+ 34 981 508 142

Moitas novidades e gran participación no Día do Apicultor

Centos de apicultores e apicultoras de toda Galicia acudiron o pasado 1 de febreiro a Arzúa para participar nunha xornada apícola marcada pola numerosa asistencia a pesar do frío e a neve.

Todos os espazos estiveron ateigados de xente dende primeira hora, tanto na nave da cooperativa Erica Mel coa venda de materiais apícolas como no Centro do Queixo e do Mel cos trámites administrativos e a venda do queixo de Arzúa, que tradicionalmente levan os asistentes á xornada. No local de veciños, situado nas proximidades, o cheo foi absoluto para escoitar as propostas de AGA para o 2015, dende o plan de control da Vespa Velutina ata a presentación de A Pinga, a nova imaxe da marca "Das Miñas Colmeas".

Moita xente se animou a quedar ata a tarde para participar nos obradoiros sobre novas tecnoloxías, estampación de cera e encerado de cadros de plástico, así como para curiosear na sección de innovacións apícolas e coñecer a recén chegada colmea de plástico.

Presentación do programa de AGA 2015

1. Formación

Nos meses de abril, maio e xuño  terán lugar en diferentes puntos de Galicia cursos de iniciación á apicultura e especialización en temas como a cría de raíñas e a produción de pole. No mes de xullo organizarase un día de campo en Covas no concello de Taboada (Lugo), cun interesante proxecto de recuperación do rural no que se inclúe a apicultura. As delegacións de AGA organizarán tamén cursos de iniciación e especialización nas súas respectivas comarcas.

2. Xornadas e eventos

O Día do Apicultor terá lugar en febreiro e A Mostra Galega de Apicultura en xuño no III Foro Apícola, coa celebración do 35º aniversario de AGA, o 30ª da Mostra e o 25º de Erica Mel. A celebración será os días 6 e 7 de xuño e incluirá unha grande feira apícola con actividades variadas dirixidas tanto ó sector apícola como ó público xeral.

Levarase a cabo tamén este ano o programa "Stop Velutina" con varias charlas informativas nas zonas mais afectadas e a implementación de medidas de control. Dentro deste programa celebrarase o Día da Abella en Culleredo o 21 de marzo, con varias actividades dirixidas ó público xeral.

3. Información e asesoramento.

Durante todo o ano AGA seguirá levando a cabo a súa tarefa de información e asesoramento ós socios e socias, a través dos correos apícolas, correo electrónico, na web e nas oficinas de AGA, por teléfono e en persoa.

4. Servizos.

Como tódolos anos, solicitaranse as axudas do Plan Apícola e contratarase o seguro de colmeas colectivo. O servizo de etiquetas Das Miñas Colmeas continuará co seu funcionamento cunha campaña de promoción especial. AGA seguirá participando en eventos apícolas e feiras do mel dentro e fora de Galicia así como colaborando con outras organización do sector: Bee Life, CODACC, AFCA… E irase ampliando a oferta da tenda de apicultura con varias novidades para ofrecer ós socios e socias todo o necesario para a actividade apícola.

5. Apiturismo.

Este ano ademais, comezamos co proxecto de Apiturismo cunha viaxe a Eslovenia para coñecer que están facendo neste Pais das Abellas para atraer a mirada dos visitantes e despertar tanta curiosidade pola súa apicultura e os seus produtos.

 

Axudas do PLAN APICOLA 2015

Este ano o Plan Apícola chegou antes do previsto. Nada mais comezar o ano, saíu publicada a orde de axudas á apicultura para o 2015 o cal fixo que tiveramos que apurar os trámites para poder entregar a solicitude nos prazos asignados, e incluso adiantar a convocatoria do Día do Apicultor para facilitar a entrega da documentación dos socios e socias.

- Requisitos para acceder ás axudas.

Ter rexistradas as colmeas con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2014, realizar a declaración censual relativa ó 2014, dispoñer dun seguro como mínimo de responsabilidade civil, realizar o tratamento anual contra a varroa e entregar a documentación solicitada en prazo.

- Reparto do presuposto

Hai en total un presuposto de 400.000 € a repartir entre asistencia técnica aos apicultores/as (ata un 90 %), loita contra a varroase (ata un 80 % nos tratamentos e 50 % na cera e fondos), transhumancia (ata un 70%) e seguros apícolas (ata un 50 %). No caso de que as solicitudes superen o presuposto total, iranse asignando contías por esta orde: tratamentos para a varroa, contratación de técnicos e veterinarios, cera e fondos e seguros apícola. Polo tanto, que haxa unha porcentaxe máxima asignada para cada concepto non quere decir que se conceda íntegramente. Antes de rematar o mes de xuño, a Consellería comunicará a concesión da axuda e as contías asignadas para cada liña, e polo tanto o importe definitivo que se concederá a cada concepto, que comunicaremos dende AGA ós socios e socias.

- Qué solicitar, onde e cando recollelo

En función das que se teñan declaradas no censo, pódese solicitar por colmea: o tratamento para a varroa, 4 láminas de cera, un fondo sanitario e o seguro.

A recollida de cera e fondos pódese facer na nave de Erica Mel en Arzúa e en Apícola Carballal en Ourense, para o cal é necesario indicalo no momento da compra para que lle fagan o albarán correspondente a nome de AGA. Xa non é necesario enviar copia do albarán á asociación.

No caso do tratamento para a varroa, antes de xuño enviarase unha circular con información sobre a oferta de tratamentos e os prazos para facer o pedido e o pago. No mes de xullo o veterinario fará a ronda de recetas e entrega dos tratamentos por toda Galicia.

A data límite para o pago e recollida de material e tratamentos é o 01 de agosto. As persoas que non teñan albarán de compra e receta do tratamento antes desa data non entrarán na subvención.

Pregamos que os socios e socias recollan e fagan o pago dos seus pedidos en prazo. Do contrario, AGA terá que devolver a parte da subvención que se lle asignou en función das solicitudes e isto pode facer que reduzcan o importe da subvención en futuras convocatorias.

 

Apiturismo: Viaxe a Eslovenia

Este ano AGA propón unha viaxe a Eslovenia para vivir unha experiencia en apiturismo: Apiroutes. Este proxecto naceu da colaboración entre a Asociación de Apicultores Eslovenos e a axencia de viaxes Aritours, especializada en turismo alternativo.

Eslovenia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A viaxe terá 7 días de duración, do 20 ó 26 de setembro e será unha combinación de visitas a apicultores con degustación dos seus variados produtos apícolas, museos e centros de divulgación sobre a apicultura eslovena e os lugares mais fermosos do país, dende as montañas dos Alpes, zona orixinaria da raza de abella carniola, pasando pola capital Liubliana, centro cultural e comercial de Eslovenia, ata a rexión das colinas e viñedos, famosa pola produción de viños e bebidas tradicionais elaboradas con mel.

É unha ocasión única para descubrir este pequeno e fermoso rincón verde de Europa: Eslovenia. A súa milenaria tradición apícola e a relevancia histórica, social e cultural que teñen as abellas fixeron que Eslovenia sexa coñecido como o "País das abellas".

O prezo da viaxe é de 749 € para un grupo de mínimo 40 persoas.  Neste prezo vai incluido o transporte en autobús por Eslovenia, aloxamento en hoteis de 3 a 4 estrelas en réxime de media pensión, un deles con balneario, unha comida, as visitas, a guía, a organización e asistencia. Non está incluido o prezo do voo, que se confirmará en función do nº de persoas. Próximamente publicaremos información detallada na web de AGA, así como os trámites para realizar a inscrición.

 

Campaña de promoción DAS MIÑAS COLMEAS

Este ano lanzamos unha campaña para promocionar a marca colectiva "Das Miñas Colmeas". O obxectivo é darlle unha nova imaxe á nosa marca, para chamar a atención dos consumidores e consumidoras e mellorar a nosa posición como unha marca de referencia no mercado do mel.

Entre as ventaxas de utilizar esta marca están a boa imaxe do produto, xa que se utiliza un deseño e impresión profesionais, e a garantía de calidade avalada por AGA. Aínda que a presencia desta etiqueta no mercado xa é moi relevante, queremos darlle un novo impulso que a faga mais atractiva. Coa recente incorporación do sistema de venda directa para produción primaria, este etiquetado aínda se fai mais útil e necesario.

Nesta campaña de promoción Das Miñas Colmeas presentamos a nova e imaxe da nosa marca: a Pinga.

A Pinga será a compañeira do bote de mel e do seu vendedor ou vendedora. Unha imaxe divertida que dará moito xogo: "¡Eu son a pinga!"

A partir de agora, a Pinga aparecerá en diversos materiais que se poderán colocar nos puntos de venda ou ofrecer xunto cos produtos apícolas. As persoas que soliciten etiquetas Das Miñas Colmeas levarán a partir de agora cos seus pedidos unha selección de pegatinas coa Pinga de Mel. Ó longo do ano iremos informando sobre a realización doutros materiais.

 

Vespa Velutina

O tema da Vespa Velutina en Galicia tivo un espazo central no programa do Día do Apicultor este ano. Proxectouse o documental titulado "A avespa asiática, unha ameaza ambiental", que se pode ver tamén dende a web de AGA, e a continuación abriuse unha mesa redonda, na que participaron o veterinario de AGA e representantes das delegacións de AGA das comarcas de Eume, Ferrolterra e Ortegal.

No 2015 é prioritario poñer en marcha actuacións para controlar esta praga e frenar o seu aumento. Ademais da retirada de niños, parece mais efectiva a prevención, para o que se fará unha colocación masiva de trampas á saída do inverno para atrapar as raíñas evitando así a formación de novos niños. Nas accións previstas está tamén a realización dunha campaña informativa nos concellos mais afectados, con charlas abertas a toda a cidadanía para informar sobre o comportamento desta avespa, qué facer no caso de atopar un niño e cómo colocar trampas para a prevención.

 

Asemblea xeral de AGA

Na asemblea presentouse o relatorio de actividades realizadas no 2014, as contas da asociación e a proposta de programa para o 2015 co seu presuposto. Tamén se incluiu na orde do día a suba da cota de AGA de 40 a 50 € / ano, que quedou aprobado por maioría.

O programa do 2015 é o que se explica no primeiro apartado deste mesmo documento e que se detallará tanto na web de AGA como no vindeiro Correo Apícola. A contabilidade de AGA está dispoñible na sede da asociación para calquera socio ou socia que o solicite.

En canto as actividades realizadas o ano pasado, incluiron o asesoramento diario e información a través dos correos apícolas, a revista Abelleira, páxina web e correos electrónicos, así como a xestión do Plan Apícola anual e o seguro de colmeas. Levouse a cabo un extenso programa de formación, con cursos de iniciación e especialización, o curso coa Universidade de Santiago de Compostela e charlas informativas sobre a Vespa Velutina. No 2014 douse por finalizado o proxecto do grupo de Api-Emprendedor@s, despois de 2 anos de duración. Realizouse en febreiro o Día do Apicultor, en xuño a Mostra Galega de Apicultura e no mes de outubro o VII Congreso Apícola Hispánico. Continuamos participando noutras organización apícolas a nivel nacional e internacional, como Bee-Life, a CODACC e AFCA. Informamos e debatimos sobre varios temas que foron xurdindo ó longo do ano, como o roubo de colmeas, os prezos do mel e a presencia de antibióticos. E por último, as DAGAS continuaron coas súas actividades nas súas respectivas comarcas.

 

Innovacións apícolas

Na nave de Erica Mel, onde se puxo á venda todo tipo de materiais para as colmeas e os apicultores, presentamos a última novidade da nosa tenda apícola: a colmea de plástico ANEL. As ventaxas de utilizar esta colmea son moitas: resistente, duradeira, lixeira e segura para o transporte.

 

 

 

 

 

 

 

 

Tamén se presentou, nos obradoiros que tiveron lugar pola tarde, un novedoso sistema de xestión do apiario por medio das novas tecnoloxías. Este programa foi presentado pola empresa portuguesa Mellarius, que nos dou a coñecer este avanzado sistema que facilita o traballo de recollida e xestión da información. Pódese obter máis información en www.mellarius.net.

Nos obradoiros tamén se presentaron alternativas fronte a escasez de cera: estampación de cera e uso de cadros de plástico. Ámbalas dúas medidas están tendo moi boa acollida entre apicultores a apicultoras, que ven neste sistema unha reducción dos costes a longo prazo e unha mellora na calidade do material empregado nas colmeas, co conseguinte beneficio para a saúde das abellas.

 

Por Paula Souto AGA


Voltar