+ 34 981 508 142

Gran participación no Día do Apicultor 2014

O sábado 8 de febreiro celebramos en Arzúa o Día do Apicultor, cunha masiva asistencia de apicultores e apicultoras. Arredor de 500 persoas seguiron e participaron con moito interese os catro obradoiros desenvoltos e a feira de material apícola. Os obradoiros, co obxectivo de promocionar o emprendemento, a innovación e a diversificación, trataron os seguintes temas: o aproveitamento do veneno das abellas, produción de mel en seccións e estampado de cera, colleita de pole e própole e a Vespa Velutina. Sobre estas temáticas AGA continuará desenvolvendo actividades de formación durante o ano, na Mostra Galega de Apicultura que terá lugar en xuño e no Congreso Apícola Hispánico en outubro.

1.- Aproveitamento do veleno das abellas, apitoxina.

Este obradoiro foi impartido pola empresa Apicosmetic e o obxectivo dirixíase a animar ós socios e socias á produción de veneno de abellas para a súa utilización en produtos de cosmética e saúde. Para mais información contactar con Apicosmetic a través da súa web www.apicosmetic.com

2.- Obtención de mel en sección e estampado de cera.

A Carpintería Irurtzun de Navarra ofreceunos este obradoiro no que amosou os diferentes equipos e ferramentas para obter mel en seccións e fixo unha demostración de estampado de cera coas estampadoras que tamén comercializa. O material de Irurtzun está xa á venta na sede de AGA en Arzúa. As estampadoras de cera pódense encargar a través de AGA.

3.- Colleita de pole e própole.

Dous produtos apícolas cunha demanda en alza son o pole e o própole. Dende AGA pretendemos animar ós apicultores de Galicia á súa produción, xa que teñen boa saída comercial. Tamén ofrecemos material específico que temos á venta para as persoas interesadas. Especialmente o pole está sendo un produto con demanda e que estamos comercializando a través de Erica Mel S.C.G. polo que pregamos que se poñan en contacto coa cooperativa ós socios e socias que poidan suministrar este produto.

4.-Vespa Velutina.

Gonzalo Calvo, o veterinario de AGA, dou a coñecer o protocolo de control da Vespa Velutina que AGA levará a cabo no 2014. Nunha primeira fase, recomendamos aos apicultores instalar trampas perto dos apiarios para coller ás vespas fundadoras de novos niños. Con esto pretendemos facer un seguimento da presenza ou non desta vespa nos distintos puntos de Galicia. Tamén é unha medida preventiva para evitar novos niños. Para mais información sobre a elaboración e implantación destas trampas pódese contactar co veterinario. Os abelleiros que detecten esta vespa poden comunicalo a AGA que lles indicará a actuación a seguir.

Tamén tivo lugar a Asemblea Xeral de AGA, que aprobou un amplio programa de actividades formativas para o ano 2014, dado o alto interese de xente nova por incorporarse a este sector tan ligado coa natureza e do que se obteñen unha serie de produtos cada vez máis demandados polos consumidores. Durante o mes de marzo daremos a coñecer estas actividades, tanto de cursos de iniciación coma de cursos especializados e obradoiros prácticos. Tamén houbo renovación de directiva dando entrada a tres mulleres, formando así unha directiva paritaria que responde tamén ao forte incremento na incorporación de mulleres abelleiras a esta actividade.

 


Voltar