+ 34 981 508 142

OBSERVATORIO APÍCOLA 3: COLLEITA 2017

20 de decembro 2017

Por Xesús Asorey

A colleita deste ano 2017 en xeral é froxa, pero hai unha excepción que é a alta produción de mel de eucalipto como xa facía anos que non había. Pola contra na provincia de Ourense tivemos unha colleita moi raquítica e en Lugo houbo de todo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Climatoloxía

As condicións climáticas deste ano tiveron boa culpa destas baixas colleitas. Na provincia de Ourense se sumamos as xeadas serodias da primavera e a seca do verán temos unha das razóns desta mala colleita.

Como apicultores estamos moi centrados en seleccionar e ter unha super abella. Pero a nosa diferenciase doutras actividades gandeiras, se a climatoloxía non acompaña non podemos arranxar a produción con alimento suplementario. Para que haxa mel ten que haber flores que dean néctar e pole en abundancia.

Cambio climático

Levamos uns anos que observamos que as flores aparecen antes do normal debido ao quentamento climático. Isto vainos obrigar a mudar o manexo das colmeas. O calendario apícola está evolucionando axiña debido a este cambio acelerado, nós teremos que fiar moi fino e adaptarnos.

Tendencias en Galicia

Estamos observando que o País climáticamente se está dividindo en dous, o norte e o sur. De Lalín para abaixo é unha cousa e de Lalín para arriba é outra.

Galicia é un País de microclimas e tamén estamos observando que estes microclimas se están acentuando. Isto explicaría a variación das colleitas apícolas dun lugar a outro próximo.

Haberá algo máis?

No globo terrestre danse durante o ano condicións climáticas moi diferenciadas, resulta que de vez en cando, por exemplo este ano 2017 foi malo en todo o mundo, as colleitas foron moi escasas Galicia pero tamén en Portugal, España, toda Europa e a nivel mundial.

Evolución das colleitas

Ademais do clima hai outros factores que fan que as nosas colleitas van evolucionando á baixa. Na tese doutoral de Abel Yañez (1998)  aparece a cifra de 23 quilos de mel o ano por colmea. Pero na actualidade a produción promedio por colmea cífrase en 15 quilos de mel o ano.

Ademais do cambio climático, tamén temos outros factores como a varroa, a velutina, os insecticidas neonicotinoides, os incendios forestais etc. Todos eles fan que as colleitas mingüen e a saúde das abellas e do medio ambiente tamén.

O futuro

Como profesión a apicultura é unha actividade de alto risco pero nembargantes a apicultura unida a outra actividade coa que se complemente pode ser unha actividade moi interesante para unha vida agradable no medio rural.

Unha explotación de abellas e froiteiras compleméntanse moi ben. Abellas e castañas tamén. Pode haber outra serie de explotacións mixtas onde as abellas encaixan ben e pode ser unha alternativa a unha vida digna no medio rural, nunca pensando en poñerse ricos.

Para outra moita xente, o cultivo das abellas pode significar unha actividade de lecer e autoconsumo da que se pode disfrutar moito.

En calquera caso as abellas son os mellores bioindicadores da degradación medio ambiental á cal lle debemos prestar moita atención, porque as consecuencias desta degradación poden ser imprevisibles.


Voltar