+ 34 981 508 142

Intenso foro apícola en Arzúa para celebrar o 35 aniversario de AGA e o 25 de Erica Mel

O III FORO APÍCOLA celebrado en Arzúa o pasado 6 de xuño foi unha gran celebración que acolleu a centos de persoas que acudiron a participar na 30ª Mostra Galega de Apicultura e celebrar o 35 aniversario de AGA e o 25 da cooperativa Erica Mel.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os participantes puideron realizar un amplio e variado percorrido polos temas máis actuais da nosa apicultura. Durante a intensa xornada, de mañán e tarde, houbo momentos para escoitar as charlas, botar un ollo ós variados produtos e innovacións na feira de material apícola, aprender a elaborar novos produtos apícolas e compartir cos abelleiros e abelleiras de toda Galicia unha agradable xornada de convivio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nesta edición o foro caracterizouse por combinar a presencia de empresas extranxeiras de ámbito internacional, como Anel de Grecia e o Laboratorio Vetopharma de Francia, ó mesmo tempo que dar visibilidade a proxectos de socios e socias de AGA, como a recuperación do patrimonio apícola cereiro de Galicia por parte de Damián e Diego Copena da Universidade de Vigo ou a utilización do própole na agricultura e viticultura ecolóxica de Mercedes Martínez de Ourense. Os máis cativos, os futuros abelleiros e abelleiras, disfrutaron de divertidas actividades de pintura, elaboración de candeas con cera de abellas e globoflexia, descubrindo así un pouco máis sobre o interesante mundo das abellas. Ademais, o público asistente puido disfrutar dun espazo adicado á arte apícola, cunha exposición de pinturas de Julio Seijas.

A continuación ofrecemos un breve resume sobre os diferentes contidos do foro e os artigos publicados por Campo Galego en www.campogalego.com, o novo medio dixital sobre o agro galego que recomendamos visitar.

 

A colmea sintética de Anel

Comezamos a xornada con Eleftherios Pantelakis, director da empresa Anel de Grecia, que acudiu á cita coa apicultura galega para explicar cómo son os seus novidosos materiais apícolas, entre os que destacamos os cadros e as colmeas sintéticas que están tendo moita aceptación no sector apícola galego. Despois da charla, as persoas interesadas puideron achegarse ó espazo de Anel na feira apícola.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sistemas antirroubo

A exposición sobre o Bee-Tracker, sistema antirroubo de colmeas a través da última tecnoloxía presentada por Vodafone, xerou moita expectación e moitas persoas amosaron interese en adquirir os aparatos como unha posible solución ós roubos de colmeas que ten moi preocupado ós apicultores galegos. Tal como se indicou no foro, a través de AGA darase a posibilidade ós socios e socias de adquirir este sistema, conseguindo un prezo mellor ó facer un pedido colectivo por medio da asociación. Deste tema, cos prezos, condicións e pedidos, informaremos con máis detalle durante o verán.

 

Novo tratamento contra a varroa: Amicel

Francisco José Orantes, director de Laboratorios Apinevada, un dos referentes en España en tratamento das enfermidades e parásitos das abellas, presentou o novo tratamento contra a varroa Amicel, que temos a venda en AGA dende o día do Foro Apícola. Orantes destacou na súa intervención a importancia dun bo manexo da colmea e o uso correcto dos tratamentos. Ver entrevista a Francisco José Orantes realizada por Campo Galego: http://www.campogalego.com/agroalimentacion/a-industria-farmaceutica-non-lle-interesa-investir-en-apicultura/

 

O escaravello africano Aethina Tumida en Europa

O Aethina tumida é un escaravello oriúndo da África Subsahariana, onde ocupa o nicho ecolóxico das nosas polillas da cera, como preeiro das colmeas débiles. Antonio Gómez Pajuelo falounos deste pequeno escarabello que xa cheogu a Europa e que se pode convertir nun novo inimigo das abellas. Ver artigo completo publicado por Campo Galego: http://www.campogalego.com/agroalimentacion/un-pequeno-escaravello-africano-novo-inimigo-das-abellas/

 

Aplicacións do própoleo na agricultura e viticultura ecolóxica

Sobre as aplicacións do propóleo na agricultura ecolóxica e na viticultura, foi o que nos explicou Mercedes Martínez Modroño, socia de AGA e viticultora afeccionada da provincia de Ourense, unha interesante ponencia que nos amosou unha nova aplicación dun dos produtos máis poderosos das abellas e que cada vez teñen máis demanda na medicina natural, tanto para os humanos como para as plantas.Ver artigo completo publicado por Campo Galego: http://www.campogalego.com/vina/aplicacions-do-propoleo-na-agricultura-ecoloxica-e-na-viticultura/

 

Asemblea Xeral de Erica Mel S.C.G.

Ó finalizar a sesión de charlas da maña, tivo lugar a Asemblea Xeral da Cooperativa Erica Mel, na que se decidiu entre outros puntos da orde do día, a subida do prezo ó que se lle vai a pagar ós socios da cooperativa este ano, debido a que o prezo do mel continúa a alza no mercado. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Patrimonio apícola cereiro en Galicia

O patrimonio apícola cereiro en Galicia, foi unha exposición moi enriquecedora que nos ofreceron os irmáns Damián e Diego Copena da Universidade de Vigo e que tamén forman parte de AGA. Galicia foi unha das principais zonas produtoras de cera de abella no sur de Europa e conta cun importantísimo patrimonio apícola cereiro, que cómpre procurar, estudar, protexer, conservar e por en valor, motivo polo que foi creado Favum, centro de interpretación da ceraría de Paraños, en Covelo (Pontevedra), un antigo lagar de cera recuperado pola Comunidade de Montes de Paraños, Abella Lupa e os irmáns Copena. Máis información aquí: http://www.montesparanhos.com. Ver artigo completo publicado por Campo Galego: http://www.campogalego.com/agroalimentacion/o-patrimonio-apicola-cereiro-en-galicia/

 

Actuacións do grupo ROCA fronte o roubo de colmeas en Galicia

Outro dos temas de máxima actualidade que se trataron no foro foi o roubo de colmeas. Un representante do grupo ROCA da provincia da Coruña, amosounos o traballo que está realizando esta unidade da Guardia Civil especializada en roubos no ámbito rural, para solucionar os casos de roubos de colmeas en Galicia. Hai un equipo por cada provincia e según comentou, a provincia que máis casos está tendo é a de Ourense. Insistiu especialmente na importancia da prevención. Medidas que se poden tomar de xeito sinxelo e económico son instalación de cierres con pechaduras no recinto onde estén ubicadas as colmeas e marcar as colmeas para poder recoñecelas se son recuperadas. Outros sistemas que requiren máis inversión e mantemento pero que son moi eficaces como medidas disuasorias e para descubrir ós culpables son os sistemas de alarmas e cámaras de seguridade. Tamén a instalación de microchips con gps para seguimento e localización das colmeas ten unha gran utilidade á hora de alertar do roubo e conseguir localizar o material. Outro punto no que insistiu foi en facer a denuncia cando ocurre o roubo, xa que se non coñecen os delitos non se poden investigar nin poñer os medios necesarios para combatilos e resulta crucial a colaboración coa cidadanía para resolver estes delitos.

 

A nova normativa de etiquetaxe

A nova normativa de etiquetaxe tivo unha ampla difusión nos medios de comunicación, que explicaron os aspectos máis importantes deste regulamento dende un punto de vista xeral, o que está a xerar no caso do mel moita confusión entre os consumidores, os apicultores que envasan o seu mel e algunhas empresas. Silvia Cañas, directora de Apicultura Ibérica, explicounos esta norma dende o punto de vista do mel, para coñecer en que lle afecta realmente os cambios introducidos. Ver artigo completo publicado por Campo Galego: http://www.campogalego.com/agroalimentacion/a-nova-norma-de-etiquetaxe-e-como-afecta-realmente-ao-mel/

 

Promoción Das Miñas Colmeas: A Pinga

Dentro da campaña de promoción Das Miñas Colmeas que comezamos este ano, presentamos no Foro Apícola as camisetas e delantais "Eu son a pinga", que forman parte do material que AGA está a elaborar para a promoción na nosa marca "Das Miñas Colmeas". Isabel Sanjurjo de Canal de Comunicación, contounos por qué son importantes as marcas e a imaxe do produto e cales son as ventaxas de utilizar a marca colectiva de AGA "Das Miñas Colmeas". O material promocional está dispoñible nas sedes de AGA e nos eventos que organizamos, polo que pódese adquirir, a uns prezos moi económicos, para facer un orixinal agasallo ou utilizar nas ferias do mel deste verán e ofrecer unha atractiva imaxe de marcos dos nosos produtos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Proxecto apiturístico galego

A viaxe a Eslovenia que organiza AGA xunto con Apiroutes este ano, dou pé a comezar a falar da nova actividade que queremos lanzar este ano dende a asociación: o apiturismo en Galicia. Paula Souto, técnica de AGA, explicounos en que consiste esta incipiente actividade do apiturismo, cal é a oferta actual en Galicia e as moitas posibilidades que ofrece. En Galicia contamos con moitos recursos para ofrecer este novo produto a visitantes e consumidores, tanto de orixe galega como extranxeira. AGA irá explicando nos vindeiros encontros de qué se trata e cómo podemos organizarnos para levar a cabo un proxecto apiturístico galego no que tódolos socios e socias están convidados a participar.

 

Control da Vespa Velutina

O tema do control de Vespa Velutina en Galicia, foi exposto por varios expertos que nos deron unha visión moi amplia e actualizada sobre cómo é a situación actual da invasión deste insecto en Galicia. Gonzalo Calvo, veterinario de AGA, fixo unha descrición de como está sendo o avance desta praga en Galicia. José Fernandez, encargado de AGA no convenio co 112, falounos sobre o proceso de aviso, localización e eliminación de avispeiros ou recollida de enxames de abellas a través do servizo do 112.

O director-técnico de Vetofarma Ludovic Deferaudy de Francia tamén participou nesta mesa e expuxo as novas trampas e atraíntes de Velutina, sacados ó mercado despois dun grande traballo de investigación co que este laboratorio conseguiu elaborar unhas trampas cunha eficacia avalada pola longa experiencia de Vetopharma e un estudio que xa vai polo segundo ano, que amosou uns resultados moi positivos. As trampas están á venda en AGA.

Tivemos tamén a oportunidade de coñecer os recentes estudios publicados en Francia sobre os olores que atraen a V. Velutina e o seu potencial uso en trampas, da man de Xesús Feás, investigador da Universidade de Santiago de Compostela. AGA comezará a facer probas co uso destes novos atraíntes para colaborar na investigación e intentar conseguir novas fórmulas que axuden a combatir a este novo inimigo das abellas.

 

Obradoiro de cosmética apícola

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A sesión práctica da tarde foi a cargo de Antonio Gómez Pajuelo, que nos ofreceu un interesante obradoiro de cosmética apícola no que se realizaron diferentes elaboracións con produtos da colmea.

Unha intensa xornada apícola que deixou visible os grandes cambios e novas ameazas ós que se enfrenta o sector pero tamén a fortaleza da elevada participación da sección máis veterana de AGA xunto coa nova xeración de apicultores e apicultoras que fan que o sector apícola continúe en aumento e se manteña como unha actividade de interese productivo, económico e medioambiental no rural galego.


Voltar