+ 34 981 508 142

OBSERVATORIO APÍCOLA 2: A SILVA, ESA PLANTA MALDITA

12 de setembro de 2017

Por Suso Asorey

Galicia enteira vai camiño de convertirse nunha silveira, pero ese é o síntoma do abandono do noso medio rural. A miúdo podemos escoitar frases que pretenden xustificar os incendios debido a que nos "comen as silvas". Tamén observamos a grande afección por usar o herbicida  glifosato contra as silvas. Dúas prácticas tremendas  para o noso medio ambiente.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

¿Non sería mellor tratar de verlle o lado positivo a esta planta e aproveitala? ¿Acaso as silvas non ofrecen un bo peche as nosas leiras, en vez de tanto arame de pinchos? As denostadas sebes que foron eliminadas de boa parte do noso territorio coas concentracións parcelarias como síntoma do noso atraso rural, agora están sendo valoradas por varios motivos: favorecen a loita contra o cambio climatico porque fan pantalla  contra os ventos e  o resecamento das terras, serven para aniñar paxaros e fornecen comida para moitos animais. As silvas das sebes pechan leiras e prados, dan flores para as abellas e froitos para os paxaros e humanos, as moras son froitos silvestres que se poden consumir en fresco ou en marmelo con moito aprecio.

Falando de abellas, para as nosas amigas son unha fonte de néctar e pole moi abundante e apreciada a finais da primavera e principios do verán. Das silvas temos unhhas boas colleitas de mel claro e afroitado moi apreciado, temos unha boa oportunidade de colleitar pole de cor verdoso que adoita aparecer mesturado co pole de castiñeiro de cor amarelo. Unha silveira en flor ofrece unha postal florida moi fermosa e unha posibilidade de peche para os nosos apiarios. Cercar os apiarios con sebes é unha práctica moi recomendable, xa que provocamos un microclima favorable para as abellas e o seu manexo por parte do apicultor, favorece que as abellas levanten o voo por enriba da sebe e polo tanto evitamos moitos casos de molestias das abellas aos colindantes, podendo reducir as distancias que marca o Decreto de Explotacións Apícolas de Galicia (339/2009 do 11 de xuño).

A sebe non custa nada e as plantas danse soas. Pero se queremos controlar as silveiras podemos meter cabras para as cales a silva é unha planta apreciada. Cabras, abellas e paxaros poden aproveitarse moi ben das silvas, os apicultores e apicultoras tamén poden obter un lucro. Silvas, abellas, cabras e sebes forman parte da actual moda da economía circular, aproveitemos estes recursos que temos ao noso arredor e deixemos de queimar e envelenar silvas e o noso medio ambiente que é o sustento da nosa saúde polo que deberíamos coidalo.


Voltar