodoloxía definida pola industria e encontrou moitas lagoas e deficiencias.

Nos últimos trinta anos, nas probas para a autorización dun pesticida só se consideraba a toxicidade aguda, se as abellas morrían nas horas seguintes a aplicar o pesticida. Os praguicidas enchíanse nun campo de cultivo e estudábase e avaliaba o impacto nas colonias de abellas.

Non obstante, a introdución de pesticidas sistémicos na década de 1990 representaba unha ameaza nova e revolucionaria para as abellas que as probas existentes non podían avaliar de forma axeitada. Os praguicidas sistémicos aplícanse como revestimento de sementes ou en tratamentos do chan; o insecticida pasa á planta ao ser absorbido polas raíces e rapidamente difúndese por toda a estrutura da planta: raíces, talo, zume, follas, flores, pole e néctar.

Os novos sistémicos resultaron ademais hiper-tóxicos en comparación cos insecticidas máis antigos; son letais ou daniños para as abellas en concentracións de só unhas poucas partes por billón (o imidacloprid, por exemplo, é máis de 7.000 veces máis letal para as abellas do que era o DDT).

Mentres os praguicidas máis antigos se aplicaban sobre as follas e nos cultivos de forma externa e podían permanecer activos só uns poucos días, antes que a chuvia ou o sol os fixese inofensivos, os pesticidas sistémicos seguen sendo tóxicos dentro da estrutura da planta durante toda a tempada (semanas ou mesmo meses). Como resultado, as abellas que se alimentan do néctar e pole destes cultivos tratados están expostas a pequenas doses de insecticidas hiper-tóxicos durante períodos moi longos de tempo.

Polo tanto, as probas existentes, que consideraran só a toxicidade aguda para avaliar o impacto dos pesticidas sobre as abellas, non podían avaliar ou medir o efecto dos pesticidas sistémicos, que actúan durante períodos moi longos e en doses sub-letais. Desgraciadamente, a aplicación inadecuada destas probas a curto prazo permitiu que os pesticidas sistémicos neurotóxicos chegasen ao mercado: inclúen os neonicotinoides, os piretroides e os fenilpirazoles (como o fipronil). E este tipo de praguicidas utilízase agora en amplas zonas de cultivos; máis de 240 millóns de acres nos Estados Unidos son tratados cos neonicotinoides.

Por desgracia, o informe da EFSA non aborda a pregunta principal: dado que se admitiu que os antigos métodos de avaliación de riscos se utilizaron de forma errónea para avaliar a toxicidade dos praguicidas sistémicos, suspenderase o uso destes pesticidas ata que estean completamente avaliados e valorados de novo? Se non hai resposta a esta pregunta podería dicirse que o informe da EFSA non é senón unha cortina de fume, unha concesión para paliar as preocupacións dos apicultores, pero que en realidade permite continuar co uso destes pesticidas non-probados de forma normal; resumindo como de costume.

A opinión científica da EFSA servirá de base para un Documento de Orientación que axude a definir probas novas e máis apropiadas que as empresas de praguicidas deben realizar para demostrar que os seus produtos non danan as abellas. Tamén servirá como un manual para a avaliación dos expedientes polas administracións públicas. O Regulamento (CE) 1107/2009 prevé unha avaliación completa dos riscos dos praguicidas antes do seu lanzamento ao mercado, o que inclúe unha avaliación de riscos ambientais do seu impacto nas abellas.

A EFSA desenvolveu unha ferramenta de traballo útil e completa. En termos xerais o resultado é positivo, a pesar do feito de que varias cuestións fundamentais seguen sen resposta, incluíndo:

  • a avaliación dos efectos subletais (desorientación por exemplo, problemas de memoria, etc)
  • ou a avaliación dos efectos sinérxicos (onde a combinación de dous ou máis pesticidas pode ser miles de veces máis tóxica para as abellas que o uso dun pesticida individualmente).

 

No lado bo, tivéronse en conta todas as vías de exposición aos pesticidas relevantes para as abellas: o néctar e o pole contaminado, o po das sementadoras e as gotas da gutación. O ditame da EFSA recomenda tamén que os abellóns e abellas solitarias teñan as súas propias avaliacións de risco específicas, xa que a súa bioloxía e ecoloxía se diferencia das abellas melíferas.

Non obstante, a agricultura industrial, o "modelo pesticida", segue profundamente arraigado na EFSA e na sociedade europea: persiste a visión dominante no mundo:
"O aumento do uso de pesticidas sistémicos é a única ferramenta que temos para incrementar a produción agrícola".

Esta visión do mundo ten varias crenzas que nos conducen á ruína, a saber:

  • A grande escala, a agricultura industrial de monocultivos é a única forma de avanzar.
  • A aplicación xeneralizada de pesticidas é a única garantía dunha maior produción.
  • A aplicación universal, preventiva, de praguicidas sistémicos a todos os cultivos, en todo momento, como unha póliza de seguro contra a ameaza potencial das pragas de insectos (que nin sequera pode chegar a suceder), representa unha ameaza masiva para as abellas e a biodiversidade. Este é o cambio máis revolucionario de todo o noso sistema de produción de alimentos en máis dun século.
  • O uso indiscriminado de pesticidas sistémicos, hiper-tóxicos, que se aplica como prevención en centos de millóns de hectáreas de cultivos, sen ter en conta o seu impacto sobre os insectos non obxectivo, por enriba e por debaixo do chan, podería levar a unha "zona morta" ecolóxica, na que todas as formas de vida estarían exterminadas, coa excepción da colleita ligada ao insecticida.
  • O modelo da agricultura industrial, con grandes extensións de monocultivos, plantados ano tras ano nos mesmos campos, só é posible grazas á crecente aplicación de cantidades cada vez maiores de insecticidas hiper-tóxicos.

Todo isto é falso! O que se esquece aquí, é que a polinización por abellas e outros insectos é, de feito, a ferramenta máis valiosa e fundamental para aumentar o rendemento de froitos e hortalizas. A polinización é o fundamento mesmo da nosa seguridade alimentaria futura e calquera novo desenvolvemento na tecnoloxía de pesticidas, que podería formular unha ameaza crecente para as abellas e outros polinizadores, debe ser coidadosamente analizado, avaliado e controlado, por riba de todo.

A EFSA confirmou que as acusacións dos apicultores en contra das empresas de praguicidas e reguladores de praguicidas resultaron efectivamente certas. Unha ampla gama de praguicidas sistémicos hiper-tóxicos, que moitos cren que son os responsables da onda de mortes de abellas a nivel mundial dende 1994, non foron avaliados de forma axeitada; utilizouse unha metodoloxía equivocada, que nunca podería ter posto de manifesto a ameaza que representaban estes praguicidas para as abellas a través dunha exposición crónica sub-letal. En efecto, estes pesticidas non foron en absoluto avaliados de forma apropiada, polo que se debe retirar inmediatamente as súas licenzas ata que se complete e adecúe a súa avaliación utilizando a metodoloxía axeitada convida.

Se a UE e a EFSA afrontan con coraxe a situación e fan fronte a este fundamental fracaso da súa parte, confirmarán o que moitos apicultores sospeitaron dende o principio, a saber, que os fabricantes de pesticidas estaban a gobernar a situación. Isto é completamente inaceptable nunha sociedade democrática, onde se entende que a política agrícola debe sosterse na avaliación neutral do risco dos praguicidas, baseado na ciencia e non no interese económico dun pequeno grupo de corporacións.


Voltar