+ 34 981 508 142

Erica Mel recibe o Premio "Abertos ao Galego"

A Mesa pola Normalización Lingüística concede o premio da 3ª edición de Abertos ao Galego á cooperativa Erica Mel.

A entrega dos premios terá lugar o 19 de decembro ás 19.00 h no Museo Provincial de Lugo. O acto será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Caxade

Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa para a dinamización do galego no ámbito empresarial, entregará o III Premio á Cooperativa Erica Mel, de Arzúa, polo seu compromiso coa lingua galega. Unha empresa que abriu camiño no seu sector e foi pioneira na etiquetaxe en galego.

A Cooperativa Erica Mel naceu no ano 1990 e está integrada por máis de 350 socios/as e vende os seus produtos en todo o país e mesmo en todo o Estado

A Cooperativa Erica Mel foi expedientada nos anos 90 pola propia Administración autonómica por etiquetar en galego os seus produtos. A presión social conseguiu que se retirase a sanción. O xerente lembra ese episodio e móstrase "satisfeito do traballo ben feito, de estar onde debes estar e á altura dos tempos". O xurado valorou o compromiso co galego demostrado pola empresa, que se mantivo firme no uso do galego, abrindo o camiño para que vinte anos despois sexa habitual atoparmos este tipo de produtos etiquetados en galego en calquera supermercado.

O xurado tamén recoñeceu cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que cumpre 30 anos. Foi no seu momento a primeira radio pública local que, con carácter estábel, empregou integramente a lingua galega nas súas emisións, que principiaron en setembro de 1984.

O premio, de carácter simbólico, materialízase na pertenza durante un ano ao Proxecto Abertos ao Galego. A entrega dos premios será o 19 de decembro ás 19 h no Museo Provincial de Lugo. O acto será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Caxade.


Voltar