+ 34 981 508 142

PRESENTADA A SOLICITUDE DO PLAN APÍCOLA 2015

O 12 de febreiro presentamos na Consellería do Medio Rural a solicitude do Plan Apícola 2015 a nome dos socios e socias de AGA. Foron en total 550 apicultores/as e máis de 37.000 colmeas, o maior número dos últimos anos.

A cera e os fondos solicitados xa se poden recoller en Erica Mel e Apícola Carballal. En vindeiros correos informaremos sobre como facer o pedido dos tratamentos e sobre a porcentaxe definitiva de subvención que terán os materiais e tratamentos. A partir de outubro, cando ingresen a AGA a subvención, faremos a devolución do que lle corresponda a cada socio/a.

Recordamos algunhas cuestións importantes sobre estas axudas:

- Requisitos para acceder ás axudas:

Ter rexistradas as colmeas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014, realizar a declaración censual relativa ao 2014, dispoñer dun seguro como mínimo de responsabilidade civil, realizar o tratamento anual contra a varroa, entregar a documentación solicitada en prazo e recoller e facer o pago dos produtos antes do 1 de agosto do 2015.

- Repartición do orzamento: hai en total 400.000 € para repartir entre as entidades e apicultores solicitantes e nesta orde de prioridade, no caso de que as solicitudes superen o orzamento total: tratamentos contra a varroa (ata un 80 %), contrato do veterinario e un técnico para asistencia técnica aos apicultores/as (ata un 70 %), cera e fondos (ata un 50 %), seguros apícolas (ata un 50 %) e transhumancia (ata un 70 %). Polo tanto, que haxa unha porcentaxe máxima asignada para cada concepto non quere dicir que se conceda integramente. A Consellería comunicará a concesión da axuda e as contías asignadas para cada liña.

- Que solicitar, onde e cando recollelo?

Que? En función das que se teñan declaradas no censo, pódese solicitar por colmea: un tratamento para a varroa, catro láminas de cera, un fondo sanitario e o seguro.

Onde? A cera e os fondos pódense recoller en Erica Mel, en Arzúa, e en Apícola Carballal, en Ourense, indicando no momento da compra que solicita a axuda do Plan Apícola 2015. Non é necesario enviar copia do albarán a AGA. Para os tratamentos para a varroa, antes de xuño enviarase unha circular con información sobre os tratamentos, prazos e forma de pago. No mes de xullo o veterinario fará a rolda de receitas e entrega dos tratamentos por toda Galicia.

Cando? Dende o 1 de febreiro ata o 1 de agosto. As persoas que non teñan albarán de compra do material e receita do tratamento antes desa data non entrarán na subvención.

Importante: Pregamos que os socios e as socias recollan e fagan o pagamento dos seus pedidos nas formas e nos prazos indicados. Do contrario, AGA terá que devolver a parte da subvención que se lle asignou, e isto pode facer que reduzan o importe da subvención en futuras convocatorias.

- Devolución da subvención:

Os socios e as socias que cumpran cos requisitos e fagan o pedido, pago e recollida en prazo recibirán a subvención que lles corresponda en función dos albaráns de compra. Para os que teñan a cota domiciliada farase por transferencia e nos demais casos será por cheque bancario, unha vez que a Consellería lle faga o ingreso a AGA, o cal será aproximadamente no mes de outubro.

 


Voltar