+ 34 981 508 142

Preto de 40 concellos reclamaranlle á Xunta un plan de acción coordinado contra a avespa asiática

8 de outubro de 2015

Nota de prensa do Concello de San Sadurniño na que se publica o documento aprobado por cerca de 40 concellos coas demandas solicitadas á Xunta de Galicia para frear o avance da praga da Vespa Velutina:

San Sadurniño acolleu o pasado 28 de agosto unha xuntanza entre concellos e representantes da AGA co obxectivo de coordinar medidas que freen o avance da avespa asiática. Á reunión asistiron 18 municipios que acordaron elaborar un documento que resumise as principais demandas e ao que puidesen sumarse no futuro outros consistorios. Nas últimas semanas fixérono cerca de 40, desde Ribadeo ata Muros, e cada día están chegando comunicacións novas a favor dunha postura común na batalla contra a velutina. Unha batalla que pasaría en primeiro lugar por manter un encontro urxente con Medio Rural -solicitado xa en xuño pola AGA- para levar adiante 15 medidas que axuden a combater a praga e a mellorar a xestión do seu control.

Na convocatoria de agosto quedou patente que a invasión da avespa asiática era xa un problema de primeira orde. As velutinas están dezmando colmeares enteiros, atácanlle á froita e, durante este verán, multiplicáronse as alertas por niños en zonas poboadas, mesmo en cidades. Porén, a reunión tamén serviu para por de manifesto que a xestión que está facendo a Xunta -a través de Tragsatec- non está sendo a axeitada. 

Unha das cuestións máis criticadas é que se estean retirando colonias a plena luz do día, cando o protocolo de actuación do Ministerio de Medio Ambiente indica que esta operación debe facerse nos momentos de menor actividade, é dicir, despois do anoitecer ou antes do amencer. De feito, tal e como se asegurou no encontro municipal, a Xunta tería revisado e modificado recentemente o texto do protocolo deixando ese punto como unha posibilidade e non como algo obrigatorio para evitar a diseminación das colonias.

Esa é a principal proposta que os concellos lle queren expoñer á Xunta por medio dunha reunión a tres bandas na que participe tamén a Asociación Galega de Apicultura. A propia AGA solicitou a xuntanza con Medio Rural antes do verán sen obter resposta ata o momento. Agora serán os municipios quen a pidan en grupo co obxectivo de forzar o debate co goberno autonómico sobre o funcionamento do plan de combate actual e sobre as medidas que se deberían tomar desde xa mesmo.

A xuízo dos concellos asinantes da petición -arredor de medio cento a día de hoxe-, a loita contra a praga e o control da súa expansión polo territorio deberían sosterse nos seguintes aspectos:

-A rectificación do protocolo da Xunta para que as retiradas se fagan só de noite e que a empresa pública Tragsatec axeite os seus horarios de traballo a esa necesidade.

-Que o protocolo busque a erradicación efectiva das avespas, que nel se recolla explicitamente a "necesaria" colaboración entre administracións e que a loita se sosteña en métodos "ambientalmente sustentables".

-En relación coas alertas proponse reducir a burocracia derivada de chamar ao 012 para dar un aviso de presenza de velutina, así como o cumprimento do prazo máximo de resposta, establecido no protocolo autonómico nun tempo "nunca superior a 24 horas" cando se trate de casos que causen alarma social. No resto dos casos o protocolo di que as retiradas se programarán "cun tempo de resposta non superior a unha semana".

-Por outra banda, os concellos tamén queren que a Xunta informe periodicamente sobre os efectos da praga, dando conta do número de niños detectados e retirados, o número de municipios afectados, a cantidade de picadas atendidas polo SERGAS ou o nivel de impacto da velutina na apicultura, na fructiculutra e na explotación forestal.

-No tocante aos prexuízos para a gandeiría apícola, na xuntanza tamén se quere poñer enriba da mesa o incremento das axudas e a creación de liñas de subvención destinadas a cubrir os custes do traslado de colmeas a áreas libres da praga ou mesmo compensacións pola perda de enxames. Un esforzo orzamentario que, tal e como sinalan os municipios, deberían proceder de fondos europeos do FEADER.

-As propostas dos concellos tamén reflicten a necesidade de desenvolver campañas divulgativas e de concienciación, sobre todo á hora de recabar a colaboración cidadá na detección de niños primarios durante a primavera. E é que a experiencia acumulada nos últimos anos apunta a que, posiblemente, a loita máis efectiva é a preventiva. Así proponse o reparto de 4.000 novos trampas e 64.000 doses de atraentes. Aconséllase empregar as trampas só na primavera e no outono. Durante o verán -momento en que a velutina é máis activa- a protección dos colmeares e hortas de froiteiras apoiaríase co uso de substancias antiqueratinizantes de baixa toxicidade que fagan inviables os niños cortando o ciclo de cría.

-Na liña da colaboración entre administracións, desde os concellos -como administracións máis próximas á cidadanía- pedirase financiamento, medios e formación para retirar niños que xeren problemas de seguridade cidadá. Os equipos de actuación, que poderían ser de ámbito comarcal, deberán contar con equipamento e coñecementos, traballar en colaboración cos abelleiros e acabar cos niños con produtos coma o vapor de auga ou o gas sulfuroso no canto dos insecticidas.

-Por último, todas as medidas propostas deben ir acompañadas dun programa de seguimento e de avaliación das medidas preventivas co obxectivo de ver a súa eficacia. Un seguimento que debe levar aparellados máis recursos para a investigación de novos métodos de prevención e control. Tal e como sinalan os concellos e a AGA a investigación "debe facerse coa colaboración entre a Xunta e as universidades", para a que tamén se debe "procurar ter acceso a fontes de financiamento comunitarias". 

O Concello de San Sadurniño está recibindo estes días cartas de adhesión ao documento de base acordado en agosto. Ata o momento son cerca de 40 concellos dun arco que abrangue, principalmente, toda a costa das provincias de Lugo e A Coruña, desde Ribadeo ata Muros. Segundo o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela,"hai municipios que non participaron no encontro de finais de agosto pero que comunicaron o seu apoio a esta iniciativa, incluso ofrecéndose a asistir á xuntanza con Medio Rural. Agardamos que en poucos días cheguemos ao medio cento de adhesións". 

Varela considera "fundamental" a reunión co goberno galego e agarda que se produza "o antes posible" posto que, segundo asegura, "as avespas non esperan por ninguén, debemos coordinar a loita desde xa mesmo e con medidas efectivas". Sobre o papel que deberían desempeñar os concellos nesta loita, o edil cínguese ao acordado en agosto: "os concellos e os apicultores imos poñer todo da nosa parte para solucionar o problema, pero hai que ter moi en conta que é a Xunta de Galicia quen ten as competencias en materia de Medio Ambiente".

Descargar documento coas propostas dos concellos e AGA.


Voltar