+ 34 981 508 142

Resume charlas Día do Apicultor 2017

02 de marzo de 2017

O Día do Apicultor celebrado en Arzúa o pasado 11 de febreiro destacou pola numerosa asistencia de público nas charlas de variada temática, que a continuación explicaremos con detalle. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A necesidade de atopar sistemas de protección das colmeas contra o tártago asiático (Vespa velutina) foi o tema central da xornada. AGA anunciou a constitución dun grupo de innovación con socios que están desenvolvendo varias modalidades de arpa eléctrica. As diferentes experiencias con este aparato foron presentadas na xornada e amosaron a súa efectividade na reducción da presión que sufren as abellas durante o verán, cando son atacadas masivamente pola Vespa velutina.

A Apiexpo, aberta ó público durante toda a xornada, contou coa participación de dúas importantes firmas de material apícola, Lyson de Polonia e Anel de Grecia, ademais do material de Erica Mel como tódolos anos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Houbo tamén espazo para a innovación coa presentación de Autoframe, a colmea de extracción automática de mel, que causou moita curiosidade entre os asistentes. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E aproveitando a xornada, AGA comezou co reparto das máis de 2.000 trampas e atraentes contra a velutina, entregadas pola Consellería de Medio Rural para a campaña primaveral de captura de raíñas fundadoras.

 

Manexo das colmeas sen tratamentos

A primeira das charlas da mañán foi a cargo de Xosé Manuel Durán, técnico da asociación APEGA (Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia) e socio de AGA, quen explicou unha técnica de manexo de colmeas sen tratamentos, intervindo o mínimo posible na vida das abellas.

Durán comezou cun resume do que coñecemos como apicultura moderna, que calificou de racional, e as consecuencias negativas que según él conleva a súa práctica: as pestes, dende a varroa, pasando polos neurotóxicos ata a velutina. Somos os humanos e o modelo actual de apicultura os que estamos debilitando o sistema inmune das abellas,  incluso coas mesmas solucións que ofrecemos ante os problemas. Fronte a esta situación, o técnico de APEGA lanzou a pregunta "¿Somos capaces de mellorar a natureza?" incitando á reflexión do público.

Para entender os fundamentos do manexo apícola sen tratamentos, Durán explicou a importancia de considerar o enxame como un ser vivo, as abellas células especializadas e coñecer os dous elementos claves nos que se basa a saúde do enxame: a temperatura e a cera. A parte máis interna da colmea, ó que chamou núcleo vital, mantense a unha temperatura constante de 35 ºC, para o cal as abellas invirten as 2/3 partes de toda a materia prima que recollen. Se unha colmea transformase en mel todo o néctar recollido obtería 300 Kg, dos cales 200 irían para xerar calor. A temperatura entón ten un custe elevadísimo pero necesario, do contrario as abellas non invertirían tantos recursos niso. Outro factor clave é o panal de cera, que dentro do ser vivo "enxame" sería un órgano máis. Ó igual que a temperatura, a inversión en construír os panais é elevada. Para un kilo de cera precísanse 7,5 kg de mel e unha abella tarda 4 minutos en producir unha escama de cera. Se as abellas puideran prescindir da cera ¿invertirían tanto tempo e esforzo?, preguntou. A cera é refuxio, almacén, zona de produción, incubadora, base de comunicacións a través das vibracións, almacén de información, é única para cada colmea e a primeira liña de defensa contra os patóxenos.

Con toda esta información, Durán explicou que deberíamos dubidar máis á hora de visitar as colmeas e respetar ó enxame como ser vivo, enfatizando en que os humanos non podemos superar ás abellas. Para levar estas ideas á práctica podemos volver ós trobos, á colmea tradicional, co inconvinte que supón a escasa produción de mel, ou aproveitar os coñecementos actuais para que a apicultura poida ser unha actividade produtiva, chegando a un consenso entre o natural e o productivo, que sería no que se basa o sistema de manexo que propoñen dende APEGA. Técnicamente consiste na disposición quente dos cadros da colmea, por un lado, para facilitar o mantemento da temperatura no núcleo vital. Os cadros estarían colocados de forma que os pasillos sexan paralelos á biqueira evitando as correntes de aire hacia o núcleo vital e axudando así a manter a temperatura interior. Por outro lado é indispensable que polo menos na cámara de cría as abellas fagan a súa propia cera. A cámara de cría estaría formada por dúas alzas, na superior colócanse 10 ou incluso 11 cadros cunha tira de cera e a inferior déixase baleira. Cando as abellas fan a súa propia cera, tenden a facer máis celdas de zángano, pero iso é positivo porque os zánganos son máis débiles e funcionan como atraentes das enfermidades, evitando que éstas vaian para as celdas de cría de abella. Cando esta cría está enferma as abellas limpan as celdas e elimínanas. Según Durán, a experiencia deste tipo de manexo que están practicando os socios e socias de APEGA, cun control riguroso do nivel de varroa realizado polo propio apicultor e supervisado por un veterinario, está demostrando que as colmeas están sas e fortes e non precisan de tratamentos contra a varroa.

 


Regulación da problemática da Vespa velutina. Quen ten competencia no tema? Axudas actuais e futuras

Laura García Saez, asesora xurídica de AGA, expuxo detalladamente cales son as dúas vías que existen para a regulación da problemática da Vespa velutina e así identificar quen ten a competencia sobre a materia. A primeira vía considera o tártago asiático como especie exótica invasora. O RD 630/2013 inclúe a Vespa velutina no catálogo de especies exóticas invasoras e polo tanto a competencia recae sobre Medio Ambiente. O artigo 16 do citado decreto obriga á administración a establecer medidas para controlar esta invasión e a Unión Europea ademais está enfatizando o consideración deste insecto como especie invasora, o cal xa é un factor a favor á hora de presionar á administración para que actúe.

A segunda vía calificaría a invasión da velutina como unha enfermidade animal, argumentando os graves problemas que causa na apicultura. Neste caso a competencia recaería en Medio Rural, que tería a obriga de aplicar un programa de vixilancia e de erradicación según o RD 608/2006. Pero esta especie non está incluida de momento como enfermidade animal, tería que ser declarado como tal por un organismo específico da Unión Europea a petición dalgún dos países membros. Para iso os apicultores que sufriran mortandade ou danos nas colmeas pola velutina terían que comunicalo ós servizos veterinarios oficiais, quenes terían que emitir certificados ante a administración. Estes trámites serían longos e costosos, polo tanto a asesora de AGA opina que é máis doado e eficaz considerar a Vespa velutina como especie exótica invasora e continuar a loita a través dos organismos competentes en Medio Ambiente.

Recentemente AGA mantivo unha reunión coa Comisión de Agricultura do Parlamento Galego, na que trasladaron as seguintes reivindicacións sobre a problemática:

1. A competencia debe recaer sobre un organismo único que permita entre outras cousas unha comunicación máis fluida con tódalas partes afectadas. Actualmente a competencia está en tres consellerías: Medio Rural, Medio Ambiente e Presidencia.

2. Elaborar e facer público un orzamento específico.

3. Continuar co trampeo primaveral preventivo.

4. Verificar a funcionalidade de Tragsa como empresa contratada pola administración para a retirada de niños.

5. Realizar accións formativas e convenios coas universidades e centros de investigación.

6. Integrar a AGA na comisión de seguimento

Respecto a esta última proposta, AGA solicitou entrar na comisión de seguimento varias veces pero todavía non está incluida. A comisión está formada actualmente pola Xunta e a Fegamp e Laura García insistiu en que é necesario que estén tamén as asociacións apícolas, xa que é o sector máis afectado e ten moita información útil sobre o tema. A raíz dunha petición de AGA, a comisión recentemente acordou realizar a adquisición de 5000 trampas cos seus respectivos atraíntes para repartir de forma gratuita ós apicultores/as, dende as oficinas agrarias e asociacións. AGA recibiu algo máis de 2000, que xa comezou a repartir durante o Día do Apicultor. En canto á retirada de niños, AGA propúxolle á FEGAMP que faga unha campaña de adhesión de concellos, pois estase demostrando que esta labor é máis efectiva a través do convenio de colaboración coa Xunta e a FEGAMP que a través de Tragsa.

Dentro do orzamento específico para o problema do tártago asiático, que foi solicitado na reunión no Parlamento, AGA pediu que fora incluida unha liña de indemnizacións para compensar os danos causados. Ademais, plantexouse a posibilidade de subvencionar a reposición de enxames dentro do Plan Apícola 2017, na liña E de apoio á cabana apícola. Aínda que a petición foi denegada, tivo como resultado positivo o compromiso da Consellería en estudiar unha convocatoria de subvención dirixida exclusivamente a iso.


Mesa redonda: Vespa velutina, métodos de protección das colmeas "Experiencias ca arpa eléctrica"

A arpa eléctrica é un sistema de protección de colmeas fronte o ataque do tártago asiático, especialmente durante o verán cando é máis numeroso, chegando a provocar o debilitamento ou a morte da colmea. O método consiste nun aparato de forma rectangular ou cadrada, atravesado por fíos metálicos cunha separación de 2 cm, para que as abellas poidan pasar entre eles pero a velutina non. Estes fíos están conectados a un sistema eléctrico que emite unha descarga cando o tártago entra en contacto, polo que queda aturdido e cae nun recipiente normalmente de auga no que finalmente morre. As arpas colócanse entre as colmeas para atrapar as velutinas cando pasan entre elas.

Os socios de AGA Ramiro Freire, Oscar Abad e Dieter Boisits presentaron os seus modelos artesanais de arpa eléctrica e expuxeron as ventaxas que presenta este innovador método. O sistema base é o mesmo nos tres casos pero cada un presentou algunhas melloras que foi aplicando coa súa experiencia.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Dieter Boisits, incorporou na arpa un inxenioso sistema de recollida das velutinas, no cal sustituiu o recipiente de auga por un que permite a saída de abellas que caen na trampa a través dun excluidor de raíñas. O sistema eléctrico que alimenta o aparato é autónomo, que permite utilizalo no monte, e ademais ten un sistema para que se programe o apagado durante a noite, cando non é necesario nin prudente que funcione. A experiencia de Boisits é moi positiva, no seu colmear reduciu de forma notoria o ataque, permitindo ás colmeas traballar con normalidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Óscar Abad amosou unha arpa eléctrica a modo de cubo que funciona como unha trampa, colocando no seu interior un atraente convencional e que sustitúe ás colmeas de atraente. O material é de PVC para aumentar a durabilidade e leva un sistema de tensión dos cables. Para o funcionamento utiliza unha placa convencional tipo matamoscas conectada á rede eléctrica, pero está traballando nun sistema de alimentación autónomo que funcionaría cunha batería ou con placas solares e no que se integraría unha célula fotoeléctrica para o apagado automático durante a noite. Explicou que é convinte colocar unha rede de 1,5 m de alto diante das colmeas e poñer as arpas entre a rede e as colmeas, creando así un pasillo polo que obrigar a circular ás velutinas. Tamén se podería poñer unha rede nos ocos entre as colmeas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Por último Ramiro Freire contou os resultados satisfactorios da súa experiencia. Ós poucos días de colocar as arpas retirou unhas 3000 avespas e ó longo do tempo a presencia de Vespa velutina era case inexistente no seu colmear, pois deixou de ser unha fonte de alimentación fácil para os niños dos arredores. As abellas traballaban sen presión e con total normalidade. Para él o problema actual é a autonomía do aparato e está estudiando o uso dunha batería de 12 V que podería alimentar 5 arpas. Tamén advertiu que este sistema hai que utilizalo con precaución xa que ten os seus riscos ambientais, poden caer moitos outros insectos ou animais pequenos como paxaros, especialmente pola noite se non se ten o coidado de telo apagado.

Para rematar o portavoz de AGA Xesús Asorey anunciou que a asociación presentará este ano unha subvención para a constitución dun grupo de innovación no que traballarán estes tres socios, coa finalidade de realizar un modelo de arpa eléctrica viable económicamente e que poida estar a disposición dos socios e socias.

 

Tratamento de doenzas coa picada da abella (artrose, reumas)

A apiterapia utiliza os produtos da colmea para o tratamento dun gran número de enfermidades e problemas de saúde en xeral con fins terapéuticos e preventivos. Un destes produtos é a apitoxina, o veneno da abella, cun recoñecido valor dentro da medicina natural.

José Castro, apiterapeuta socio de AGA, explicou cales son as características da apitoxina e como debe ser suministrada. A apitoxina está especialmente indicada para casos de artrite, artrose, esclerose, fibromialxia, lesións deportivas, lesións de ligamentos, osos ou articulacións, doenzas musculares, etc. A aplicación pode ser directa, cando a abella pica directamente sobre a pel, ou indirecta, a través dunha rede pola que atravesa o aguillón da abella. No segundo caso a abella non perde o aguillón porque non o clava directamente na pel e polo tanto non debería morrer, pero Castro aclarou que normalmente a abella non sobrevive e remata morrendo pouco máis tarde. Tamén se pode suministrar por inxección, aínda que esta modalidade non está permitida en España, ou por fonoferese e electroferese que, polo seu elevado custe, teñen moi pouco uso.

Antes de comezar un tratamento con apitoxina é imprescindible realizar unha proba alérxica. No caso de doenzas musculares, normalmente o tratamento con apitoxina elimina as molestias en 4 ou 5 sesións. Para enfermidades inmunolóxicas, despois do tratamento é preciso realizar recordatorios, xa que nestes casos a apitoxina non pode curar de forma definitiva, pero sí mellorar moito o estado de saúde. Existen algúns apiterapeutas actualmente tratando incluso a enfermidade do VIH con resultados moi satisfactorios. Hai algunhas enfermidades nas que está contraindicado o uso do veneno da abella: enfermidades coronarias, anemia, tumores malignos ou tuberculose. Tampouco se debe de aplicar  en estado de embarazo ou durante o período menstrual. 

En España actualmente existen uns 20 apiterapeutas certificados, entre os cales Pedro Pérez de Madrid é un dos máis recoñecidos. José Castro rematou a súa ponencia cun vídeo deste famoso apiterapeuta que recomendamos: https://www.youtube.com/watch?v=IsLNxqHHMao

 

Conclusións sobre o Programa "STOP Velutina"

O programa Stop Velutina que AGA levou a cabo no 2016 tiña dous obxectivos principais. O primeiro era reducir o número de niños da avespa asiática coa colocación masiva de trampas na primavera para a captura de raíñas fundadoras e o segundo estudiar a efectividade e selectividade de diferentes métodos de captura.

Sandra Rojas-Nossa, a responsable da investigación, explicou as conclusións en base ós datos acadados no estudo. Comezou explicando o rápido proceso de invasión desta especie, de 2 niños atopados en Galicia no 2012 chegou a 11.452 no 2016. Cada especie ten unha capacidade de carga, é decir, un número determinado de individuos que poden convivir nun determinado ambiente, pero no caso da Vespa velutina non o coñecemos todavía pois continúa expandíndose por novos territorios. No 2014 unha investigación francesa aportou algúns datos relevantes: por km2 pódense atopar ata 12 niños cunha distancia promedio entre eles de 150 m e non parece que haxa competencia entre raíñas.  Aínda que cada vez temos máis estudios e experiencias, quedan todavía moitas preguntas sen resposta. ¿Cal é o seu radio de acción para alimentarse? ¿Cal é a dispersión das fundadoras antes e despois da hibernación? Son algunhas delas.

A meta de todas as investigacións é a de reducir a poboación invasora e os seus efectos nocivos no medio ambiente, para o cal AGA puxo en marcha o programa Stop Velutina. Na colocación de trampas preventivas participaron uns 500 apicultores que colocaron 950 trampas, nas que se atraparon 10.000 raíñas. En canto ó estudo da efectividade do método de captura, colocáronse combinacións de tres tipos de trampas con tres tipos de atraíntes: caseira, Avispaclac e Vetopharma. As trampas foron colocadas polas Delegacións de AGA en diferentes zonas de Galicia e recolléronse en total 1000 mostras. Unha das observacións máis significativas é que utilizando a mesma trampa con diferentes atraíntes, o resultado é moi similar, concluindo polo tanto que o tipo de trampa é máis significativo que o tipo de atraínte.  En xeral, a trampa caseira é a que atrapou menos exemplares de velutina, seguida de Vetopharma e a que máis Avispaclac. En canto a selectividade son todas bastante deficientes, de tódolos individuos recollidos menos do 1% era de Vespa velutina, sendo a maioría de insectos atrapados moscas. A máis selectiva foi a trampa de Vetopharma, por cada avespa asiática atrapou outros 177 insectos, a Avispa-clac 190 e a caseira 200. Dos resultados obtidos na investigación, Sandra Rojas concluiu afirmando que a trampa de Vetopharma é a máis efectiva dos tres métodos analizados. Outros datos interesantes recollidos na investigación foron o pico máximo de captura de raíñas que se dou no mes de maio e que as primeiras obreiras en aparecer tardaron 40-48 días dende a saída das primeiras raíñas. Noutros factores evaluados, como o ambiente (rural ou urbano), a proximidade de flores ou puntos de auga, non se observaron diferencias. Sí en cambio nas trampas colocadas preto de colmeas, que atraparon maior número de individuos.

A investigadora sinalou que é crucial para a loita contra o tártago asiático continuar co monitoreo e advertiu que debemos respetar a Vespa Crabro e retirar as trampas se aparecen exemplares desta especie. Para rematar, anunciou que no 2017 o programa Stop Velutina de AGA continúa coa investigación de sistemas de protección de colmeas para utilizar durante o verán.

 

Presentación Erica Mel en Etiopía

A consultora para o desenvolvemento Lisette Zewuster presentou a experiencia de colaboración realizada no 2016 entre a fundación holandesa Agriterra, a cooperativa Erica Mel e a unión de cooperativas Meles Union de Etiopía.  A Fundación Agriterra traballa con cooperativas agrícolas en países do sur, coas que realiza proxectos co fin de mellorar o seu desenvolvemento e a comercialización dos seus produtos.

Lisette Zewuster foi a encargada de viaxar a Etiopía en nome de Agriterra para realizar unha análise sobre Meles Union e estudiar as posibilidades de exportación dos seus meles. Zewuster solicitou a colaboración de Erica Mel para obter información sobre o modo de produción e comercialización dos meles galegos e trasladarlle a información á cooperativa africana. Etiopía é o maior produtor de mel e cera de África, sitúase no 9º posto en produción de mel a nivel mundial e o 3º en cera. Neste país existe unha antiga tradición apícola e conta cun forte mercado nacional. O 85% da produción de mel vai destinada á elaboración dunha bebida nacional parecida ó hidromel, o resto vai principalmente para mel de mesa e só un 3% para exportación. Hai uns 10 millóns de colmeas no país, entre tradicionais e modernas, e existen 5 especies diferentes de Apis mellifera. A produción media varía dende os 7 Kg na colmea tradicional, 15 Kg a keniana e 40 Kg a Langstroth. Existen tres variedades de mel principalmente, según a súa orixe floral, e que se diferencian claramente pola súa cor: blanca, amarela cremosa e vermella líquida. Meles Union está formada por 18 cooperativas do norte de Etiopía, con 572 apicultores e apicultoras, a metade son mulleres, que teñen un total de 440 colmeas tradicionais e 1361 colmeas langstroth según os rexistros oficiais, pero hai moitas máis colmeas que non están recollidas. A cooperativa ofrece servizos de suministro de materiais, comercialización de produtos e formación dos seus socios e socias. 

Despois da análise realizada por Zewuster, a principal oportunidade de Meles Union é que conta cun bo produto ben valorado no mercado nacional. A cooperativa paga ós produtores entre 4 e 7 € ó Kg de mel a granel e a demanda de consumo no país chega prácticamente ó 100% da produción, polo que o gran potencial da cooperativa etíope é o mercado doméstico máis que a exportación. Ó ser un produto de elevado valor, hai unha forte alerta no sector pola adulteración do mel. Zewuster considera que existen posibilidades de diversificación e conseguir valor engadido nos produtos de Meles Union, como por exemplo un selo ecolóxico, na práctica o produto xa é ecolóxico pero faltaría unha certificación oficial, ou unha denominación de orixe, pois na zona onde está ubicada a cooperativa recóllese un tipo de mel con características especiais que o fai un produto diferente e valorado. Pola contra, as debilidades de Meles Union son as deficientes condicións no envasado, hixiene, limpeza e instalacións e un baixo nivel organizativo, falta de persoal e recursos sobre finanzas e xestión interna. Isto supón un impedimento para continuar co proxecto da Fundación Agriterra, que non se compromete con organizacións inestables. Pero hai un interese en seguir colaborando polo que acordaron seguir traballando co fin de acadar unha mellor organización e maior profesionalización.

Agriterra comezará próximamente outro proxecto apícola en Zambia, polo que Erica Mel seguirá viaxando con Lisette Zewuster polo continente africano, do que nos seguirá informando en vindeiras xornadas.

 

Apuntes para tramitar as axudas do plan apícola 2017 e últimas novidades sobre o rexistro das explotacións apícolas.

O veterinario de AGA Gonzalo Calvo explicou aspectos importantes relacionados co Plan Apícola 2017. Para solicitar a subvención é requisito imprescindible realizar a validación do Caderno de Explotación Apícola e de Trashumancia (CEAT), sempre antes do 1 de marzo de cada ano, nas Oficinas Agrarias Comarcais.

Esta validación conleva a comprobación dos datos referentes á actualización do número de colmeas, é decir, compróbanse as variacións do censo co respecto ó 31 de decembro do ano anterior.  As colmeas adquiridas con posterioridade á realización do censo anual non serán tidas en conta na subvención en curso, xa que non constan no censo do ano de convocatoria da subvención. Ademais, verifícase tamén a realización do tratamento anual contra a varroa, no apartado "Rexistro de tratamentos" onde constan os datos relativos á receta do veterinario. Esta receta, que é preciso conservar para xustificar a aplicación do tratamento, fai referencia ao medicamento utilizado e debe levar consigo o cuño do veterinario e máis o do centro dispensador do medicamento. Hai algúns tratamentos como por exemplo o Thymovar que non precisan de receta se non que é suficiente con conservar un albarán de compra.

Sinalou tamén o veterinario de AGA que este ano estanse xa entregando uns cadernos novos que sustituirán ós anteriores, nos cales serán os propios apicultores e apicultoras os que terán que encher a folla referente aos tratamentos, tomando como referencia a receta do veterinario.


Voltar