+ 34 981 508 142

PROTECCIÓN DOS COLMEARES POLOS ATAQUES DO OSO

1 de febreiro de 2018

Ante a presenza cada vez máis frecuente dos osos nas montañas orientais de Galicia, a Fundación Oso Pardo vai iniciar o desenvolvemento do proxecto LIFE Oso con financiamento da Unión Europea.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os concellos onde se centra este proxecto son Courel, Quiroga, Samos, Triacastela, Pedrafita  e As Nogais.  O obxectivo é favorecer a coexistencia entre os osos, que chegan cada vez con máis frecuencia a estes concellos, e as persoas que viven ali. En especial vai dirixido aos apicultores e apicultoras, o sector máis afectado pola súa presenza, para tratar de reducir os posibles conflictos e problemas con esta especie. Para isto, unha das accións principais é a repartición de pastores eléctricos para pechar colmeares nas zonas con máis perigo de ataque polo oso, así como colaborar cos apicultores da zona na protección de colmeares, o apoio para o alta de colmeas non rexistradas ou a promoción do mel e os produtos da zona. 

A Asociación Galega de Apicultura, velando polos intereses dos seus socios e socias, promocionará a organización e realización de reunións informativas cos apicultores das zonas nas que se vai desenvolver este proxecto. Por isto dende a AGA convidamos aos socios e socias da zona a solicitar a organización de reunións informativas para o coñecemento do proxecto e así achegar os contidos do programa. As reunións poderán desenvolverse nas vilas e aldeas ao longo dos próximos meses en base ao interese das persoas que as soliciten.

Animamos a vosa participación para que este proxecto sexa coñecido por vós de primeira man e así poder realizar encontros informativos nas zonas de maior interese para os apicultores das zonas da presenza do oso.

Ao longo deste mes iremos informando do  calendario e lugares das reunións que se realizarán para este fin en base as vosas solicitudes.

Para máis información ou solicitar unha reunión poñerse en contacto con AGA.


Voltar