+ 34 981 508 142

Reunións de AGA con concellos e a Consellería de Medio Rural para tratar a expansión da Velutina

25 de agosto de 2015

A Vespa Velutina xa está presente en 93 concellos de Galicia, principalmente na costa e nalgunhas zonas no interior, sendo Galicia xunto con Euskadi as comunidades máis afectadas en España. Os niños de avispa asiática están aparecendo por todas partes, en cidades, montes, zonas de cultivo… creando graves problemas entre os apicultores e a poboación.

Ante esta situación e despois da reunión en Ortigueira no pasado mes de xullo, AGA e as delegacións máis afectadas, decidiron convocar ós concellos e á Consellería do Medio Rural e do Mar para tratar  este problema medioambiental e de seguridade cidadá xerado pola Vespa Velutina.

Xuntanza cos concellos afectados o 28 de agosto en San Sadurniño

Temos xa confirmada a xuntanza cos concellos para o vindeiro venres 28 de agosto en San Sadurniño, para tratar este problema e artellar entre eles a AGA unha postura común para levar á próxima reunión coa Consellería.

Á espera de resposta por parte da Consellería de Medio Rural

No mes de xullo presentouse unha carta á Consellería, que temos publicada na web neste artigo, na que se solicita realizar unha reunión para a posta en marcha de novas medidas:

1.- Triplicar o número de trampas e atraíntes para usar polo menos na vindeira primavera. Esta petición está basada na experiencia de Mondoñedo, que debe ser o único lugar en Galicia onde hai menos velutinas co ano pasado, xa que capturaron moitas fundadoras na primavera.

2.- Habilitar uns fondos aos que poidan ter acceso os concellos afectados e que sexan estes os que realicen este servizo en colaboración cos abelleiros da zona. Retirada dos niños e apoiando aos concellos ven dado pola experiencia do Concello de Oleiros que a día de hoxe leva retirado 100 niños, pero recoñecen que non poderán asumir este gasto eles sós por moito máis tempo. Polo tanto aquí é onde imos ver o que propoñen os concellos e ademais que nomeen representantes para ir connosco á Consellería.

3.- Que habiliten fondos para investigar os métodos de loita máis axeitados, como a elaboración dunha feromona específica para utilizar nas trampas etc. Temos a notificación dunha convocatoria de axudas á investigación onde pode entrar a velutina. Parece que os franceses están perto de quitar o mercado as feromonas selectivas, será un bo paso, pero tamén nos vai costar cartos.

4.- Agora mesmo o problema é de seguridade cidadá. Hai quen opina que a asiática non é máis agresiva ca do país pero hai 3 diferencias que as fan moito máis perigosas:

- Estamos atacando os niños, cousa que non facemos cas do país e entón atacan elas tamén.

- Os niños da Velutina teñen moitos máis indivíduos, as do país uns 200 e uns 15.000 a velutina.

- Neste momento hai moitos máis niños de velutinas que as do país, na área de colonización da velutina.


Voltar