+ 34 981 508 142

ÉXITO DO VII CONGRESO APÍCOLA HISPÁNICO

O VII Congreso Apícola Hispánico supera as expectativas de asistencia e marca unha nova etapa nos congresos apícolas en España.

Durante o pasado fin de semana o VII Congreso Apícola Hispánico, organizado pola Asociación Galega de Apicultura AGA e a Asociación para o Fomento dos Congresos Apícolas AFCA, baixo o título 'A apicultura, unha actividade multifuncional', congregou máis dun millar de participantes no IES Rosalía de Castro de Santiago.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A cita, cuxo obxectivo era mostrar o extenso abano de actividades que se desenvolven derivadas da apicultura, os beneficios económicos, ambientais e socioculturais que achega, o potencial para novas iniciativas e a busca de solucións para os problemas actuais do sector, superou as expectativas e marcou un referente para os futuros congresos apícolas do noso país. A próxima edición, o VIII Congreso Apícola Hispánico, terá lugar en Granada dentro de dous anos e será organizado polo Consello Regulador DOP Mel de Granada e a Asociación Provincial de Apicultores, en colaboración con AFCA.

Elevada participación na variada oferta do programa

Os espazos nos que se desenvolveron as actividades do extenso programa quedaron pequenos en varias ocasións debido á grande afluencia de público. O salón de actos, cunha capacidade para 400 persoas, estivo cheo a maior parte do tempo, coa presentación de parte dos 80 relatorios técnicos e científicos e as 3 mesas redondas sobre a saúde das abellas, comercio do mel e a vespa velutina. As solicitudes para participar nos talleres sobre cosmética apícola, cría de raíñas e elaboración de alimento complementario para abellas, foron moi superiores á cota prevista, polo que as numerosas persoas que mostraron interese en participar quedaron á espera dunha nova convocatoria.

Premios dos concursos

Os catro concursos convocados no congreso conseguiron un elevado nivel de calidade e participación. O concurso de pintura contou con 50 cadros expostos, cuxo primeiro premio foi para a obra "Bee's Perspective" de Miguel Linares de Málaga e o premio especial Camiño de Santiago a Leticia Montero da Coruña con "Benvida". Realizáronse preto de 600 degustacións dos 14 meles monofloralesprocedentes de toda España e Portugal no concurso de meles, que concedeu a Pablo Alarcón de Pontevedra o primeiro premio por votación popular co seu mel de eucalipto. En canto ao concursoAPI-INNOVA, unha máquina extractora de propóleos presentada porPatxi Beriain do País Vasco foi a seleccionada como premio á innovación. E por último, no concurso de relatos outorgáronse catro premios en dúas categorías, de ficción o primeiro premio foi paraLuisa Gallego polo relato "Comando abella" e o 2º para Juan Molinapolo relato "Basilio", mentres que na categoría de anécdotas reais o primeiro premio se concedeu a César Alonso polo relato "Sen igual" e o segundo para Alvaro Ferrés polo relato "o meu primeiro e inesquecible día coas abellas".

Éxito da APIEXPO

A APIEXPO Didáctica foi un dos espazos máis concorridos e coloridos do congreso. Os visitantes puideron contemplar a xigante abella de madeira que presidía a exposición, os antigos "armarios" con abellas do edificio, as divertidas colmeas decoradas por socios e socias deAGA e os artísticos frontais de colmeas de Eslovenia, así como descubrir a importancia das abellas e a actividade apícola tradicional e moderna.

Tamén a APIEXPO Comercial foi moi concorrida. Congresistas e expositores, aproveitaron este encontro apícola para realizar contactos comerciais e profesionais, coñecer as últimas novidades en material e maquinaria apícola, degustar meles de diferentes lugares e probar variados produtos elaborados a base de mel, xelea real, propóleos, pole e cera.

Participación dun grande equipo de persoas

Estes magníficos resultados foron logrados grazas á participación dun equipo dunhas 50 persoas, constituído por persoal da Asociación Galega de Apicultura, o grupo de API-Emprendedor@s deAGA, o grupo API-Rosalía formado por estudantes do IES Rosalía de Castro, así como o apoio do director e varios profesores e profesoras do centro educativo. Ademais, a organización do congreso contou coa colaboración de 35 expertos e profesionais de diferentes ámbitos que levaron a coordinación das áreas do programa científico-técnico, as mesas redondas e os talleres. A realización dos catro concursos convocados foi levada a cabo grazas a Apicultura Ibérica, Fundación Amigos das Abellas,Apinevada e A.G. Pajuelo e o de innovación a Nassenheider Ibérica. Todos eles forman case un centenar de persoas, un grande equipo humano que sen dúbida ningunha constituíu a clave para o positivo resultado obtido e, o que é máis importante, facer que durante tres días en Santiago de Compostela se falase sobre todo de abellas.

 

Voltar