+ 34 981 508 142

Reunión en Ortigueira para artellar un plan de control sobre a Vespa Velutina

Concellos da costa norte de Galicia reuníronse en Ortigueira o pasado 14 de xaneiro con representantes de AGA Asociación Galega de Apicultura e outros colectivos para artellar un plan de control sobre a praga da Vespa Velutina.

A Asociación Galega de Apicultura convocou esta reunión co obxecto de implicar á administración e outros colectivos afectados pola presenza da Vespa Velutina. A convocatoria tivo unha elevada participación, polo que AGA agradeceu a presenza dos asistentes: Concellos de O Vicedo, Alfoz, Xove, Cedeira, Ares, As Pontes, A Capela, Narón, Cariño, Valdoviño, Ortigueira e San Sadurniño, AGA Asociación Galega de Apicultura, Delegacións de AGA Eume, Ferrolterra e Ortegal, Asociación de Fruta Autóctona, Fruticultores de Galicia, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, GES de Ortigueira, GES de Ourol.

O motivo da reunión era tratar de vixiar e controlar esta enorme praga de vespas asiáticas que se desatou este ano en toda a costa norte de Galicia, provocando alarma social entre os apicultores, fruticultores e madeireiros, pero tamén con episodios peligrosos para o público en xeral. Informouse tamén dunha nota de prensa da Consellería do Medio Rural e do Mar enviada ós medios esta mesma semana e dunha convocatoria, da mesma Consellería, de reunión das partes implicadas no protocolo de actuación da Xunta para o día 19 deste mes, cousa que AGA leva tempo declamando.

Despois de tomar a palabra os distintos participantes acordouse:

1.- Esixirlle á Xunta unha dotación suficiente ao servizo 012 para a retirada dos niños avistados de vespa velutina, que según a maioría dos asistentes resultou altamente insatisfactorio este ano, tanto en medios coma en eficacia.

2.- Os concellos presentes comprometéronse en aquirir un equipo mínimo de intervención inmediata, pértega con suministro dun insecticida para eliminar niños, sobre todo para lugares onde haxa risco para a poboación.

3.- Realizar unha campaña intensiva de información sobre colocación de trampas tanto no outono coma na primavera para capturar raíñas e así evitar niños. Nesta campaña poderían colaborar distintos estamentos: Xunta, concellos, asociacións de todo tipo, colexios etc.

4.- Tamén se elaborará un convenio tipo de colaboración para asinar entre AGA e os concellos con motivo de realizar distintas actividades para a vixianza e control desta praga.

AGA considera altamente satisfactoria esta reunión e móstrase optimista cara o futuro. Sobre todo porque en Francia hai distintos centros de investigación que están realizado os traballos básicos para elaborar unha feromona que permita capturar raiñas en outubro, novembro e de febreiro a abril co obxecto de minimizar os efectos desta praga.


Voltar