+ 34 981 508 142

NOVAS SOBRE POLINIZADORES

19 de xaneiro de 2018

A Comisión Europea abriu unha consulta pública para a súa Iniciativa sobre os polinizadores, que convida a particulares e organizacións a enviar o seu parecer acerca do declive dos polinizadores a través dun cuestionario.  O obxectivo da Iniciativa é facer fronte, a través de distintas medidas, ó declive dos polinizadores na Unión Europea. Paralelamente a este traballo, dende o Ministerio de Medio Ambiente español, estase elaborando un Plan de Acción Nacional que conterá medidas relativas a mellorar a xestión para reducir os riscos derivados das pragas, patóxenos invasores, evitar e reducir o uso de praguicidas e desenvolver alternativas ó seu uso entre outras.

 

I. CONSULTA PÚBLICA SOBRE OS POLINIZADORES

A Comisión Europea abriu unha consulta pública para a súa Iniciativa sobre os polinizadores (ver apdo segundo deste artigo), que convida a particulares e organizacións a enviar o seu parecer acerca do declive dos polinizadores a través dun cuestionario.

Dende AGA convidámosvos a participar nesta inciativa enchendo este documento (duración aprox. 20 min) e así trasladar ás institucións europeas as nosas inquedanzas en relacións os perigos e danos que sufren as abellas e o resto dos polinizadores. Publicamos tamén a consulta realizada por AGA a modo orientativo.

Se sodes unha organización (empresa, asociación...) antes de comezar a encher o cuestionario, tedes que saber que é necesario rexistrarse no Portal da Transparencia da UE.  Non así para particulares.

·Link ó Portal da transparencia:  https://ec.europa.eu/transparencyregister/public/ri/registering.do?locale=es

·Link á Consulta:  https://ec.europa.eu/eusurvey/runner/public_consultation_on_an_EU_initiative_for_pollinators

 

II. A "INICIATIVA PARA A CONSERVACIÓN DOS POLINIZADORES" da Comisión Europea

A Comisión Europea está a por en marcha unha iniciativa que faga fronte, a través de distintas medidas, ó declive dos polinizadores na Unión Europea.

Esta iniciativa xurde ante a necesidade de frear o declive de polinizadores silvestres e domésticos e está creada cunha perspectiva transfronteriza (toda a UE) co fin de dotala dunha maior eficacia.  Contén unha serie de medidas que permitirán ou axudarán a conseguir este obxectivo.  Ademais, preténdese contar coa opinión de expertos e mais da opinión pública (ver apartado Consulta pública sobre os polinizadores). A Comisión pretende rematar este traballo a finais de 2018.

Os Estados membros deberían enviar os seus comentarios.

O Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente español xa enviou as súas propostas.

As medidas previstas na Iniciativa incluén mellorar os coñecementos sobre os polinizadores e abordar as causas da súa disminución, aumentar a sensibilización e o intercambio de coñecementos.

Máis información sobre a iniciativa no documento "Iniciativa para á conservación dos polinizadores da Comisión Europea" (Extracto traducido do documento publicado pola Comisión Europea).

En canto ós comentarios ou aportacións do Ministerio de Medio Ambiente, sinalamos:

  • A iniciativa debería conter unha análise acerca dos impactos do cambio climático sobre a conservación dos polinizadores.
  • A iniciativa debería conter unha lista indicativa das plantas nativas que se consideren beneficiosas para a conservación dos polinizadores.
  • No eido das especies exóticas invasoras, é necesario resaltar os efectos negativos da Vespa velutina.
  • Aínda que a iniciativa céntrase nos polinizadores silvestres, dada a importancia do sector apícola Español, debemos insistir na necesidade de considerar tamén aos polinizadores domésticos.
  • A iniciativa podería tamén considerar, o fomento da produción orgánica (ecolóxica).

Máis info sobre os comentarios no documento "Comentarios do MAPAMA á iniciativa sobre os polinizadores da Comisión Europea" (extracto traducido da súa publicación na páxina da Comisión Europea).

 

III. O "PLAN DE ACCIÓN NACIONAL DE CONSERVACIÓN DOS POLINIZADORES" do Ministerio

A última Conferencia de partes do convenio sobre diversidade biolóxica, celebrada en decembro de 2016, adoptou a decisión de fomentar a execución de accións que mellorasen a conservación dos polinizadores. Nesta mesma cita, formouse a  Coalición internacional para a conservación dos polinizadores, á que España decidiu adherirse, comprometéndose a tomar unha serie de medidas a través da formación dun Plan Nacional.

Este Plan de acción nacional elabórase en paralelo ós traballos da UE (a Iniciativa para a conservación dos polinizadores) e conterá medidas relativas a mellorar a xestión para reducir os riscos derivados das pragas, patóxenos invasores, evitar e reducir o uso de praguicidas e desenvolver alternativas ó seu uso entre outras.

Este traballo do Ministerio de Medio Ambiente español estará previsiblemente rematado a finais de 2018 e poderemos coñecer con máis detalle cáles son esas medidas e as súas ferramentas de aplicación.

 


Voltar