+ 34 981 508 142

Novas propostas na xornada da Vespa Velutina de Ortigueira

Na xornada sobre a Vespa Velutina que tivo lugar o pasado domingo 26 de xullo en Ortigueira asistiron arredor dun centenar de persoas, o cal é unha boa mostra da preocupación polo asunto.

No encontro fíxose unha análise da situación actual en Galicia. Hai dúas zonas moi infestadas, a Mariña de Lugo e a zona da Coruña (Oleiros, Miño, Sada e Culleredo). Tamén é importante na área de Vigo e algo menos nas Rías Baixas. O caso máis curioso é a área de Mondoñedo onde non atopan nestes intres velutina, cando o ano pasado xa houbo moitas. A Delegación de AGA de Mondoñedo cree que seguramente este é o resultado da súa labor preventiva, coa colocación masiva de trampas na primavera, sendo unha das zonas de Galicia onde máis raíñas se capturaron.

É de destacar tamén o caso do Concello de Oleiros que está facendo unha boa labor, tomando a iniciativa e retirando os niños ás noites por medio de protección civil. Outro dos temas que sairon foi sobre qué facer co problema dos moitos niños que non se avisten, para o cal se propuxo utilizar cámaras térmicas, un chip, etc. Tamén se presentou a idea de usar o vapor de auga para eliminación de niños, que nas probas vai ben e non hai que usar insecticidas: Eliminación de niños de velutina co vapor de auga

Outra novidade interesante foi un traxe para os traballos de retirada de niños, que é bastante máis económico do que se está utilizando. Por último, explicouse en qué consisten as dúas pólizas de seguros contratadas por AGA, unha de accidentes e outra de responsabilidade civil, para as persoas que están facendo as labores de retirar os niños.

Pola tarde o público asistente puido presenciar un simulacro de retirada dun niño, que xa fora destruido, cunha pertega do Concello de Ortigueira. Para rematar a xornada, adicouse un tempo para expoñer as propostas para seguir traballando, que foron as seguintes:

1.- Propoñerlle a Consellería que habilite uns fondos que poidan solicitar os concellos afectados e sexan eles os que eliminen os niños contando cos apicultores. Xa que a eliminación de niños pola empresa encargada pola Xunta resulta ineficaz.

2.- Propoñerlle á Xunta que intensifique a distribución de trampas e atraíntes para colocar xa no outono e na vindeira primavera.

3.- Pedirlle que poñan medios para investigación neste tema, en colaboración con outros organismos, xa que ainda descoñecemos moito sobre a bioloxía e comportamento desta praga.

4.- Preparar e informar sobre a técnica de usar cebos envenenados para que as propias avespas trasladen o venenos ao niño.

A raíz destas propostas, presentouse unha carta na Consellería de Medio Rural informando da situación e solicitando á conselleira realizar unha convocatoria aberta a apicultores, representantes municipais e outros afectados para traballar conxuntamente no control desta praga. Ó mesmo tempo tamén se presentou outra carta no Ministerio a través da Delegación do Goberno de A Coruña, na que se solicita que sexa calificada de utilidade pública a loita contra a praga da vesta asiática e que se axilice todo o posible a dotación económica e de persoal para este fin. Pódense ver as cartas a continuación.

Durante o mes de agosto mantivéronse ademais contactos cos concellos afectados para realizar reunións que terán lugar a última semana de agosto e das que informaremos próximamente.

 

 


Voltar