+ 34 981 508 142

RESUMO PALESTRAS DÍA DO APICULTOR 2018

26 de febreiro de 2018

O trampeo de raíñas como medida preventiva é o mellor sistema na actualidade para loitar contra o tártago asiático. Para protexer as colmeas a trampa eléctrica é un método eficaz e selectivo. A implicación das administracións conséguese grazas á unión dos sectores afectados a través das Plataformas Stop Velutina. Estas son as principais ideas trasladadas o pasado 17 de febreiro en Arzúa no Día do Apicultor ós centos de abelleiros e abelleiras que alí se concentraron para informarse sobre a loita contra a Vespa velutina.

Damos a nosa gratitude a todas as persoas que colaboraron para a realización da xornada : relatores, expositores, empresas, persoal traballador e a todos os apicultores e apicultoras que se achegaron ese día masivamente a Arzúa para amosar a preocupación sobre este grave problema que afecta hoxe a apicultura e aprender a enfrontarse a el de maneira efectiva.

A continuación, un resumo das charlas e imaxes da xornada.

Ver album de imaxes da xornada

 

Loita contra a Vespa velutina en Francia

 

O actual presidente de AGA, Xosé Torres, presentou un relatorio sobre a situación actual da praga do tártago asiático e os principais métodos de loita utilizados en Francia, en representación de Loïc Leray, vicepresidente da Unión Nacional de Apicultura Francesa-UNAF. Por motivos de saúde, o apicultor francés non puido asistir tal como estaba previsto, pero enviounos unha completa información sobre o tema, que traduciu e expuxo o noso presidente ante un numeroso e interesado público. Para comezar a súa intervención, Xosé Torres introduciu o debate sobre as diferentes formas de denominación deste insecto invasor. Insistiu na obriga de darlle o nome correcto lingüisticamente e que describa ademais a gravidade do problema. Os termos «tártago asiático» ou «tártago de patas amarelas» serían as formas máis axeitadas.

Para realizar esta exposición, Xosé Torres apoiouse nun documento publicado pola asociación francesa na revista Abeilles et fleurs en marzo do 2017, con completa información recollida durante os doce anos que o tártago asiático leva colonizando practicamente toda Francia.  O documento explica que a ausencia de depredadores e o gran poder reprodutivo favoreceron esta rápida expansión, xunto coa tardía actuación dos poderes públicos, que apoiándose en criterios como a elevada mortaldade das raíñas que hibernan ou considerando só o trampeo nas proximidades dos apiarios, non lle deron a importancia necesaria. Esta praga supón un perigo para as abellas, os polinizadores e tamén para as persoas. Facer da destrución de niños a prioridade da loita é un fracaso. O trampeo de raíñas en determinados períodos e a través de varios sectores, non só o apícola, e a localización dos niños primarios son as mellores medidas para combater esta praga. Analizando os estragos que provocan nas colmeas, destaca o feito de que o tártago ataca primeiro as colmeas débiles e os apiarios pequenos. Ademais, parece que prefiren o ámbito urbano debido a unhas condicións de clima máis favorables, o uso de menos químicos que no campo, a existencia de moitos puntos de auga e abrigos para protexerse. Pero non son só as abellas as afectadas, senón que, en xeral, a biodiversidade, tanto de insectos como da fauna que se alimenta deles, e tamén as persoas.

Sobre as solucións ante esta situación, dende a UNAF destacan como máis efectivas o trampeo primaveral e a deslocalización a partir de agosto das colmeas. A regulación legal da problemática polo Estado francés está moi lonxe das necesidades reais para obter resultados, pero o feito de que estea considerado agora pola Unión Europea  como especie exótica invasora poderá mellorar a situación. As esixencias da UNAF perante a administración baséanse no establecemento dun plan de control obrigatorio validado tamén polo sector apícola, a existencia dun soporte financeiro estatal para a destrución dos niños, a autorización para utilizar SO2 na  súa eliminación, recoñecemento da captura primaveral de raíñas como medida de control e as feromonas como prioridade na investigación.

O trampeo debe ser xeneralizado, pois realizado a nivel individual é insuficiente , e controlado a través dunha normativa que asegure un correcto uso. Non hai estudos sobre o impacto do tártago de patas amarelas nas especies locais, pero as observacións realizadas pola UNAF amosan que o impacto deste seguramente é moito maior que o provocado polo trampeo. En febreiro, comezan a aparecer as primeiras fundadoras, polo que convén colocar trampas próximas ós antigos niños. A primavera é a fase clave para atrapar as raíñas e romper o ciclo de colonización, así como localizar os niños primarios para a súa destrución. No verán aparecen os niños secundarios e o trampeo dificúltase, xa que a Vespa velutina vai en busca de proteína e o atraente azucrado xa non resulta efectivo. No outono volve ser eficaz o trampeo para reducir a presión nas colmeas e atrapar novamente as raíñas. Coa caída da folla pódense localizar os niños que convén destruír inmediatamente ou, se non é posible, trampear nas súas proximidades. No inverno non é conveniente trampear se non hai presenza de tártagos nas colmeas, xa que pode ser prexudicial para outros insectos.

En canto á protección dos apiarios hai moitos sistemas, con resultados variables. Pola experiencia da UNAF, o máis efectivo e selectivo é colocar un caldeiro preto das colmeas con atraente no seu interior e cunha saída para insectos pequenos. Ademais, resulta imprescindible colocar redutores nas biqueiras das colmeas a partir de agosto.

Para rematar, o presidente de AGA comentou un artigo sobre o investigador Eric Darrouzet, da Universidade de Tours, que opina que tanto a retirada de niños como o trampeo son métodos necesarios e complementarios. En concreto sobre o trampeo, Darrouzet advirte de que non se debe realizar o trampeo sen tomar algunhas medidas para mellorar a selectividade. Están estudando trampas a base de feromonas pero desgraciadamente a investigación é demasiado lenta e non hai ningún resultado concreto neste momento. Ante a pregunta de se pensa que as nosas abellas poderán cambiar o seu comportamento e aprender a loitar contra esta especie invasora, Darrouzet respondeu que é pouco probable que nun futuro próximo as abellas desenvolvan estratexias de control efectivas, polo que a idea é que sexan as persoas as que deben permanecer activas na protección das abellas.

 

Percorrido da Plataforma STOP Velutina -Galicia, traballo e expectativas

 

Laura García Sáez, asesora xurídica de AGA e representante da Plataforma Stop Velutina-Galicia explicou o percorrido e os traballos realizados por esta plataforma, que naceu en abril do 2017 con trinta asociacións integrantes e na actualidade conta xa con cincuenta. Destacou a importancia da cualificación por parte da plataforma da Vespa velutina como especie exótica invasora e na forte repercusión mediática dos seus comunicados e accións como medida de presión, así como tamén a través dos múltiples requirimentos e preguntas trasladadas ó Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente e Alimentación (MAPAMA) e ás Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente en Galicia, e tamén ós grupos parlamentarios galegos e do Congreso dos Deputados en Madrid. As preguntas ían dirixidas a comprobar as estratexias do Goberno para a loita contra o tártago asiático, datos sobre as perdas ocasionadas, cal é a coordinación coas comunidades autónomas ou se van integrar o sector apícola nas comisión de seguimento. Ata agora as respostas foron tardías e con pouca información relevante. En concreto, queda de manifesto que o MAPAMA deixa todo en mans das autonomías, e cada unha delas actúa dunha forma distinta, polo que non hai unha estratexia definida e clara para atacar o problema. Aínda que lenta, a loita institucional vai acadando algúns resultados. Así, por exemplo, debido á constante presión das organizacións da Cornixa, o MAPAMA informou que ten prevista a modificación da Estrategia de gestión sobre el avispón asiático para finais do 2018, co fin de a executar no 2019. Ben que a Administración galega aínda non o fixo, as Plataformas Stop Velutina-Cantabria e Asturias conseguiron que as súas respectivas comunidades se coordinen para esixir ó Ministerio unha estratexia común a nivel nacional.

O debate chegou tamén ó Parlamento de Galicia no último pleno do ano 2017. Alí trasladáronse as reivindicacións das plataformas: partida orzamentaria única, trampeo primaveral masivo, novas liñas de investigación, integración da Plataforma na Comisión de seguimento e establecer un sistema de axudas e indemnizacións. Foi presentada exactamente igual por todos os grupos parlamentarios por separado, baseándose na proposta elaborada pola Plataforma. Mais a pesar da unión de todos os grupos neste asunto, o Partido Popular votou en contra a todo, alegando que xa están facendo todo o posible.

De cara ó 2018 as liñas de loita van dirixidas a estudar a modificación da Estratexia de xestión do Ministerio, ver cales son os novos métodos e medidas que incluirán, continuar coa coordinación entre as plataformas da Cornixa Cantábrica e presionar dende a unión de todas elas. Tamén se estudará a posibilidade de realizar unha proposición non de lei no Congreso dos Deputados, de xeito similar á realizada en Galicia. Laura García rematou a súa intervención asegurando que é un bo momento para facer propostas e que é preciso continuar coa loita institucional, xa que as Plataformas Stop Velutina están fortes e medrando.

 

Plataforma Stop Velutina-Cantabria

 

Carlos Valcuende, presidente da Confederación en Defensa da Abella na Cornixa Cantábrica (CODACC), comezou expoñendo o traballo que leva realizado este colectivo na loita contra o tártago asiático, chegando ata a creación da Plataforma Stop Velutina-Cantabria, que se presentou con motivo da chegada da Marcha Stop Velutina a Torrelavega o pasado mes de outubro. Integran a Plataforma cántabra todas as asociacións apícolas da comunidade, xunto con varios sindicatos e asociacións ecoloxistas. A maior reivindicación na que queren enfatizar é sacar o sector apícola como único afectado por este problema, que debe ser enfocado como un problema medioambiental e de seguridade cidadá, e que, polo tanto, afecta moitos sectores e toda a cidadanía. As primeiras accións de Stop Velutina-Cantabria foron entregar un documento coas reivindicacións, que se basean no mesmo documento da Plataforma galega, tanto ó Goberno autonómico coma ó MAPAMA, ó cal aínda non contestaron. Pero en novembro asistiron a unha reunión coa Consellería de Medio Rural de Cantabria con resultados favorables.

Os obxectivos conseguidos ata o momento foron, en primeiro lugar, unha axuda de 100.000 € por parte do Goberno cántabro para a realización do trampeo nos concellos. Tamén están logrando unha maior implicación destes, a través das asociacións que presentaron mocións en 75 concellos dos 102 que forman a Comunidade cántabra. Tamén conseguiron ampliar o trampeo dende o mes de febreiro ata xuño, de aplicación en todas as explotacións agropecuarias, xa que antes eran só as apícolas, e agora outras explotacións poden practicalo, xunto cos concellos. A Plataforma Stop Velutina-Cantabria forma parte do Grupo de seguimento establecido en Cantabria e asisten a reunións periódicas convocadas por este. Tamén está previsto que o Goberno publique un folleto co fin de divulgar na sociedade o problema e a realización dunha xornada de sensibilización. En investigación, en cambio, non conseguiron ningunha mellora por falta de orzamento, segundo explicaron dende o Goberno. Permanecen en contacto coa Federación de Municipios de Cantabria para a difusión da información e están agora en plena campaña de concienciación cidadá a través dos medios e ofrecendo charlas e obradoiros, nos que fan énfase na busca dos niños primarios por parte da poboación.

 

Plataforma Stop Velutina-Asturias

 

Santiago Menéndez, da Federación de Asociacións de Apicultores do Principado de Asturias (FAPI), representou a Plataforma Stop Velutina-Asturias, que tamén foi presentada ó igual que a cántabra no mes de outubro do ano pasado en Torrelavega. A Plataforma asturiana está integrada polas organizacións apícolas FAPI e ADAPAS, Ecoloxistas en Acción, varias cooperativas apícolas, escolas, sindicatos e empresas de diferentes sectores. Comentou Menéndez que ata que non apareceu a Vespa velutina na zona centro da comunidade, nin as autoridades nin os medios se preocuparon polo problema. Ante a pasividade do conselleiro de Medio Ambiente de Asturias, que aínda hoxe en día afirma que o orzamento para a loita contra a Vespa velutina en Asturias é cero, o traballo actual da Plataforma está centrado en presionar o Goberno asturiano a través dos concellos, que aproban nos plenos instar o Goberno a dotar dun presuposto para afrontar este problema, e dirixirse directamente ós grupos políticos do Parlamento asturiano.  Dende esta plataforma critican que realizar o trampeo sexa complicado, por motivos legais e burocráticos, e que non se poida realizar de forma masiva. Neste sentido, esixen que se facilite o trampeo, habilitar un centro xestor coordinado por SERPA, empresa encargada de subministrar servizos públicos en Asturias, e poñer en marcha unha aplicación móbil para recibir avisos e informar sobre onde, quen e como trampear. Como protesta ante a pasividade amosada ata o momento polo Goberno asturiano, anunciaron ademais que levarán a cabo movilizacións nos próximos días.

 

Escola Galega de Apicultura e programa formación AGA 2018

Paula Souto presentou o programa de formación para o 2018 con algunhas novidades na organización e nos contidos. A información detallada sairá publicada nun Correo Apícola no mes de marzo.

O programa de formación este ano está estruturado en tres grandes bloques: cursos básicos, de especialización e formación das DAGAs.

Os cursos básicos seguirán o mesmo modelo que anos anteriores, de fin de semana, con teoría e práctica e de balde para os socios e as socias. Dende AGA queremos ofrecer estes cursos á demanda, que sexan os propios socios e socias, os concellos ou as asociacións que queiran colaborar na organización dun curso os que os soliciten á asociación. De momento, hai programados doce (12) cursos repartidos polas catro provincias galegas.

Os cursos de especialización van dirixidos a tratar temas específicos de xeito máis profundo, dende a apicultura profesional á de autoconsumo, así como outros aspectos distintos da produción, como pode ser a comercialización, a divulgación, o apiturismo, a apiterapia, etc. Esta formación especializada impartirase dende centros de referencia, da man de profesionais con experiencia no sector. Este ano os cursos de especialización que ofreceremos son:

  • Curso de Apicultura Comercial, na Escola Galega de Apicultura-EGA en Allariz, durante tres fins de semana nos meses de abril e maio.
  • Curso de Apicultura de Lecer e Autoconsumo, na Casa das Abellas en Abegondo, durante os sábados do mes de xuño.
  • Cursos de Reprodución e Cría de Abellas Nais, en Abella Meiga (Outeiro de Rei-Lugo) e Apilarouco (Cualedro-Ourense). Nestes centros ofreceranse varios tipos de cursos: xornadas prácticas, visitas técnicas, cursos superiores, etc.
  • Actividades apícolas nos Ancares e Courel na primavera

A formación das DAGAs son os cursos ofrecidos dende as delegacións comarcais, que teñen o obxectivo de cubrir as necesidades formativas específicas de cada zona. Son os propios socios e socias os que os solicitan e organizan, coa colaboración de AGA. Este ano hai unha ampla oferta formativa nas DAGAs, dende cursos de iniciación, xornadas prácticas sobre reprodución do apiario, cría de raíñas, recolección e uso dos própoles e outros temas.

 

A continuación, Suso Asorey, asesor de AGA, presentou a recentemente creada Escola Galega de Apicultura. Esta escola terá a sede en Allariz e funcionará cun convenio  de colaboración coa Fundación Ramón González Ferreiro e o Concello de Allariz. Este ano na EGA terá lugar o «Curso de Apicultura Comercial», que ten como obxectivos crear grupos para produción e comercialización, de xeito organizado, de produtos das abellas que teñen demanda no mercado e contan cun valor comercial engadido. Vai dirixido a apicultores e apicultoras con formación teórica e práctica en apicultura e que queren incrementar os ingresos por esta actividade, a formar e reciclar técnicos que se dedican ou queiran dedicarse á formación apícola e a comercializadores de produtos abelleiros. Será un curso moi completo, con vinte e seis (26) relatores, que falarán sobre produción e comercialización de mel ecolóxico, pole, Mel de Galicia, meles crema e outros temas como lexislación, axudas, trazabilidade e boas prácticas apícolas.

 

Plan Apícola 2018

 

O veterinario de AGA Gonzalo Calvo anunciou que o Plan Apícola 2018 sairá no prazo dun mes aproximadamente, e explicou os requisitos para acceder a estas axudas: realizar a actualización do caderno do REGA na Oficina Agraria antes do 1 de marzo, ter un seguro de colmeas e entregar a folla nº 1 ou a seguinte, onde figure o selo de actualización do 2018, e a folla nº 4, onde figuran os datos do titular. Este ano poderán optar ás axudas as explotacións rexistradas con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2018. Antes requiríase un ano de antigüidade no censo, e agora xa non é necesario. Ademais, este ano, xunto coa solicitude de material, hai que achegar o xustificante de pago del, para evitar que os socios pidan material e despois non o merquen, o cal supoñía un problema á hora de xustificar o gasto para recibir a subvención. Tamén incidiu no feito de que ultimamente están realizando inspeccións por parte da Xunta para comprobar o correcto uso da subvención, e que os socios e as socias teñen que saber que o Plan Apícola financia o servizo do veterinario e dun técnico da asociación, e, polo tanto, as consultas (en persoa, telefónicas ou por email), os trámites, as receitas de tratamento e formación ofrecida polo veterinario e unha parte dos técnicos de AGA son grazas ó Plan Apícola. Polo tanto, nas inspeccións débese sinalar que si que se recibe asesoramento por parte de AGA a través do Plan Apícola, pois do contrario poderían sancionar a asociación e devolver parte da subvención concedida.

O veterinario tamén explicou que nos próximos días se vai facer a repartición de trampas e atraentes para a campaña primaveral de captura de raíñas de Vespa velutina. Este ano repartiranse integramente dende as oficinas agrarias en todos os concellos que tivesen presenza de Vespa velutina constatada polos servizos oficiais no ano 2017. Nos concellos onde xa se repartiron trampas o ano pasado, este ano só darán atraentes. Ademais, para esta campaña entregaranse dous tipos de atraentes, Vetopharma ou Avispaclac, en función da temperatura media de cada concello, pois parece que a efectividade do atraente varía en función deste parámetro.

 

A eficacia da trampa eléctrica contra a Vespa velutina

 

Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo e socia de AGA, expuxo o traballo de investigación realizado sobre a trampa eléctrica para comprobar se son máis efectivas e selectivas que outros tipos de trampas. Para isto, fixeron probas en dez apiarios do Valmiñor de 8 e 10 colmeas cada un, cunha contaxe de insectos e un vídeo de observación. Os datos amosaron que o 68 % dos insectos atrapados eran Vespa velutina. A trampa reduciu o número de velutinas cazando nas colmeas, e observouse que o espazo de protección ofrecido por este mecanismo chega ata 5 m a cada lado del. Para rematar, a investigadora indicou algúns aspectos que hai que ter en conta para obter unha maior efectividade: usar despois da primavera, cambiar a disposición das trampas e utilizar mallas que obriguen ó paso das velutinas. Sobre o momento de comezar a utilizar as trampas nos apiarios, un dos asistentes fixo unha observación na que mencionaba que non é axeitado colocalas na primavera polo risco de que atrapen raíñas de abellas.

 

Seguidamente, os diferentes fabricantes de trampas eléctricas presentes na exposición que estivo aberta ó público durante toda a xornada na aula do centro do Queixo e do Mel fixeron unha breve presentación do seu dispositivo. Fernando Cores presentou o seu modelo de dispositivo de alimentación a base de placas solares creado polos compañeiros de DAGA-Ferrolterra, Óscar Abad e Fixo, que AGA divulgou a través do Caderno de construción da trampa eléctrica no verán do 2017. Dieter Boisits, representando a empresa Vel-Zapper, presentou varios modelos dun sistema de alimentación da trampa. Pastores Zagal explicou o funcionamento e a eficacia dun pastor eléctrico adaptado á Vespa velutina. Pablo Freire comentou a súa experiencia con este sistema, que el fabrica tamén a partir do deseño divulgado por AGA. Ramiro Freire expuxo algunhas ideas sobre como utilizar este mecanismo para que aumente a eficacia. E Eugenio Pichel presentou un novo modelo de trampa con algunhas incorporacións novas, co obxecto de que sirva non só como protección das colmeas senón tamén como trampa selectiva, substituíndo as trampas convencionais de atraente (comerciais ou caseiras).

 

Asemblea Xeral de AGA

 

Despois do relatorio das actividades realizadas no 2017 e a exposición do estado de contas da asociación, que está accesible na sede de AGA para calquera socio ou socia que o solicite, tivo lugar a elección da nova directiva.

Xosé Torres presentou a súa candidatura como presidente de AGA xunto co resto da directiva proposta. A seguir, expuxo o programa para o 2018 e a tesoureira Paula Souto presentou o orzamento, no que se propuxo a realización dunha publicación especial Abelleira sobre o tártago asiático e un vídeo divulgativo, que será custeado co beneficio resultante do ano 2017 de 31.000 €. A Asemblea Xeral aprobou a elección da nova directiva, xunto co programa e orzamento presentado, que quedou conformada por:

Presidente: Xosé Torres Romar, Pontevedra-Santiago.

Vicepresidente: Manuel Gutiérrez Saavedra. A Coruña.

Secretario: Miguel Méndez, Vedra.

Tesoureira: Paula Souto Fandiño, Ordes.

Vogais: Dulce María Barro Fernández, Lugo, e Perfecto García Gonzalez, Ourense.

 

 

Xantar abelleiro e outras actividades da xornada

A «pulpeira» de Santa María, que acolleu este ano tamén as charlas do Día do Apicultor nas súas instalacións, abriu como un día de feira e os asistentes da xornada puideron gozar do tradicional polbo á feira, carne ó caldeiro e queixo de Arzúa co mel da Cooperativa Erica Mel.

Durante todo o día, a feira situada na nave de Erica Mel, na que participaron a Cooperativa Erica Mel, Macmel, Lyson, Apícola Carballal, Ángel Romero, Anel, Hayedo-Laboratorios Calier e Celso Cadahía, ofreceu ó público unha ampla e variada oferta de material.

 

Na aula do Centro do Queixo e do Mel houbo varios expositores de trampas eléctricas (arpas e mecanismos de de alimentación), a maioría socios de AGA e algunha empresa especializada, con moita afluencia de público interesado.

 

A xente miúda tamén puido desfrutar da xornada nun espazo no que realizaron distintas actividades e xogos sobre as abellas e os seus extraordinarios produtos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Voltar