+ 34 981 508 142

Observatorio Apícola 1: O pole apícola

14 de agosto de 2017

Suso Asorey escomenza a publicación de distintos aspectos da nosa apicultura basados na observación propia ou doutros abelleiros/as de confianza. Estes artigos, que levarán por título "Observatorio Apícola", iranse publicando periódicamente na web de AGA.

Observatorio Apícola 1 : O pole apícola

Agosto - 2017

O pole apícola forma parte fundamental da dieta das larvas das abellas que teñen unha idade de entre 3 e 6 días. O pole é a parte proteica da alimentación do enxame, imprescindible para que a colonia produza abundantes abellas e sás, que máis tarde nos darán unha boa colleita de mel.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Á saída do inverno as abellas aproveitan o pole que tiñan almacenado do ano anterior para empezar a criar e ao mesmo tempo van colleitar pole abundante dos salgueiros nabos e eucaliptos do ano, que nos permitirán ter un bo desenvolvemento da colonia na primavera. A continuación, na primavera avanzada e principios do verán temos a silva e os castiñeiros que son especies abundantes e moi xenerosas na produción de pole. En pleno verán, no mes de agosto, atopámonos coa floración do millo que tamén nos ofrece abundante pole, que almacenan nas celas e usan á saída do inverno e escomenzo da vindeira primavera. Outras especies tamén fornecen pole ainda que sexa en menor cantidade.

O exposto anteriormente fainos pensar que en Galicia as nosas abellas non terían falta de pole, polo tanto se fose preciso unha alimentación suplementaria sería suficiente facelo con xaropes azucarados. Iso foi así durante bastante tempo, pero na actualidade as cousas mudaron e xa non podemos falar a nivel Galicia, temos que dividir o noso país entre o norte e o sur e logo aínda teríamos que contemplar os distintos e variados microclimas que se están acentuando por mor do cambio climático.

A  groso modo podemos dicir que na metade norte ainda é así, non hai falta de pole nas colmeas, pero na metade sur pode faltar. Un exemplo é o caso deste ano, en Ourense entre as xiadas primaverais e a sequía do verán, e tendo en conta que  tanto nabos coma millo escasean nesa zona, é probable que sexa convinte alimentar as colmeas con suplementos proteínicos.

Dende a lóxica dos apicultores que queiran producir pole para o mercado, hai que aproveitar o pole de silva e castiñeiro, que ofrecen as ventaxas de proceder de flores silvestres e florecen nunha época do ano que nos permite adicarnos a esta actividade sen perxudicar demasiado o desenvolvemento da colonia. Son poles doados de identificar de cor verdoso (silva) e cor amarelo (castiñeiro) que case sempre aparecen mesturados por superpoñerse as floracións.

Sempre hai apicultores que preguntan que plantas sementar nas leiras abandonadas e que sirvan para alimentar as abellas e case sempre se recomendan sementes de plantas que proporcionan abundante néctar. Pero habería que pensar en sementar nabos que sería unha boa maneira de desenvolver colonias potentes na primavera polo abundante pole amarelo que proporciona e que son doados de cultivar. Desta planta aproveitaríamos tamén os grelos para consumo humano e o nabo para o gando.

Outro cultivo que dá pole agora no tarde, o millo, que se sementa moito onde abunda o gando vacún, ten para os abelleiros un triste recordo xa que do ano 1994 ata o ano 2013 foi o causante dunha enorme desaparición das abellas debido ao pole envelenado polos pesticidas neurotóxicos. Pero despois da moratoria do ano 2013 a situación mellorou, so fai falla que prohiban estes pesticidas definitivamente.

Estes días estamos vendo ás nosas abellas, que están protexidas polo pastor eléctrico contra as velutinas, como están carrexando abundante pole amarelo moi pálido (millo) que permitirá despois da correspondente fermentación láctica criar abundantes abellas para pasar o inverno e arrincar na vindeira primavera da mellor maneira.

 

 


Voltar