+ 34 981 508 142

Máis dun cento de apicultores e apicultoras visitaron Covas o domingo 5 de xullo

Esta xornada, organizada pola Asociación Galega de Apicultura e a empresa Covas 21, consistiu nunha visita a un proxecto de recuperación do rural ubicado no lugar de Covas, no concello de Taboada. A empresa Covas 21 é a impulsora deste proxecto de aproveitamento integral dun monte de 55 hectáreas, que conta cunha explotación apícola entre as súas actividades principais.

O día de campo pechou o programa de formación que AGA levou a cabo esta primavera. A participación nos cursos este ano foi elevada, continuando coa tendencia dos últimos anos de incorporación de xente nova no sector apícola. Á xornada en Covas asistiron máis dun cento de persoas, parte dos inscritos no programa de formación e socios e socias de AGA, que chegaron de diferentes lugares de toda Galicia para coñecer de primeira man este proxecto que está a desenvolver Covas 21, unha empresa de recente creación tamén asociada a AGA.

As actuacións que se están levando neste lugar están acollidas á iniciativa Leader dentro do GDR7 Miño-Ulla e teñen como obxectivo poñer no mercado catro tipo de produtos: castañas, cogumelos, mel e un espazo para adestramento de cans de caza e a propia caza. A explotación apícola está nos seus comezos e conta con 34 colmeas en dous apiarios diferentes.

Visita a Covas

Despois de atoparnos diante da Casa do Concello de Taboada, o grupo abelleiro dirixiuse a Covas, onde nos dou a benvida e presentou o proxecto un dos membros de Covas 21, Xosé Manuel Boan. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saímos do espazo etnográfico por un antigo camiño e seguimos o río, no que atopamos un muiño, unha pequena minicentral destinada ao autoabastecemento. Nas marxes puidemos contemplar a vexetación de ribeira que dan paso a pastizais e logo a bosque de castiñeiros, carballos e piñeiros. Suso Boan, outro socio de Covas 21, explicounos o que son os biotopos de coellos e guiounos polas zonas de cría de coellos, parque de voo de perdices, aloxamento de cans e demais animais. Polo camiño Xesús Asorey nos ensinou a flora melífera existente na contorna e José Manuel, un empregado do proxecto, explicounos como realizan o micorrizado de piñeiros. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Visitamos a casa todavía en rehabilitación, que é posiblemente a máis antiga do concello e que conta con varias edificacións anexas de gran valor etnográfico: muíño, forno, pombal, horreo, pallar e ponte.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Achegámonos a un dos apiarios, situado no antigo lugar de asentamento de colmeas das familias de Covas, que forma parte da explotación apícola do proxecto. A parte apícola todavía está nos inicios e as colmeas preparáronse este ano para comezar a producir o ano que ven. No entorno tamén conviven un par de xabarís, ós que puidemos saudar xa que están afeitos ó contacto das persoas, e unha manada de cabalos do país que se achegaron curiosos para recibirnos e tamén para despedirnos despois da longa xornada.

Próximo a Covas está o Castro de Castelo: a medio km do límite sur da finca, que non nos dou tempo a visitar e queda pendente para a próxima visita. Neste castro celébrase todos os anos, na noite do 7 de setembro o día das fachas, costumbre ancestral da que non se sabe moi ben a súa orixe. Consérvase a estrutura dun grande castro e ofrece unha visión especial da contorna.

Información publicada nos medios de comunicación:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2015/07/06/lugo-suma-turismo-cinegetico/0003_201507L6C5991.htm

http://elprogreso.galiciae.com/noticia/413237/apicultores-de-toda-galicia-estudian-en-taboada-como-optimizar-el-monte

https://es-es.facebook.com/televintechantada

 

Máis información sobre Covas 21

Qué é Covas 21. Unha idea do que foi ata agora Covas

No ano 1984 catro persoas – de dúas xeracións diferentes- mercaron o lugar acasarado de Covas, que xa antes pertencera aos seus familiares antepasados. Este lugar está  formado por unha casa con varias edificacións anexas ou nas inmediacións e cunha extensión territorial de 39 has. Hoxe son seis persoas as propietarias e, despois da merca de terreos colindantes, a superficie dos terreos alcanza as  55 Has.

No centro da finca hai unha casa, posiblemente a mais antiga do concello de Taboada, con edificacións anexas de gran valor etnográfico, protexido polo inventario do patrimonio cultural de Galicia : capela ( ben inventariado), palleira vella, forno e muíño; e outras case pegadas: o pallar grande, a aira , o hórreo, a fonte baixa, o conxunto de bodega e o pombal.  A maior parte destas edificacións nun bo estado de conservación porque foron rehabilitadas,  e outras que sería  preciso rehabilitar no futuro. Este grupo de edificacións constitúe un cenario perfecto para recordar ou recrear a vida dos habitantes de vai 300 anos.

O conxunto da finca está atravesado  de oeste a este, nunha lonxitude de aproximadamente 2.000 ms, polo río Toldao, Peago ou de Covas, con vestixios de ter sido desviado, á altura de onde hoxe está asentada a casa, para aproveitar os minerais preciosos que arrastraba o lodo da antiga conca. A auga que leva serve para regar os prados e pastizais, para o funcionamento, no seu momento, do mazo de ferro nun habitáculo hoxe derrubado,  para o funcionamento dun muíño con dúas pedras moares e para producir enerxía eléctrica nunha pequena minicentral destinada ao autoabastecemento;  ás súas marxes están situadas dúas ringleiras de vexetación de ribeira, que dan paso a pastizais e logo a  bosque con variada vexetación sobre todo de castiñeiros, carballos ou piñeiros e, no espazo  xunto á  casa, a unha pequena superficie de horta e outra de frutais.  O conxunto está ocupado, aproximadamente nun 70% da súa superficie, por especies arbóreas: soutos de castiñeiros (25%), carballeiras (20%), piñeirais (35%), bidueirais (10%) outros (10%).

O espazo ten autorización e  nel está implantada unha  granxa cinexética comercial, LU-003. Tamén ten  espazo incluído no Consello Regulador de agricultura biolóxica, (CRAEGA), en concreto os castiñeiros centenarios.

Na parte sur, a medio  quilómetro  do muro de pedra que pecha a finca está situado o Castro de Castelo, lugar no que perdura o costume ancestral da queima das fachas. Pola parte norte, a 2.000 ms., aproximadamente, do límite da finca está a capital do concello.

Houbo un grande  esforzo económico familiar para levar a cabo  varias actuacións parciais, que  evitaron  a ruína do patrimonio etnográfico e a desaparición dun espazo de incalculable valor histórico e medioambiental, contribuíndo así a manter un aceptable estado de conservación da gran maioría das edificacións, da fauna, da flora e da paisaxe. 

Que é Covas 21? Por que este nome?

Covas 21 é o nome da empresa que montamos os membros  da familia propietaria no ano 2011 e que logo se incorporaron outras dúas persoas ás que lle atraeu o proxecto.

O do nome hai unha parte que ten fácil explicación que é o topónimo do lugar. Queremos que esta sexa unha idea enraizada aquí, na parroquia de Castelo, no concello deTaboada e o nome de Covas é ideal. O do número 21 a parte de ser un dos días da feira de Chantada, cabeza comarcal da que vimos nós coa que tamén nos sentimos identificados,  ten algo mais de significado de forma intencionada. Trae a súa orixe na "Axenda 21" que é un programa para desenvolver a sustentabilidade a nivel planetario, aprobado por 179 gobernos na conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento celebrada en Río de Xaneiro no ano 1992. Nunha das súas catro seccións, a2ª, fala da loita contra a deforestación, de afrontar de xeito integrado a planificación dos recursos das terras, do desenvolvemento sostible das zonas de montaña, fala en concreto no capítulo 13-6-f de "integrar todas as actividades relacionadas cos bosques, os pastizais, a fauna e a flora silvestres co fin de manter ecosistemas de montaña específicos"; o seu capítulo 28 anima ás comunidades locais a crear a súa propia versión, a Axencia 21 local

Que se está a facer?

Estamos facendo as infraestruturas para botar a andar de xeito integrado e de forma escalonada catro actividades principais: adestramento de cans de caza e  a propia caza con todos os seus servizos , mel e outros productos das abellas, castañas e cogumelos  e varias mais secundarias  ou complementarias das primeiras, actividades de lecer (roteiros  a cabalo e a pé, aloxamento de turismo rural, outras actividades de lecer..  Parte das infraestruturas son de obras ou servizos e outras referidas ás novas tecnoloxías , internet, posicionamento e pax web, comercio online  e imaxe corporativa da empresa. Por exemplo, para setembro pensamos ter en funcionamento a px web  de Covas 21 coa imaxe corporativa da empresa. Para isto último contamos co asesoramento do programa Dinamízate da Deputación de Lugo e das empresas que dentro do programa Reacciona ten  encargado  o Igape, neste caso Eosa. 

Que produtos ou servizos  vai ofertar Covas e cando?

A partir de setembro deste ano comezaremos os adestramentos de cans de caza e o servizo de aloxamento de cans. Nos meses de inverno e parte da primavera será o turno da  a caza nas súas diferentes variantes: armas convencionais, con arco…A nosa intención e adicar solamente a estas actividades  entre 50 e 60 días ao ano de xeito escalonado e ofrecer a posibilidade de que calquera persoa que veña a practicar este deporte poida facelo  tendo ao seu servizo todas as comodidades,  desde a estancia,a comida  e o aloxamento  tanto para persoas como para animais, ata o préstamo dun can para  adestrar a persoas que queiran facelo e puntualmente non teñan  posibilidades ou  completar a súa estancia con actividades complementarias  como montar a cabalo  ou adicarlle unha fin de semana á Ribeira Sacra, por exemplo.

No tempada de 2016 comezaremos  a venda de productos das abellas, sobre todo mel e polen e tamén a comercialización  da  castaña e dos seus derivados.  Debido ao planteamento  de conservación da natureza que levamos a cabo CRAEGA ten recoñecidos os soutos de Covas como espazos de produción de castaña ecolóxica polo que  aproveitaremos esta situación para incorporar esa calidade excepcional  á línea de productos que vaiamos sacando. Nestas dous  productos  temos xa avanzados os traballos  para poñelos   no mercado coa  excelente calidade que tradicionalmente tiveron  pero con liñas  comerciais novedosas e atractivas.

A finais de 2016 e primeiros de 2017 pensamos comercializar  cogumelos. Para estes productos contamos  coa transferencia de  innovacións  tecnolóxicas á produción que nos permitirán ofrecer productos excelentes.

Se unha persoa quere mercar produtos de Covas, en que establecementos  poderá atopalos?

De saída non desbotamos ningún tipo de soporte ou establecemento para vender os produtos  pero, ao mesmo tempo que ambiciosos, debemos ser realistas. Co tipo de productos que intentamos sacar podemos competir en calidade  con calquera outro, e mais, pretendemos ser os mellores  pero isto diránolo  a xente. , polo tanto .a nosa saída natural é o comercio online, as pequeñas tendas  especialistas  do comercio rural  dos concellos galegos , os espazos comerciais de selección  de productos de calidade…..e, por suposto a nosa sede en Covas. Sabemos que non faremos os productos co prezo mais barato, pero si os productos ca mellor relación prezo calidade.  Pretendemos fideilizar aos nosos clientes, que nos coñezan.

 

 

 

 

 


Voltar