+ 34 981 508 142

Dificultades na negociación coa Consellería de Medio Rural sobre a loita contra a Vespa Velutina

22 de outubro de 2015

O día 21 de outubro a Consellería de Medio Rural e do Mar convocou ó sector apícola a reunirse para tratar o problema da Vespa Velutina en Galicia. AGA e unha representación dos concellos e outros colectivos afectados acudiron xa que tiñan solicitada esta xuntanza e agardábana dende había tempo, mais a Conselleira non aceptou recibir os concellos e outras entidades.

AGA e preto de 40 concellos tiñan solicitada unha reunión á Conselleira coa intención de trasladarlle un documento elaborado na xuntanza mantida en agosto, que inclúe unha plan de actuación para coordinar os diferentes axentes implicados nesta problemática. Para trasladarlle esta proposta, solicitouse unha reunión coa Conselleira de Medio Rural e a súa resposta foi convocar só ó sector apícola, sen ter en conta os concellos nin outros sectores afectados.

Despois de intentar negociar a participación do resto de colectivos afectados, decidiuse non asistir e continuar solicitando a reunión que consideramos absolutamente necesaria entre as distintas administracións e colectivos para sumar forzas e enfrentarse a esta situación de maneira máis organizada e eficiente.

A continuación adxuntamos o comunicado emitido para informar sobre o acontecido e a posición dos concellos e asociacións implicadas:

 

Comunicado da Asociación Galega de Apicultura e dos concellos e entidades integrantes da plataforma creada o pasado 28 de agosto en San Sadurniño na busca de solucións coordinadas coa Xunta de Galicia para o control da avespa asiática

A Consellería do Medio Rural fixou para hoxe ás 17.30h. unha xuntanza con distintas asociacións apícolas para abordar o problema xerado pola invasión de avespa velutina que sofre Galicia. Unha reunión á que, porén, non fomos convocados nin representantes dos concellos nin outras entidades que, recentemente, suscribimos xunto con AGA un listado de propostas de actuación inmediata para controlar a praga. 

Nunha carta remitida a Medio Rural o 8 de outubro, solicitamos a través de AGA manter un encontro coa Xunta no que estivesen representados o sector apícola, os concellos e outros colectivos afectados. A consellería fixou ese encontro para a tarde deste mércores, aínda que deixando fóra a representación municipal e doutros sectores, como o fructícola, que tamén padecen os efectos da avespa asiática.

Tal e como consta nas comunicacións dos últimos días, Medio Rural trasladoulle á AGA a data e a hora da reunión solicitándolle que esta entidade enviase a relación de asistentes. A asociación remitiu os nomes do seu secretario técnico, Xesús Asorey, e dos responsables de cinco delegacións, ademais dos de representantes municipais de Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo, As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño. Canda eles tamén se incluiu a representación da Asociación da Froita Autóctona do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. Un listado que tivo por resposta un escueto correo da Xunta no que se remarcaba que á reunión -á que si están chamadas entidades apícolas do país- só poderían asistir dúas persoas da AGA, tal e como se confirmou xusto antes do seu inicio.

Desde a plataforma cualificamos este xesto como un mal comezo para a busca dunha solución efectiva e consensuada con todos os actores implicados na loita contra a velutina. 

Malia tratarse dunha competencia autonómica, somos os concellos, os apicultores e outras entidades quen estamos asumindo directamente e cos nosos propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar ganando as avespas. A praga alcanzou xa tal dimensión que a Xunta se ve desbordada para porlle freo sequera. 

Por iso, todos e todas nós -concellos, AGA, sector forestal e agrícola- mostramos nas últimas semanas vontade de axudar achegando ideas e propostas que se condensaron nun programa de actuación que avoga pola colaboración, a investigación e a coordinación efectiva de todos os recursos dispoñibles. Cuestións de sentido común que queremos que se teñan en conta, posto que quen  hoxe  acudimos a Santiago e non puidemos participar na xuntanza con Medio Rural vivimos o problema todos os días e acumulamos unha experiencia que debe terse en conta

Malia tendermos a man e expresarmos o noso compromiso con esta loita, interpretamos o xesto desta tarde como un portazo nos fuciños que obvia á mantenta a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendente e cunha necesidade de solución tan urxente.

Con todo, confiamos en que Medio Rural reconsidere a a súa postura e que nos reciba nas condicións en que llo tiñamos solicitado, sen exclusións de ningún tipo e sumando ao encontro a cantas institucións e/ou organizacións considere oportuno para facer achegas proveitosas coas que poder atallar esta invasión que, de non actuar de inmediato, se converterá nun problema de seguridade cidadá e non só ambiental.

 


Voltar