+ 34 981 508 142

Manifesto da plataforma contra as fumigacións

A plataforma contra as fumigacións, por un futuro sen pesticidas, foi creada na primavera do ano 2012 por medio cento de organizacións e colectivos varios, apicultores, ecoloxístas, labregos, consumidores etc.

 

Durante esta primavera desenvolveu unha ringleira de actividades tendentes a evitar que se fumigara desde o ar os nosos montes cun insecticida prohibido pola UE por tóxico para as abellas, para fauna das nosas auga e peligroso para a saúde das persoas… o cascade.

Recolleronse máis de 10.000 firmas, puxose unha denuncia ante o fiscal do medio ambiente, realizouse unha manifestación en Santiago. O asunto levouse ao parlamento de Galicia, e tamén ante as instancias europeas en Bruxelas, e sobre todo realizouse unha forte campaña nas redes sociais onde houbo unha moi boa resposta social.

MANIFESTO DA PLATAFORMA:

A "PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS" queremos poñer en coñecemento da cidadanía que: 

A patronal pasteira, ASPAPEL, coa colaboración da transnacional química , BASF,   e a connivencia da Xunta pretenden  fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo (Gonipterus scutellatus).
Estes pesticidas xunto con outros sistémicos (agrotóxicos) están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas, nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas. Máis de 30.000 colmeas desaparecen todolos anos na Galiza. Esto convertese nun grave problema xa que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como principal vector polinizador.

O sector apícola forma parte integrante da agricultura galega. Proporciona ingresos primarios ou complementarios a máis de 4.000 familias en toda  Galiza.
Presta uns servizos vitais a agricultura a través da polinización e contribúe ao mantemento da biodiversidade. Calcúlase que un 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria dependen da polinización por parte das abellas, cuio valor económico é moito maior que o valor do mel producido e ascende a uns 15.0000 millóns de euros anuais na UE.
Por añadidura, a apicultura forma parte do património agrícola galego e das nosas tradicións.

Cal é a especie máis valiosa do planeta? Son as abellas, según quedou plasmado nunha reunión de perstixiosos científicos de todo o mundo en Londres no ano 2008
Se as abellas desaparecesen, como os científicos veñen alertando desde fai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Enstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

  A fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados vaian parar fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais , a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira),  ás zonas habitadas debido a gran dispersión da poboacíon galega, e tamén afectaría a  auga que bebemos. 

Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio.O período de graza concedido pola Comisión Europea  para ser retiradas as súas existencias remata o 31 de decembro de 2012. Dende a Xunta de Galicia non se fai mención a esta cuestión polo que nos fai sospeitar que está dacordo con estas  industrias interesadas, neste caso a BASF, en vender os seus "stocks" de pesticidas que nuns meses só poderá colocar en países do chamado "Terceiro Mundo", acto que tamén denunciamos.
Polo anteriormente expresado amosamos o noso firme rexeitamento a este intento de fumigación e manifestamos que:

  • Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, da flora e da fauna, e sobre todo levando por diante a nosa soberanía alimentar co exterminio das abellas. Todo isto, para beneficiar, ostentiblemente, ás grandes industrias madereiras e de produción de celulosa, a costa de comprometer o futuro e a supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros e da cidadanía en xeral.

Fronte esta visión da administración pública dos nosos montes tan lesiva para o país,como cidadáns negámonos a aceptar que o conxunto do territorio galego se converta na finca privada dunhas poucas industrias con licenza para esquilmar e contaminar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias.

A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas e  agrotóxicos,  xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública.. Reclamamos por tanto das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a prohibir o uso destes produtos nas masas forestais e tamén na agricultura. Neste sentido, a producción agraria debe estar orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis  e respectuosos co medio ambiente,  como a producción agroecolóxica. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servizo natural, gratuíto e dun incalculable valor.

Denunciamos que o principal responsabel da praga é o monocultivo de eucalipto que se estende por toda Galiza. Ademais de ser unha especie alóctona, este cultivo é un grave erro que converteu os nosos montes en "desertos verdes" causante dunha das grandes lacras do noso país, o lume. A única solución e outra política forestal baseada na multifuncionalidade e a diversidade produtiva  do monte coa utilización doutras especies vexetais, que promovan un uso alternativo ou complementario, baseado na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade en xeral, e da veciñanza do rural. Isto bastaría para correxir os erros cometidos ata o de agora o mesmo tempo que serven de alternativa o abandono do monte e a xeración de emprego.

Pedimos que nestas  medidas correctoras e de paralización das fumigacións se impliquen o resto das consellerías,  que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que está en xogo a saúde pública e a nosa propia supervivencia.
Con todo o manifestado defendemos " A biodiversidade e a función produtora de alimentos do noso medio rural,  que só se garante con prácticas agrícolas e forestais que sigan os principios da Agroecoloxía".


Voltar