+ 34 981 508 142

Eslovenia presenta o "Almorzo Europeo con Mel" e o "Día Mundial da Abella"

 

O Parlamento Europeo acolleu o pasado 16 de abril a 100 apicultores eslovenos, que presentaron a iniciativa "Almorzo Europeo con Mel"  e a proposta de celebrar o Día Mundial da Abella o 20 de maio.

Estas ideas foron presentadas ante a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, que foi convidada a comezar o día cun almorzo con mel. Na sesión tratouse a problemática da desaparición e necesaria protección das abellas a nivel global, cunha extensa discusión sobre abellas e apicultura. Participaron, ademais dos europarlamentarios,  representantes do goberno esloveno, da Asociación Eslovena de Apicultores e outras partes interesadas, entre as que estaba a Coordinadora Europea de Apicultura Bee Life, da que forma parte AGA, que apoiou as interesantes iniciativas eslovenas de divulgación sobre as abellas e o mel.

Pódese ver a sesión neste enlace da web do Parlamento Europeo:

http://www.europarl.europa.eu/news/en/news-room/content/20150409IPR41256/html/Committees-ENVI-AGRI

Apicultores Eslovenos

 

 

Almorzo con mel Parlamento Europeo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Un exemplo para Europa

Eslovenia é o país da UE con maior superficie de zonas Natura 2000. É o único estado membro da Unión Europea que ten protexida a súa propia abella autóctona "Apis mellifera cárnica" e prohibiu o uso de neonicotinoides dende o 2011. É claramente na vangarda das medidas a favor das abellas e con estas últimas iniciativas presentadas no Parlamento Europeo só pode ser un exemplo para todos os países de Europa.

 

Almorzo con Europeo con Mel

O "Almorzo con Mel" é unha campaña educativa, que se celebra o terceiro venres do mes de novembro en Eslovenia dende fai 7 anos. Os obxectivos son a concienciación sobre o valor das abellas e os produtos apícolas, un estilo de vida saudable e a produción local de alimentos. Sendo conscientes de que a maioría dos hábitos se forman na infancia, esta actividade ten como destinatarios os nenos e nenas das escolas, co fin de ensinarlles as importancia de coidar o medio ambiente e da práctica de hábitos saudables. No 2014 o "Almorzo Europeo con Mel" foi presentado no 3ª Congreso Internacional de Apicultura en Eslovenia, na que os asistentes tiveron a oportunidade de presenciar un almorzo nos xardíns de infancia e escolas primarias e recibiron unha presentación do proxecto, co fin de implantar o almorzo  con mel nos seus países. Dende entón, xa se uniron á iniciativa países como Hungría e Austria.

 

Día Mundial da Abella 

O presidente da Asociación de Apicultores Eslovenos Mr Boštjan Noc expuxo no parlamento esta iniciativa, que non foi a única proposta de Eslovenia, xa que pretenden instaurar o "20 de maio - Día Mundial da Abella". Esta celebración pretende chamar a atención do mundo sobre o papel das abellas para a biodiversidade e apostar pola construcción de novos sistemas agrícolas baseados na produción de alimentos saudables. A iniciativa foi presentada tamén no Goberno Esloveno e nas Nacións Unidas e seguirán promocionando en diferentes eventos apícolas de ámbito internacional, como no próximo Congreso de Apimondia en Korea do Sur.

O Día Mundial da Abella viría a recordar o aniversario do nacemento do lexendario apicultor esloveno Anton Janša, que naceu o día 20 de maio de 1734 en Eslovenia. Considerado como un pioneiro da apicultura moderna, foi profesor de apicultura na corte imperial de María Theresa en Viena. Este día xa se celebra o Día da Apicultura de Eslovenia, pero a asociación eslovena considera que a proclamación do Día Mundial da Abella contribuiría significativamente á protección das abellas e sensibilizar ao público sobre a importancia da apicultura en termos de seguridade alimentaria, beneficios para os ecosistemas e mantemento da biodiversidade. O Día Mundial da Abella contribuiría a un maior recoñecemento tamén do apiturismo e do seu desenvolvemento internacional.

 

 

 

Apoio dende o Parlamento Europeo ó consumo de mel

A instauración do "Almorzo con Mel Europeo" e o "Día Mundial da Abella" está en proceso de aprobación e a decisión será publicada oficialmente nos prazos correspondentes, do cal inforaremos dende AGA. Mentres tanto, unha das medidas que sí foron xa aprobadas pola Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, que afecta ó consumo de mel nos centros educativos, foi o novo programa de reparto de leite e froita nas escolas da Unión Europea, co obxectivo de promover unha alimentación saudable e o consumo de produtos alimenticios locais.  A Unión Europea pediu tamén ós Estados membros que destinen entre o 10% e o 20% da financiación europea que reciben para actividades educativas, para promover hábitos alimentarios saudables e de produción sostible, así como a distribución ocasional de especialidades locais como o mel, as froitas e hortalizas transformadas, aceitunas ou froitos secos.

 

Descubrir Eslovenia con AGA

Para coñecer de perto esta forma de sentir e vivir a apicultura, AGA organiza este ano unha viaxe a Eslovenia, do 20 ao 26 de setembro. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Este país estase convertindo nun referente a nivel internacional en apiturismo, o cal está promocionando a apicultura eslovena e os seus produtos apícolas por todo o mundo, ademais de levar a cabo unha importante difusión sobre a importancia das abellas e a súa necesaria protección. Eslovenia e Galicia teñen moitas cousas en común, en canto a territorio, poboación e tradición abelleira. Dende AGA pensamos que a a importancia que se lle da á apicultura e as abellas en Eslovenia é un bo exemplo a seguir. Por iso, animamos ós socios e socias a viaxar ó país das abellas e vivir esta experiencia única de apiturismo e aprender dos nosos compañeiros e compañeiras eslovenas.

A viaxe será unha combinación de apicultura e turismo, con visitas a apicultores, degustacións de produtos tradicionais, museos, centros de divulgación e os lugares máis fermosos do país.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Para máis información sobre todo o que inclúe a viaxe descargar o programa completo. O prezo variará en función do nº de participantes. Para recibir información sobre a viaxe e os prezos poñerse en contacto con AGA por email a aga@queixoemel.org ou por tel. 981 589 534. Todavía quedan prazas dispoñibles polo que ampliamos unha semana máis o prazo para inscribirse ata o día 10 de maio.


Voltar